5/3/12

Pedro de Mena: Magdalena penitente



Esta Magdalena penitente de Pedro de Mena vai asinada en tres lados da base co texto “Petrus D. mena Medrano Granatensis Faciebat Anno 1664”, feita na etapa de Málaga, para a Casa Profesa dos xesuítas de Madrid (1664 a 1767), de onde pasou ao Oratorio de san Filipe Neri (ata 1836), logo estivo nas Salelas Reales (ata 1870), no Museo da Trinidad de Madrid (ata 1921) e no Prado (ata 1933) Cando en 1933 créase o Museo Nacional de Escultura en Valladolid foi depositada alí, onde permanece na actualidade, tras algúns anos no Pardo.

Pedrode Mena, natural de Granada é un magnífico representante da escola andaluza da escultura barroca. Un exemplo de como a escultura contribuía, dun xeito próximo e accesibles polos fieis, a acadar a devoción pública e á exaltación da relixiosidade.

Pedro de Mena, fillo do tamén artista Alonso de Mena, aprendeu no obradoiro do seu pai, primeiro e de Alonso Cano, despois, o dominio da técnica da talla. Mais foi a súa propia capacidade creadora a que lle daría unhas características de seu, mesmo chegando a configurar un novo prototipo da Magdalena que sería reproducida en multitude de ocasión. De feito, se desde 1652 traballou no obradoiro  de Cano, non amosou grande interese pola serenidade elegante do seu mestre senón que buscou o ascetismo como xeito de expresión unha grande relixiosidade.

Xa lembraredes que coa Magdalena, a igrexa trata de amosar a importancia do arrepentimento, a importancia de afastarse de vida en pecado para achegarse á cruz da salvación espiritual.

Esta obra foi realizada en madeira de cedro, en tamaño natural. Toda a peza trata de expresar a fonda relixiosidade do arrepentimento mediante xestos moi marcados como a man dereita que repousa sobre o peito nun xesto sumamente teatral e que serve para acentuar o patetismo. Na man esquerda sostén con firmeza o crucifixo, como se levara á Magdalena ao mundo sobrenatural, ao máis alá; amosa unha tendencia corporal cara diante para que centremos a nosa visión na cruz, símbolo da redención; a mirada dirixida ao crucifixo como se buscara auxilio, perdón ou comprensión. O rostro, igualmente, é todo un prodixio de concentración de emocións: os beizos están resecos, a boca entreaberta, os ollos encarnados, as meixelas moi ríxidas a fronte enrrugada… É xa que logo, un rostro cheo de misticismo.

A vestimenta, túnica  que semella estar confeccionada con folla de palma, rexeita calquera contido sensual, sendo máis ben pobre e tratando de evitar calquera distracción dos fieis.  Está atada cun lazo da mesma feitura, amosado unha gran destreza técnica. A Magdalena vai descalza, para remarcar, aínda máis, o seu arrepentimento. Ten unha perna botada cara adiante, mais non da a sensación de movemento.

Sobre esta obra e o seu autor non deixedes de visitar a enciclopedia do Museo delPrado.
As fotos son de INICIARTE.

No hay comentarios: