Os sete cadros máis importantes da famosa serie de escenas rueiras berlinesas do pintor expresionista alemán Ernst Ludwig Kirchner (1880-1938) poderán verse xuntos por primeira vez no Museo de Arte Moderna (MoMA) de Nova York do 3 de agosto ao 10 de novembro.
A mostra ofrece unha profunda investigación sobre a serie de escenas rueiras de Berlín, realizadas entre 1913 e 1915, que constitúen o máximo expoñente do expresionismo alemán. As sete obras móstranse xuntas por primeira vez, e foron prestadas por coleccionistas públicos e privados de Alemaña, Suíza, Italia e Estados Unidos para verse unicamente no coñecido museo de arte moderna neoiorquino.
Co motivo pictórico pouco común da prostituta e unha linguaxe visual de formas recortadas e cores estridentes, o artista evoca as contradicións da vida nas cidades modernas, do glamour nocturno á decadencia e a soidade, dixeron os expertos da institución.
En 1905 Kirchner fundou con outros estudantes o grupo Die Brücke (A Ponte), que pretendía un estilo plano de cores puras inspirado na arte primitiva, con trazos máis naturais e espontáneos. Este grupo de expresionistas tivo bastante éxito en Alemaña, pero se disolveu en 1913, tras levar dous anos traballando en Berlín. O mesmo ano, na soidade e desánimo que sentiu Kirchner ante a separación do grupo, comezou a pintar esas escenas, que reflicten tamén a tensión que se viviu na etapa inicial da Primeira Guerra Mundial e que están consideradas non só o punto cume da carreira do artista senón tamén un fito no expresionismo alemán.
Para contextualizar as obras, a exposición reúne tamén sesenta debuxos e impresos do artista, nos que se reflicte o seu modo de traballo, a evolución do seu proceso creativo e o seu interese pola figura feminina.
Texto e fotos: vía La Voz de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario