A lonxa de Palma de Mallorca é un dos edificios máis sobranceiros da capital balear. É o meu favorito. Constitúe a culminación das obras civís góticas na illa ao tempo que se anuncia o renacemento arquitectónico. Foi edificada entre os anos 1429 e 1452 debido á grande actividade portuaria e foi destinada á bolsa e lugar de xuntanza dos mercadores.
O responsable desta obra no seu conxunto (deseño e construción) foi Guillem Sagrera, quen con anterioridade xa demostrara a súa mestría no portal do Miradoiro da Catedral, na súa capela de san Guillerme e na igrexa de san Xoán de Perpiñán. Tras rematar as obras nesta Lonxa, marchou a Nápoles onde exerceu o seu oficio na reconstrución do Castell Nuovo e na súa Gran Sala, ambas obras de marcado carácter renacentista.
Conta con dúas fachadas destacadas, a principal, cun anxo (patrón dos mercadores) no tímpano sobre un mainel e a de poñente que ten unha Virxe cun anxo que a coroa. En cada fachada lateral ábrense dúas grandes xanelas que amosan o característico deseño de Sagrera e os seus discípulos. Outro elemento característico deste arquitecto serán as catro esquinas con catro torreóns semioctogonais. Cun menor tamaño as torres repítense, dividindo as fachadas de acceso en tres lenzos e en catro as laterais, coincidindo coa distribución das columnas do interior.
Toda a cuberta exterior conta cunha galería de xanelas conopiais rematada cunha crestería de almeas. O deseño desta galería tivo moito éxito xa que foi reiteradamente copiada nos porches das grandes casas da cidade.
No interior, a planta da construción é rectangular, con tres naves da mesma altura. Seis columnas helicoidais, sen basa nin capitel, dividen o espazo. Este deseño das columnas foi logo imitado na Lonxa de Valencia ou no Castel Novo de Nápoles, onde, como xa quedou dito, traballou o mestre Sagrera. As estrías helicoidais que conformas as columnas, despréganse pola cuberta formando os nervios das bóvedas ata incrustarse directamente nos muros. A disposición das columnas en catro tramos transversais maniféstase, tamén, nas fachadas laterais en catro lenzos que se coroan con pequenos torreóns octogonais.
En cada curruncho achaflanado do interior hai unha pequena porta cun arco conopial, decorado cada imaxe dun evanxelista. Da porta do sur-oeste sube unha escaleira de caracol ata a terraza.
No centro da bóveda figuran os escudos da Cora de Aragón e o da cidade de Mallorca nos laterais. Están policromados con ouro.
Na actualidade é unha sala de exposicións, tal e como se pode comprobar nas fotos. Unha zona axardiñada separa este edificio co antigo Consolat de Mar (sede do Govern de les Illes Balears).
1 comentario:
Igual que con la Catedral de Palma, estupendo este post sobre la Lonja de Palma; hoy la hemos visto, precisamente, en clase. Buena semana, Antonio.
Publicar un comentario