"O cuarto de Reigosa era grande, limpo, cheo de luz vermella coma o resto da casa. Sobre a cabeceira, na parde, colgaba unha lámina enmarcada, unha reproducción do cadro de Edward Hopper Cuarto de hotel. Caldas lembaraba a pintura orixinal. Víraa con Alba no Museo Thyssen de Madrid. Engaiolárao a soidade da muller sentada na cama, a súa beleza senlleira e o aceno triste. Ante a lámina, Caldas recuperou a sensación de que o pintor profanáralle a intimidade ao sorprendela vestida con aquel camisión rosa e a maleta a medio desfacer. Preguntouse se eles, coma Hopper, non estaban a violar a intimidade de Reigosa".
Domingo Villar. Ollos de auga. Vigo, Galaxia, 2008 (2ª ed.), páx. 36
Segundo a súa ficha, esta obra é descrita do seguinte xeito:
"Nunha anónima habitación de hotel, unha rapariga repousa ao bordo dunha cama. É de noite e está cansada. Quitouse o chapeu, o vestido e os zapatos, e sen apenas forzas para desfacer as maletas, consulta o horario do tren que haberá de tomar ao día seguinte. A soidade das cidades modernas constitúe un dos temas centrais da obra de Hopper. En Habitación de hotel, a parede do primeiro termo e a cómoda da dereita constriñen o espazo, mentres que a gran diagonal da cama dirixe a nosa mirada cara ao fondo, onde unha fiestra aberta convértenos en voyeurs do que sucede dentro. A figura feminina ensimesmada contrasta coa frialdade da estancia, na que predominan as liñas netas e as cores brillantes e planos, avivados pola forte luz cenital".
Texto e ilustración vía Museo Thyssen.
No hay comentarios:
Publicar un comentario