9/6/09

O Dadaísmo: unha introdución


É un movemento artístico que habitualmente é relacionado co surrealismo. Non obstante hai unha serie de factores que os permiten diferenciar con claridade:

1º.- As orixes: Durante a Gran Guerra coincidiron na cidade de Zürich unha serie de artistas que rexeitaban o racionalismo que levou aos europeos á confrontación bélica. Entre eses artistas podemos salientar a escritores como Ball, Tzara, pintores e escultores como Janco, Arp, ou Richter. Reuníanse no Cabaret Voltaire que onde xurde o nome de “dada” que era unha palabra carente de significado. As súas manifestacións artísticas estiveron caracterizadas por seren destrutivas e cun sentido de humor imaxinativo e crítico. Ao rematar a I Guerra Mundial o grupo dispérsase por varios países e comeza a propagación das súas ideas artísticas, destacando na súa difusión Picabia que e difundiría nos Estados Unidos estaría en contacto con Stieglitz, Duchamp e Man Ray.

2º.- Concepción da arte e a relación entre as artes. Rexeitan a arte entendida como parte do sistema cultural que levou á guerra. A arte ten que ser outra cousa por iso rexeitarán a seriedade tradicional buscando a liberación das forzas creadoras, creando ou potenciando novos sistemas expresivos (a fotomontaxe, o collage) que estaban moi alonxados da arte tradicional. Destacarán as “pintoesculturas” de Schwitters co seus “Merz”; Duchamp coa súa poética do “obxecto atopado” ou “ready-made” onde amosa con moita ironía unha fonda crítica contra a mitificación da arte.

3º.- Incoherencia. Foi un movemento enormemente coherente nas súas incoherentes propostas. Tiveron múltiples manifestos e proclamas caracterizadas todos por ser contrapostas mais sempre sendo consecuentes na súa negatividade: crítica da arte e da cultura, apertura do camiño ao surrealismo pola negación do “eu produtivo”, a valoración do onírico e da psicanálise e unha fonda crítica política con activa militancia anticapitalista e antifascista. Nesta última vertente destacará o grupo berlinés encabezado polos debuxos satíricos de Grosz e as fotomontaxes de Heartfield.

4º.- As concentracións dadaístas. Houbo varios núcleos ou grupos, o inicial de Zürich, en Hannover, en Nova York ou en Berlín. Posteriormente tamén en Colonia con Ernst e os seus collages e cadros presurrealistas en París cun un movemento maioritariamente literario destacando Breton quen en 1924 lanzaría o manifesto dun novo movemento o surrealismo.

No hay comentarios: