16/1/08

O Bosco. O xardín das delicias, 1503-1504

O Bosco (Hieronymus van Aeken). O Xardín das delicias ou A pintura do érbedo. 1503-1504. 220x 195 cm; óleo sobre táboa.

Dentro do estilo flamenco, este autor procedente de Holanda desmárcase completamente da súa época e ata de posteriores. O tríptico pechado e aberto é unha alegoría completa da orixe e fin do mundo: pechado mostra unha das primeiras escenas do Xénese, a creación do mundo vexetal, orixe da vida; pola contra, aberto ensina a Creación completa na porta esquerda, o Inferno na dereita, e no centro as máis variadas formas da sensualidade, que presumiblemente conforman a vida terreal.

Lido de principio ao fin, narra a historia da caída do xénero humano, sen posibilidade de redención, posto que non existen as figuras divinas de Cristo ou María, nin tampouco a elección dos benditos para vivir na Graza de Deus tras o Xuízo Final.

O mundo, os mundos que presenta o Bosco non teñen nada que ver coa realidade, nin coa comprensión humana. É un dos primeiros xenios da historia da arte que introduce nas súas imaxes o compoñente onírico que supera a realidade consciente. A fantasía, o humor, a crítica vitriólica saturan esta imaxe crúa do ser humano, que se precipita no inferno con cada un dos seus actos.

O Bosco poboa as súas paisaxes con monstros, plantas antropomorfas, obxectos imposibles. O ser humano, espido ante os seus actos, é pouco máis que un verme diminuto pululando entre ambientes misteriosos. As encarnacións da sensualidade son cegadoras pola súa variedade: a música, o amor, o xogo, a bebida, ata a aprendizaxe e o coñecemento. No inferno, o soño-pesadelo se disloca: orellas das que emerxen coitelos, demos con bocas dentadas no ventre, escaleiras que non levan a ningún sitio e, entre todo iso, os corpos dos pecadores que están sendo despedazados polos demos e as súas máquinas infernais.

A técnica minuciosa do Bosco está directamente relacionada coa pintura da súa época e os avances co óleo. Pero a súa forma de compor e situar as figuras no espazo, así como a súa interpretación dun tema clásico da pintura relixiosa, non teñen nada en común cos outros pintores do seu contorno.

O tríptico mantívose no Escorial ata o seu traslado en 1939 ao Museo do Prado.

O Xardín das delicias segue sendo hoxe en día un xeroglífico de difícil resolución. Maila algunhas interpretcións de naturaza psicoanalítica, crese que as súas imaxes beben da cultura popular da súa época. Aínda que só fose por esta obra, O Bosco merecería estar entre os grandes mestres de todos os tempos.
Para coñecer a súa obra clica nesta ligazón.




No hay comentarios: