20/3/08

Leopoldo Nóvoa

A que ía ser primeira colaboración entre Trafegando ronseis e Iniciarte converteuse por mor das circunstancias na terceira: primeiro atendemos ao aniversario de Laxeiro e logo a Maruja Mallo pola Igualdade da Muller. É, por tanto, para ambos, Leopoldo Nóvoa un dos mellores artistas galegos actuais, e con el proseguimos a nosa serie de traballos colaborativos que a propia maxia da Blogosfera nos seduciu...

"Creo que toda a miña obra foi un intento permanente por recuperar a miña galeguidade” 24-VI-2005. Discurso de L. Nóvoa no seu ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes.

Nado en Salceda (Pontevedra) en 1919, segue, como tantos outros galegos, o camiño de ultramar. Nos anos da guerra civil estabelécese en Uruguai e entra en contacto cos fértiles círculos intelectuais do exilio. Lembremos que unha parte significativa dos intelectuais, escritores e artistas galegos estaban alí. Boa parte da obra de Colmeiro, de Laxeiro tamén, está pintada en Buenos Aires; alí escríbense o publícanse libros capitais; alí está Luís Seoane, home ponte entre a cultura galega e a arxentina. De Buenos Aires chega a edición da Historia de Galicia de Otero Pedrayo; o deseñador das portadas é Leopoldo Nóvoa. Sorprende o estreito parentesco que estes deseños manteñen coa obra máis recente do artista. Neles faise presente a FACE máis recoñecible de Leopoldo Nóvoa, o enigmático alfabeto da súa linguaxe.

É nas dúas cidades rioplatenses, Montevideo e Buenos Aires, onde se manifesta, arredor dos 50, a vocación plástica de Leopoldo Nóvoa. Referentes pictóricos?: A Torres-García débelle a convición de que é posíbel abordar un tipo de pintura construtivista non nihilista; humanizada. Como Luís Seoane, cre que é factíbel definir un lugar de síntese entre a arte popular e a vangarda; unha mirada diferente sobre os obxectos cotiáns.

Como sucede coa inmensa maioría dos artistas da súa xeración, Leopoldo Nóvoa empezou sendo un pintor figurativo. Non elude os rigores do debuxo, os labores da pincelada, as estratexias da composición. Pero xa palpabrexa un afán por fuxir dos límites do cadro; coma se non se sentise satisfeito no soporte tradicional; coma se necesitase un novo medio de expresión; coma se ambicionase algo que a pintura non lle podía dar.
A primeira resurreción de Leopoldo Nóvoa como artista prodúcese no período no que decide emprender unha obra titánica: O Mural do Cerro, a principios dos sesenta. Nel topa unha moral de traballo, unha nova poética e novos materiais.

Leopoldo Nóvoa abandona a pintura figurativa. Topa a súa propia poética. Pór orde ao caos ou someterse ao caos? Este vai ser, a partires de agora, o dilema que move toda a súa obra. Nace un artista guiado pola radicalidade, pola soidade. Dunha obra titánica xorde unha linguaxe silenciosa, sintética, serea. Todas as obras de Leopoldo Nóvoa están alentadas por un instinto poético; son extraordinarios poemas visuais.
Leopoldo Nóvoa decide instalarse en París no ano 1965. Alí atopa un público. As súas obras máis significativas manteñen a vocación de saírse dos límites do cadro, envexando en certo sentido a escultura. Son baixorelevos silandeiros; feridas de luz nunha superficie enigmática. Branco, vermello, azul, cores solitarias. O rotundo artista pode asumir a poética da levidade, expresar un mundo alixeirado de peso, comunicar desde o silencio.

No ano 1979 un incendio destrúe o seu taller. O lume fai desaparecer moitas das súas obras e obriga a Leopoldo Nóvoa a unha recapitulación, non se conforma con reescribir a obra perdida, topa un novo material: a cinza. A luz pode ser negra. A cinza converterase na materia prima de moitos dos seus cadros. Negro sobre negro, pero negro sobre vivo, tremente, inquedante. Algúen que pinta con cinzas crea sombras sobre sombras.

Pero existe un Leopoldo Nóvoa de pinturas negras e un Leopoldo Nóvoa de pinturas brancas. Complementándose. Existe un Leopoldo Nóvoa que enxalza o caos, a destrución, o lume, e existe un Leopoldo Nóvoa sereno, contido, silandeiro. Esta é a contradición que fertiliza a súa obra.

A principios dos 80 a súa obra comeza a ser recoñecida en Galicia e no resto de España. Aporta á plástica galega unha conciencia da modernidade. Preto do mosteiro de Armenteira constrúe a súa casa-taller, cunha fiestra ampla que mira á ría. Sorprendentemente, é a reflexión sobre a natureza a que proporciona moitos elementos á obra de Leopoldo Nóvoa. Os seus cadros nunca están encerrados en si mesmos, dialogan co creador, co espectador ou coa mesma paisaxe. Son paisaxes do coñecemento e da meditación.





Para ter máis información sobre Leopoldo Nóvoa podedes ves esta ligazón sobre unha exposición que realizou no Uruguai, un artigo sobre el en El Cultural ou unha listaxe coas súas exposicións.

No hay comentarios: