Entre 1208 a 1260 produciuse a primeira etapa construtiva desta igrexa románica situada na Cidade Vella da Coruña, de planta basilical de tres naves, separadas por oito piares compostos que soportan arcos de medio punto e definen cinco tramos, sen coro, sen tribuna, coa cuberta de madeira a dúas augas e ábsida semicircular. O eixe da cabeceira ten unha clarísima desviación con respecto ao eixe da nave central que tradicionalmente e simbolicamente é interpretada como unha analoxía coa posición de Cristo crucificado.
Na súa fachada represéntase a epifanía, cunha Virxe desprazada á dereita por problemas compositivos pero de maior tamaño que as outra figuras. Tamén acompaña a María, o Neno, san Xosé, os reis Magos e os seus cabalos.. Na portada norte represéntase o martirio de santa Catuxa de Alexandría, namentres que na portada sur hai un grupo monástico de nove monxes.
Durante o século XIV, as naves foron cubertas con bóvedas de pedra de perfil apuntado, os muros foron erguidos varios metros e abríronse novas xanelas e dous rosetóns. O templo gañou así en altura e luminosidade; sen embargo, o peso das bóvedas non foi ben calculado e provocou numerosos problemas de gretas, aberturas e derrubamentos. Tamén é de salientar, no interior do templo, a abundacia de marcas de canteiros.
No século XV construíronse as torres (primeiro a da “carraca” e máis tarde a das campás) e comezaron as numerosas perforacións dos muros para acondicionar sepulcros da nobreza local no interior da igrexa. Tamén a esta época pertence o cruceiro colocado no adro. Tamén son do século XV as figuras de María e do arcanxo que hoxe están no interior da igrexa.
No século XVI construíuse diante da fachada un pórtico e varias dependencias que foron eliminadas na reforma do século XIX.
Dos séculos XVII e XVIII si se conservan hoxe, a ambos lados do presbiterio, a capela da Virxe da Estrela e a nova sacristía.
Era tal o deterioro do templo que na segunda metade do século XIX o concello chegou estudar o derrubo do templo, mais finalmente decidiuse a súa restauración. Dita obra consistiu, basicamente, na limpeza de engadidos, na prolongación das naves dez metros diante das torres e a realización dunha nova fachada a onde foi trasladada a primitiva portada principal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario