11/4/12

A Escola de Chicago (II): xeneralidades

Pola escola de Chicago entendemos un estilo arquitectónico xurdido a finais do século XIX e principios do XX. Foi pioneiro na introdución de novos materiais e técnicas para a construción de grandes edificios comerciais.

Falamos constantemente da procura de novas construcións baseadas en estilos pasados. Pero haberá excepcións, como será o caso da Escola de Chicago. Esta xorde nun contexto, na que a cidade é máis próspera, aumenta considerablemente o nivel demográfico o que supuxo que o urbanismo adquirise unha relevancia máxima. 

Chicago é o símbolo do novo expansionismo e entre 1850 e 1870 a cidade duplica os seus habitantes. A estrutura urbana defínese ao consolidarse o Loop, centro terciario especializado. O Loop é o cerebro dunha organización territorial bipolar: a concentración terciaria como contrapeso de asentamentos residenciais suburbanos descentrados: Evanston, Lake Forest, Oak Park (zona imprescindible para seguir a pista de F. Ll. Wright).
 Vista actual do Loop desde a Torre Sears

Tras o gran incendio de 1871, xorde a necesidade de crear novos edificios e tamén un novo concepto na arquitectura daqueles anos: o rañaceos. O gran incendio de Chicago que se produciu no ano 1871 demostrou que as paredes exteriores armadas con ferro coado non resistían a calor, e puxo de manifesto a necesidade dun sistema de construción que a fixese resistente ao lume. A solución a este problema, consiste na unión de estruturas ou armazóns co ladrillo ou mampostería, foi achada primeiramente por Williams Le Baron Jenney co seu Home Insurance Building en Chicago, edificio de dez pisos que mais tarde haberá de ampliar. No seu aspecto exterior a construción de Jenney mostraba aínda reminiscencias dos estilos anteriores. 

Chicago era unha cidade florecente, por iso prodúcese unha gran especulación sobre os terreos e unha gran demanda de construción. A solución que se adopta é a construción en vertical: moitos pisos elevados sobre unha planta reducida. Como é lóxico, empezáronse a construír edificios cun número de pisos que a nós nos parecería ridículo pero que neses tempos era todo un logro; estamos falando de edificacións que poderían oscilar entre os 10 e os 16 pisos de altura. O rañaceos foi acollido desde un principio cun carácter concreto, foi entendido como un elemento constitutivo da paisaxe urbana. Representaba un novo tipo de volume interior continuo e unha especie de punto de referencia espacial. Paralelamente ao surgimiento dos rañaceos, aparecerán os primeiros ascensores eléctricos.

Na maioría dos edificios pertencentes á Escola de Chicago, atopamos varios elementos comúns que podemos considerar como características xenerais desta Escola: 
- Estruturas metálicas (esqueletos ou armazón de ferro) que, entre outras cousas, permitirá realizar edificios con gran altura. 
- Uso do alicerce de formigón como soporte ou cimento. Será a solución ao desafío de construír sobre un chan arenoso e fangoso. 
- Fiestras estendidas horizontalmente por toda a fachada (coas dimensións que se desexe, dado que xa non serán necesarios os chamados muros de carga): 
- Posible eliminación dos muros de carga (grazas a esta estrutura metálica) 
- Desenvolvemento do ascensor eléctrico 
- Con respecto ao exterior, suprímense os elementos decorativos (tan habituais na arquitectura artística de finais do século XIX). Apóstase por superficies lisas e acristadas. Predominan as liñas horizontais e verticais. -Atractivas fachadas de mampostería.

No hay comentarios: