Durante o século XIV, as naves foron cubertas con bóvedas de pedra de perfil apuntado, os muros foron erguidos varios metros e abríronse novas xanelas e dous rosetóns. O templo gañou así en altura e luminosidade; sen embargo, o peso das bóvedas non foi ben calculado e provocou numerosos problemas de gretas, aberturas e derrubamentos. Tamén é de salientar, no interior do templo, a abundacia de marcas de canteiros.
No século XV construíronse as torres (primeiro a da “carraca” e máis tarde a das campás) e comezaron as numerosas perforacións dos muros para acondicionar sepulcros da nobreza local no interior da igrexa. Tamén a esta época pertence o cruceiro colocado no adro. Tamén son do século XV as figuras de María e do arcanxo que hoxe están no interior da igrexa.
No século XVI construíuse diante da fachada un pórtico e varias dependencias que foron eliminadas na reforma do século XIX.
Dos séculos XVII e XVIII si se conservan hoxe, a ambos lados do presbiterio, a capela da Virxe da Estrela e a nova sacristía.
Era tal o deterioro do templo que na segunda metade do século XIX o concello chegou estudar o derrubo do templo, mais finalmente decidiuse a súa restauración. Dita obra consistiu, basicamente, na limpeza de engadidos, na prolongación das naves dez metros diante das torres e a realización dunha nova fachada a onde foi trasladada a primitiva portada principal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario