Como as outras igrexas góticas de Betanzos, a de san Francisco tamén substituíu a outra anterior. A actual é do século XV e foi mandada reedificar por Fernán Pérez de Andrade, O Mozo. O seu escudo, e o da súa dona María de Moscoso e Montaos, pódese apreciar en varios lugares do templo.
É de planta basilical con tres naves, sendo a central a máis
ancha, tres ábsidas coa central
heptagonal, pentagonal a da Epístola e cuadrangular a do Evanxeo. Dous
pares de elementos sustentantes dividen o interior en cinco tramos formados por
piares que teñen pegados semicolumnas tanto nas frontes como nas esquinas,
descansando, o conxunto, sobre pedestais. Os seus capiteis son, aínda, de
tradición estética románica, con decoración vexetal, animais fantásticos e
algunha escena bíblica.
A capela maior ten bóveda de cruzaría con nervios que
repousan en semicolumnas, rematando algunhas en ménsulas. Unha imposta percorre
os panos desta capela, que ten arco triunfal apuntado decorado con molduras.
Está iluminada por tres ventanais rasgados con parteluz e óculo nas enxoitas,
cubilladas por chambranas ao exterior. Tamén recibe luz de dous rosetóns
calados, sen o da dereita foi cegado pola torre municipal pegada ao edificio. A
torre gótica foi reformada nos séculos XVII e XIX, a última vez para colocar o
reloxo municipal.
A cuberta do templo, a dúas augas, é de madeira cun
artesoado de fins do século XIX.
Polo hastial sur ábrense catro capelas que retocan a planta
do tempo. A primeira é a do Arcediano ou de san Pedro e san Paulo. Ten bóveda
de cinco claves con combados e terceletes que repousan sobre ménsulas. Dúas
xanelas iluminan o espazo. Contén dous sepulcros con arcos conopiais rematados
por pináculos. Está pechada por un enreixado de ferro, con retablo de
Cornniellis de Holanda. A seguinte
capela é do XV, tamén posterior á fábrica do templo. É pequena e está cuberta
con bóveda de cruzaría sinxela e nos capiteis dos arcos de acceso e das columnas acubilladas hai diversas
escenas de carácter relixioso e profano. A seguinte capela é xa do século XVI,
con bóveda de cinco claves e logo outra tamén do mesmo século, contendo o
sepulcro dos fundadores, os irmáns García de la Torre, mais a súa arquitectura
foi moi alterada posteriormente ao tratar de recrear a gruta de Lourdes.
A porta principal, semicircular ao exterior, ten arquivoltas
con diversas series de figuras vexetais e animadas. No centro hai un Cristo
baixo dosel franqueado pola súa nai con Neno co colo e por Santiago Apóstolo
ademais dos restantes apóstolos e outros santos. Tamén no tímpano volve
representarse Santiago da cabalo cunha doncela axeonllada aos seus pés. Os catro
pares de columnas acubilladas que sosteñen a fachada teñen capiteis de
influencia románica. Esta fachada foi reformada en 1900, suprimíndose a torre
orixinal ao tempo que se levantaron outras dúas rematadas por longas agullas de
cemento cun certo aire neo-medieval.
A porta lateral norte é apuntada, con sinxelas molduras, un
par de columnas acubilladas e unha cruz en baixo relevo no tímpano. Da porta
lateral sur fica o tímpano empotrado e no extremo dun longo túnel resultado do
levantamento de dúas das capelas xa citadas. Por esta porta, chamada da
Santa, entraban os peregrinos con
dirección a Santiago e que logo saían pola porta principal. Na actualidade só
quedan as súas imaxes do século XVIII.
Neste templo tiñan altares votivos as confrarías de xastres
–a Trinidade- e dos labregos –santo Antonio Abade-. Corresponderanse estas gravuras exteriores con eses gremios?. Recentemente un xornal daba novas explicacións.
Fontes documentais:
- “Betanzos” na Gran Enciclopedia Galega”, T-3.
-Ponce Couce e Sánchez
García. Galicia. Guía do Patrimonio Arquitectónico. Oleiros, Vía Láctea, 1998.
Fotos: INICIARTE.
Fotos: INICIARTE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario