7/11/11

Arte Asturiana: o Prerrománico (I)


Tras unha recente visita a Asturias, imos pór en INICIARTE unha serie de entradas adicadas á arte prerrománica asturiana da que estou prendado desde que a coñecín na primavera do 1980 (como pasa o tempo…)

Que a arte prerrománica asturiana? De onde saíu a monarquía asturiana?

Unha aclaración previa sobre a “Reconquista”. Para min ese concepto é erróneo ou se queredes unha “entelequia histórica inexistente”. Non sería mellor falar dunha guerra de conquista? Ou ben para os que consideran o concepto de “España” vencellado á península, como a primeira guerra civil?

Politicamente os monarcas asturianos pretendían considerarse continuadores da monarquía visigoda (aquela inestable de permanentes enfrontamentos, conquistadores do reino dos suevos…) Relixiosamente dependían da sede primada de Toledo ocupada polos musulmáns. Precisamente por este feito parece lóxico que Afonso II apoiara tan decididamente a milagrosa aparición dos restos do apóstolo en Santiago (máis vale cura en man que voando por Toledo…)  Durante os séculos VIII e IX formouse o reino asturiano, nunha constante loita pola subsistencia fronte ao poderoso conquistador musulmán.  Mais non conseguiron superar o século X posto que ao trasladar a capital de Oviedo a León, cos ollos postos en horizontes militares máis  ambiciosos,  perderían a súa especificidade.

Habitualmente fálase da arte asturiana destes séculos coma un elo, ou un reencontro,  coa cultura occidental europea do momento, tras o paréntese que supuxo a xeira visigoda. Neste senso débese entender a arte asturiana coma unha arte áulica de afirmación política e europeísta da corte dos tres monarcas máis sobranceiros: Afonso II, Ramiro I e Afonso III.

Nos aspectos arquitectónicos ten como elemento moi salientable o emprego do ladrillo con perpiaños irregulares e cachotería (semella  máis a continuación da tradición romana, como nos templos carolinxios, que unha evolución desde a técnica visigoda  dos perpiaños a oso). Tipoloxicamente, prefírense as plantas das igrexas de forma basilical con tripla ábsida rectangular con bastantes similitudes cos templos visigodos.  As súas construcións estaban ricamente decoradas con pinturas murais, de tradición romana ou con temas bizantinos, visigodos e, mesmo, mozárabes. 

Fotos: INICIARTE


No hay comentarios: