
Cando foi feito este retrato, Nicolás Rollin tiña xa uns sesenta anos. Ten unha mirada seria e reservada. Un coetáneo lembraba que “Non había nin un só príncipe que non o temera”. O noso protagonista nacera en Autun en 1376, era un advenedizo, un home “de orixe humilde”. Que fixera carreira nunha corte moi aristocrática e moi pegada á etiqueta, débese, en boa medida, ás súas cualidades (perseveranza, astucia, medida da realidade) pero tamén a outras como o egoísmo e avaricia. “Era moi sabio… polo que se refire aos asuntos mundanos” e “sempre recolleu na terra os froitos da súa colleita”, comentan os cronistas.
Xa no 1419 as capacidades talentos de Rollin chamaron a atención do mozo duque Filipe de Borgoña, quen accedería ao poder tras o asasinato do seu pai (Xoán sen Medo). Tres anos despois Rollin xa era o chanceler do duque, un cargo difuso pero que nas súas mans asemellouse moito ao dun primeiro ministro. Chegou ser o persoeiro máis sobranceiro da corte. Político, diplomático, intrigante...Todos os asuntos do goberno pasaban polas súas mans: guerra, paz, impostos, fianzas. Procurou ampliar as posesións de Borgoña a través das herdanzas, matrimonios e compra de terras. Mais sendo un pequeno estado heteroxéneo, o labor de Rollin fixo especial fincapé na consolidación e centralización do estado, unificando a administración e a xustiza, reducindo os dereitos das cidades e da nobreza. Tamén subiu dun xeito importante os impostos motivo polo cal houbo moitas revoltas de concellos holandés que foron duramente reprimidas.
Nicolás Rollin chegou ser o home máis importante do ducado mais tan o máis odiado, especialmente pola súa cobiza. Era un home que sabía como desviar ao seu propio peto unha parte dos ingresos do estado e tampouco tiña ningún escrúpulo en aceptar subornos. É moi curioso que nun exame de raios x demostrouse que van Eyck representouno, nun principio, cunha bolsa de cartos.
Un coetáneo afirmara sobre o noso Nicolás: “Foi considerado como un dos homes máis sabios do reino, falando do temporal, pero polo que respecta á espiritualidade, prefiro calar”.
Todo o labor político deste chanceler desapareceu ao pouco da súa morte debido á ambición e malas prácticas do último duque, Carlos o Temerario.
Todos os entrecomillados proceden de Rose Mari Rainer Hagen. Los secretos de las obras de arte. Taschen,2002, páx. 34 e ss. Créditos da imaxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario