1/3/12

Gregorio Fernández: A Piedade


Tras coñecer algo máis o seu Cristo Xacente, imos hoxe deternos na obra Piedade do lugués Gregorio Fernández que tamén podémola contemplar no Museo Nacional de Escultura de Valladolid. Lembremos que o de Sarria é considerado coma o mellor expoñente da escultura barroca castelá, da escola de Valladolid, dunha escola que pretendía transmitir relixiosidade polo impacto visual das súas obras, polo impacto emocional que transmiten as súas esculturas.

Trátase dunha obra en madeira policromada por Marcelo Martínez e con vidro nos ollos. Podemos datala en 1616 e a súa pintura no ano seguinte. Procede da Confraría da Nosa Señora das Angustias de Valladolid. Debemos dicir que inicialmente formaba parte do paso procesional “Paso da Sexta Angustia”. Foi mandada realizar para sustituír ao vello “papelón” pois así chamábanse aos pequenos pasos  nos que se empregaba, ademais de madeira e tea, cartón encolado. Como se pode apreciar nas fotos, o conxunto que hoxe podemos ver consta da Virxe, Cristo morto e os dous ladróns crucificados, mais orixinalmente tamén figuraban María Magdalena e san Xoán.


Loxicamente a nosa atención deberá deterse na figura feminina do conxunto, onde apreciamos como, cun xeonllo, a Virxe soporta o peso do seu fillo recén morto, mesmo semellando que esbara. María suplica ao ceo coa mirada e co brazo dereito. Xa non é un tipo compositivo coma o da Piedade do Vaticano de Miguel Anxo. Aquí xa non hai unha composición, pechada, piramidal e equilibrada, senón que priman as liñas diagonais e as asimetrías, como debe ser en toda obra obra barroca.


O corpo morto marca unha liña diagonal, dándolle ao conxunto unha clara asimetría. Ademais, Gregorio Fernández volve amosar o seu dominio técnico, a súa capacidade de transmitirnos o verismo das súas obras, a través do corpo espido. Fronte á figura do Cristo espido, saliéntanse as vestimentas da súa nai: grandes panos en que marcan fortes contrastes lumínicos. É dicir, puro teatro, puro teatro barroco.


O rostro do Cristo volve ser todo un exempro do dominio técnico de Fernández. E... por suposto, coa boca entreaberta.


Tedes máis información sobre a obra deste lugués, no blog de Paco Hidalgo, Artetorreherberos. As fotos son de INICIARTE.

1 comentario:

PACO HIDALGO dijo...

Muy buena entrada sobre el gran imagenero del norte de España, Gregorio Fernández, tan distinto a los imagineros más dulcificados andaluces. Un cordial saludo, Antonio.