Protexida polo cemiterio parroquial, a pequena e fermosa igrexa de santa María de Dexo foi consagrada no 1108 polo Arcebispo de Santiago Diego Xelmírez. Ao longo dos seus nove séculos de historia sufriu varias remodelacións, mais conserva a fachada de 1236. Padeceu un importante incendio en 1903.
O conxunto está presidido por un pequeno cruceiro desde o que podemos observar a espléndida fachada: tímpano liso con dúas pequenas ménsulas baixo o lintel; dúas arquivoltas, de molduras xeométricas, que rematan en senllas columnas adosadas; pequeno rosetón (recuperado nas obras de restauración de 1991) e campanario. O interior é dunha nave con cuberta de madeira a dúas augas.
As obras municipais de restauración do ano 1991, eliminaron do muro norte unha pequena construción engadida, da que aínda hoxe podemos apreciar os seus restos. Ao norte a ao sur ábrense dúas pequenas portas que repiten, de xeito moi sinxelo, o esquema da fachada occidental: tímpano liso, pequenas ménsulas e molduras xeométricas sobre o tímpano.
Sen lugar a dúbidas o máis sobranceiro deste conxunto arquitectónico relixioso son os fabulosos canzorros esculpidos con figuras humanas, bustos, rostros e cabezas de animais que sosteñen o teito da ábsida e da nave.
O templo foi reconstruído pedra a pedra polo concello en 1991, conservando a maior parte da súa configuración orixinal, recuperouse tamén un antigo rosetón oculto entre os seus muros.
2 comentarios:
Hola,
quixera comentarlle que o engadido (a antiga sacristía) atopábase na parede norte da igrexa, non na parede sur.
Un saúdo, e gracias por dedicarlle tempo á igrexa do meu pueblo.
Moita grazas pola aclaración. Non sei en que estaría pensando... Corrixiso queda.
Publicar un comentario