18/1/12

A Porta do Sarmental da catedral de Burgos


Dentro da escultura gótica española é de salientar a porta sur da catedral de Burgos, coñecida como a do Sarmental. Desde a Praza de san Fernando, accedese á porta meridional tras salvar unha gran escalinata. Foi levantada entre os anos 1230 e 1240. Está dedicada ao tema arcaizante de Cristo en Maxestade, aínda que empregando unha plástica innovadora. 

A decoración escultórica concéntrase no tímpano, nas archivoltas, no mainel e nas xambas. Son varias as teorías sobre a autoría e as influencias que deixan ver estas esculturas. 

Parece ser que se poden distinguir ata tres autores diferentes: o máis salientable (Mestre do Sarmental) faría o tímpano coa Maiestas e o Tetramorfos (influenciado polo mestre do Bo Deus de Amiens), un segundo faría o lintel (influenciado polo autor da fachada norte da catedral de Reims) e un terceiro traballaría nas archivoltas. O traballo das xambas sería algo posterior.

O elemento sobranceiro desta porta é o tímpano, delimitado dentro do muro por unha moldura con decoración vexetal e tres archivoltas, onde se representa, dun xeito arcaizante, a Cristo sedente en maxestade (Pantocrátor) amosando o Libro da nova lei que apoia nun xeonllo. Ao seu carón figuran os catro evanxelistas cunha dupla representación xa que, figuran como tales e, ademais, polo tetramorfos. Deste xeito temos á esquerda e dereita o anxo e animais símbolos dos evanxelistas: san Marcos ao carón do león e san Lucas co touro que semellan escribir o novo testamento. Mentres que san Xoán sobre a aguia e san Mateo atópase sobre o anxo. Estes dous últimos evanxelistas está ubicados sobre un nivel superior. Os catro evanxelistas están sentados e escribindo sobre atrís. 

O tímpano está dividido en dúas partes por un saínte ondulado, como se fora unha onda do mar como símbolo da bóveda celeste que cobilla a Xesús. Se conceptualmente a obra é arcaizante, tamén o é o emprego da perspectiva xerárquica, posto que os catro evanxelistas son dun tamaño moito menor que o personaxe central. 

O tímpano vai protexido por tres archivoltas. Na primeira apreciamos unha ringleira de anxos e serafíns que adoran a Xesús. Nas outras dúas van situados os vintecatro anciáns do Apocalipse con instrumentos musicais (sóanos de algo esta iconografía?), varios coros de anxos e unha alegoría das artes. Parece ser que este grupo sería tallado por artesáns locais dirixidos por Mestres franceses. Todas estas esculturas aséntanse sobre unha peaña. 

A porta está dividida por un mainel cun bispo representado. Parece ser que non sería a primeira escultura nese lugar tan sobranceiro. Trátase do bispo Mauricio, comitente da obra, con mitra estrelada e unha placa decorada con pedras. Sobre el doselete que o protexe atópase o Año Místico (outro elemento iconográfico extraído do Apocalipse). 

Nas xambas laterais están representadas seis figuras, de cronoloxía posterior ao resto da porta, sendo identificables Aarón, Moisés, sa Paulo e san Pedro. 
Ademais deste conxunto escultórico tamén podemos deter a nosa atención na súa parte superior. A finais do século XIII foron levantados os poderosos contrafortes que rematan en pináculos. Os dous corpos superiores, reproducindo a estrutura da fachada occidental, teñen un gran rosetón y unha galería aberta con tres arcos cuns intradorsos calados con tripla cuadrifolia e que se asentan sobre maineis ao tempo que se pode contemplar un conxunto escultórico interpretado como a Diviña Liturxia, onde Cristo administra a Eucarística, rodeado por unha ducia de anxos ceriferarios e turiferarios (premio para quen me diga o significados destas dúas últimas palabras) 


Xa quedou anotado que a concepción iconográfica é un tanto arcaizante, máis mirando cara ao pasado (escultura románica) que ao futuro (escultura gótica). Non obstante podemos apreciar elementos dunha tendencia naturalista que se separan da abstracción románica. Ben é certo que o Cristo é aínda conceptualmente románico pero tamén o é que cada figura está humanizada (xestos, movemento, actividade) e que o conxunto do programa iconográfico ten unha fonda inspiración no novo concepto espiritual procedente da Francia gótica: un Cristo novo, mozo, máis próximo ao fiel; un Cristo conciliador, máis comunicativo e accesible. Os restantes personaxes van representados cun gran naturalismo, con corpos proporcionados, cun claro senso narrativo e estético e cunha individualización.
 Fotos: INICIARTE.

1 comentario:

Website design Brisbane dijo...

My spouse and I stumbled over here different web page and thought I should check things out.

----------------------------
Website design | Website design Adelaide | Website design Brisbane