21/10/09

Sicilia (I): O teatro grego de Taormina



Na zona leste de Sicilia, destaca, para os amantes da arquitectura e da arte en xeral, a vila de Taormina: fermosa e altiva. Ademais das súas rúas, prazas, terrazas, igrexas, vivendas, hai que subliñar a importancia do seu teatro grego que, se ben non é o maior da illa xa que para iso xa está o de Siracusa a pesar do diámetro de 109 metros da cávea e dos 35 metros de sección da orquestra, si é polo seu emprazamento o máis espectacular.


Foi edificado polos habitantes da colonia grega de Tautomention, a máis de 200 metros metros de altitude, no século IV a.C., aínda que hai quen pensa que en realidade foi no III a.C. Como era costume no mundo dos helenos, as súas gradas foron levantadas aproveitando a ladeira do monte Tauro, de xeito tal que os espectadores tiñan uns extraordinarias vistas sobre o volcán Etna, sobre o azul Mar Xónico e sobre as montañas do Aspromonte. É tal o impacto que a súa ubicación causa e ten causado que o mesmo Goethe escribiu en 1787 “Nunca unha audiencia en ningún teatro tivo ante si semellante espectáculo”, ou o cardeal J. henry Newman en 1833 “a vía máis próxima á contemplación do Edén”.


A pesar da súa orixe grega, os restos que hoxe podemos gozar teñen máis de romanos que de helénicos. Así nos século I e II, cando Sicilia xa formaba parte do Imperio, foi modificado en toda a súa estrutura: nos accesos, coas impoñentes bóvedas, no escenario (xorden os ladrillos), no vomitorios e nas zonas máis elevadas da cávea (presenza de bóvedas que permitían gañar altura), ademais alterouse a cávea para permitir os espectáculos con gladiadores, as batallas navais ou naumachie, os espectáculos de caza, venationes. Tamén coa reforma romana, foron construídos pórticos para rematar a cávea.


A parte traseira do teatro, a que mira á cidade, tiña un aspecto monumental e estivo decorado con frisos, frescos e esculturas. Tamén detrás da escena había un pórtico con columnata nos que se reunían os espectadores.


Na época imperial a cávea daba cabida a máis de 5.000 espectadores.


Ao igual que outros importantes monumentos, o Teatro de Taormina, foi espoliado como canteira durante moitos anos, mesmo parece que as columnas da catedral proceden da escena do teatro. Sen dúbida unha das maiores atraccións turísticas de Sicilia.





E para rematar, dous pequenos vídeos caseiros:





Esta entrada vai dedicada a Isabel, compañeira de viaxe.

4 comentarios:

morisot (Pilar Álamo) dijo...

Sicia para mí tiene el encanto y la sabiduría de la mezcla de culturas.
Posiblemente la ciudad de Taormina tenga la característica de dejar impregnado en el visitante la fiestas de color y el aroma de lo antiguo.
Estupendo trabajo, como siempre.

morisot (Pilar Álamo) dijo...

Perdón, queria decir SICILIA

Ola dijo...

Eu estiven fai dous meses en Taormina e encantoume. O teatro é impresionante a as vistas dende arriba son marabillosas. Quizais fun nunha mala época, en pleno mes de agosto: moita calor e demasiado turismo. Sicilia toda ten moitísimo encanto! Bonita entrada, traeme lindos recordos!

Antonio Martínez dijo...

Para as dúas (Pilar e Sabela) que vos encanta Sicilia: nas vindeiras semanas haberá bastantes entradas sobre o seu patrimonio que serán alternadas con algunhas de Berlín.
Saúdos.