20/5/19

César Portela: Faro en Punta Nariga



En Punta Nariga (Barizo, Malpìca) construiuse en 1995  este faro deseñado por César Portal con 50 metros de altura e 22 millas de alcance lumínico. Na web do arquitecto pódese ler o seguinte.




"No extremo oriental de Punta  Nariga, en plena Costa da Morte, sobre un agreste cantil golpeado polo mar e por incesantes temporais, construíuse este faro de 50 metros de altura de plano  focal e 22 millas de alcance luminoso. Neste contexto de  indómita natureza, un faro, coa súa presenza, introduce un novo factor dialéctico: o artificial. A secuencia cabo-faro-mar é  paradigmática e  mutante coas distintas épocas do ano e as horas do día.

Con tempo calmo e despexado, a quietude da contorna serena a imaxe e acrecenta o  estatismo do faro; en días  tormentosos, os cambios de luz e o movemento das nubes transmiten ao conxunto un constante dinamismo. De día, a solitaria silueta parece  dormitar de pé, mentres que á tardiña de súpeto cobra vida e comeza a facer chiscadelas e a emitir escintileos e refachos de luz que  rasgan as tebras e penétranse no mar.




O conxunto  edificatorio estrutúrase en catro corpos ben definidos. O primeiro constitúeo unha plataforma de acceso público, a modo de  basamento de planta triangular. O segundo corpo, de forma  prismática e base tamén triangular, inscrita na anterior, alberga os cuartos de instalacións e de almacén, na primeira planta, e as dependencias do  farero, na planta superior. A cuberta plana convértese nunha plataforma-miradoiro elevada sete metros sobre a anterior. O terceiro corpo constitúeo o fuste, un volume  cilíndrico de planta circular de 5,50  m de diámetro exterior e 25  m de altura. O cuarto, situado no máis alto coroando o conxunto, confórmao a lanterna. A relación e o contraste funcional e formal destes catro elementos, de xeometría ben definida, e deles co terreo en que se asintan e o mar que os rodea, constitúen a esencia do proxecto."




A construción do faro lembra á proa dun barco, coroada por unha escultura de bronce denominada Atlante. Esta estatua, obra do artista Manolo  Coia, é unha figura con forma entre un humano e unha gaivota a piques de voar. Sen dúbida, unha silueta perfecta para as marabillosas postas de sol de  Nariga. Para acabar a visita, podes subir ata a cuberta do faro, que se converte nun perfecto miradoiro ao Atlántico.


FOTOS: INICIARTE

No hay comentarios: