Cando Bernini esculpió máis tarde o Éxtase de santa Tareixa para unha capela da igrexa romana Santa Maria della Vittoria pretendía por medios similares espertar unha emoción máis relixiosa. San Ignacio dera moita importancia ao valor que ten para un cristián revivir as experiencias emocionais da Paixón de Cristo, a súa Resurrección e Ascensión; e meditar sobre os tormentos do inferno e sobre a felicidade da comuñón con Deus. Bernini, como tantos outros naquela época, fixo os exercicios espirituais prescritos por San Ignacio. A función do grupo de santa Tareixa é que a persoa arrodillada baixo o altar penetre na mística experiencia da santa. Segundo ela mesma, un anxo visitouna armado cun dardo rosado acabado nunha punta de chama. O anxo afundiu varias veces o dardo no seu corazón producíndolle unha dor intensa, pero deixándoa ao mesmo tempo consumida polo amor de Deus. Bernini ofrécenos de novo unha imaxe momentánea: o momento en que o anxo levanta o dardo para volvelo a cravar. Pero o que realmente nos presenta é unha visión do feito. Cando nos arrodillamos na capela o artista creou ante os nosos ollos esta visión. De feito, o grupo escultórico da santa e o anxo é só unha parte da visión total. A santa, esculpida en mármore puído branco, cae desvanecida cara atrás sobre unha nube de cor máis escura, mentres os raios dourados da iluminación divina se esparcen desde arriba, iluminados por unha fiestra oculta. Na bóveda superior, os ceos ábrense revelando máis anxos. E a autenticidade da visión queda reforzada pola irrupción da estrutura arquitectónica cara a nós e pola presenza das figuras de fieis esculpidas en balcóns a cada lado da capela pouco profunda.
Sería unha gran esaxeración definir a capela como obra típica da arquitectura barroca; ningunha obra por si soa pode selo, e menos unha capela cuxo simple plano rectangular foi un legado dun período anterior. (...) Na capela de Bernini a escultura, a arquitectura e a pintura fúndense e convértense nunha soa cousa, e en lugar de sentirnos intrusos, atráenos. Neste sentido poderiamos dicir que a arquitectura romana barroca é dinámica como o David de Bernini, e que a arquitectura do Renacemento é estática, aínda que tensa e poderosa, como o David de Michelangelo.
Tamén poderiamos dicir que no Éxtase de santa Tareixa a escultura asume algunhas das calidades da pintura. A situación do grupo dentro do seu marco arquitectónico, e a iluminación procedente da fiestra oculta, reforza a impresión de cor que proporciona o dourado e a utilización de mármore de cores. Tamén os anxos e as nubes pintadas na bóveda teñen unha certa calidade escultórica, porque crean a ilusión dunha forma tridimensional. (. . .)
Pero, en xeral, os escultores, pintores e arquitectos traballaban con medios distintos. O escultor e o pintor quizá desexen ofrecer ilusións da realidade similares, pero mentres o escultor pode crear formas tridimensionales visibles con luz real, o pintor só pode suxerilas utilizando a cor sobre unha superficie plana. E normalmente o arquitecto é o único que crea espazos a través dos cales podemos movernos realmente.
M.y R.- Mainstone.- El S: XVII. Ed. Gustavo Gili. Barcelona. 1985. Páx. 16-20
Texto e primeira foto vía Historia del Arte, segunda foto vía Bilbao Pundit e terceira vía Ka_blogia.
1 comentario:
Hermosa obra, y hermoso cuelgue de ácido, para creer que un ángel viene a asaetarte una mañana.
Publicar un comentario