Son curiosas as opinións que o pintor de orixe italiana pero que desenvolvería a súa actividade artística na corte española, Vicente Carducho (en realidade chamado Vicenzo Carduccio: Florencia 1576-Madrid, 1638) sobre o admirado Caravaggio. E digo admirado a raíz dos comentarios da anterior entrada sobre Michelangelo Merisi.
Carducho, do que hai varias espectaculares obras no Museo de Belas Artes da Coruña, traballou tanto para Filipe II, Filipe III e Filipe IV, sendo para os dous reis pintor de cámara. Probablemente fora o pintor máis senlleiro no Madrid de inicios do XVII ata a chegada de Velázquez. Non deixedes de admirar a súa Cabeza colosal de hombre do Prado. Manifestou as súas concepcións artísticas no libro “Diálogo sobre la Pintura” publicado en 1633 e de onde proceden as seguintes opinións sobre Caravaggio. Debo advertir que o texto está adaptado e traducido ao galego actual.
"Nos noso tempos levantouse en Roma Michael Angelo de Carabaggio (sic), no Pontificado do Papa Clemente VIII, cun novo prato con tal modo e salsa guisado, con tanto sabor, apetito e gusto, que penso que levou o de todos con tanta lambetada e licenza que temo neles algunha apoplexia na verdadeira doutrina, porque lle seguen glotonicamente o maior golpe dos pintores, non reparando se a calor do seu natural (porque é o seu enxeño) é tan poderoso, ou teñen a actividade que o do outro, para poder dixerir simple tan recio, ignoto, en incompatible modo, como é o obrar sen as preparacións para tal acción. Quen pintou xamais e chegou facer tan ben como este monstro de enxeño, e natural, case fixo sen preceptos, sen doutrina, sen estudo, máis só coa forza do seu xenio, e co natural diante, a quen simplemente imitaba con tanta admiración? Oín dicir a un celoso da nosa profesión, que a chegada deste home ao mundo, sería presaxio de ruína, e fin da pintura e que así como ao fin deste mundo visible, o Anticristo con falsos e portentosos milagres e prodixiosas accións levarase tras el á perdición tan gran número de xentes, movidas de ver as súas obras, ao parecer tan admirables (aínda que elas en si enganosas, falsas e sen verdade nin permanencia) dicindo ser o verdadeiro Cristo, así este Ante-Michael-Angel coa súa afectada e exterior imitación, admirable modo e viveza, puideron persuadir a tan gran número de todo xénero de xente que aquela é a boa pintura , e o seu modo e doutrina verdadeira, que volveron costas ao verdadeiro modo eternizarse".
Vicente Carducho. Diálogos de la Pintura. Madrid, 1633.
Ilustración: Carducho "Cabeza colosal de hombre" vía Museo del Prado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario