20/6/09

Pazo de Meirás: os xuíces rexeitan o recurso dos Franco

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou o recurso que presentou a filla de Franco contra a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do Pazo de Meirás. Carmen Franco Polo alegou para solicitar a suspensión da catalogación o "alto custo" que lle suporía "a vixilancia e o seguro por accidentes" que tería que pagar para recibir aos visitantes catro días ao mes, tal e como establece a Lei de Patrimonio Cultural da Xunta.

A demandante tamén insistiu no seu recurso para tratar de convencer aos maxistrados do alto tribunal galego de que anulasen a declaración de BIC do Pazo Meirás nos "problemas de orde pública" como "manifestacións de carácter político, actos vandálicos e atentados" que podería ocasionar a apertura do Pazo. "Estas razóns non cabe dúbida de que están apuntando a uns evidentes prexuízos de carácter hipotético, cando non do todo punto irreais", destaca o tribunal no documento no que desestima a petición da filla de Franco.

Os xuíces recalcan que o Goberno galego responsabilizaríase dos "hipotéticos danos patrimoniais" aos que se refire a recorrente. "Sempre atoparían suficientes mecanismos resarcitorios a cargo da Administración galega", subliñan os maxistrados.

O escrito da sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tamén insiste en que o interese público debe prevalecer sobre o interese particular da demandante. "Os prexuízos que pode ocasionar a vixencia do decreto impugnado non son motivo xustificado para acordar a medida de suspensión solicitada", argumenta o alto tribunal galego, quen asegura na orde que valorou o interese xeral que defende a Administración fronte aos prexuízos que, segundo a recorrente, ocasionaría a execución do decreto impugnado, que poderían ser "económicos, xurídicos e sociais".

Carmen Franco tamén asegura no escrito no que pide a anulación da declaración de BIC do Pazo de Meirás que a catalogación do Consello da Xunta responde a razóns "distintas" da conservación do patrimonio. A solicitante afirma que o Goberno autonómico pretende "preparar o camiño para unha futura expropiación".

Texto e foto(Fran Martínez) vía La opinión de A Coruña.

No hay comentarios: