10/12/18

O Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense


Texto do profesor Yzquierdo Perrín:

O terreo no que se construíu a catedral de Ourense ten unha progresiva e paulatina pendente cara ao oeste, feito que, coma en Santiago, dificultou a construción e os alicerces do pórtico. Cando o cabido contrata a Rodrigo Gil, no século XVI, este manifesta a súa preocupación pola integridade do Pórtico do Paraíso (…) A pesar de tantas preocupacións, o pórtico sufriu mutilacións graves.

Para construír o pórtico foi necesario crear unha sólida base que condicionou as rúas do arredores. Está formado por rexos contrafortes unidos por arcos de medio punto, unas veces recheos e outras con bóvedas de canón que orixinaron uns locais pequenos e peculiares. O sistema resulta eficaz, pero máis pobre cá cripta do Pórtico da Gloria, que se puido imitar, como na base-cripta de de Santo Estevo de Ribas de Miño, onde hai que acceder á igrexa por lateral; en Ourense, ata a recente e desafortunada construción da escalinata occidental, o acceso á catedral por esta fachada era imposible.

A inspiración que os artífices do Pórtico do Paraíso tiveron no da Gloria está fóra de dúbida, circunstancia que contribuíu a que se menosprecen os valores do conxunto ourensán e que, ás veces, se considerase unha mediocre réplica do compostelán, cousa que non é aceptable, xa que ao lado das similitudes con Santiago, apréciase tamén “unha arte con solución e matices propios, mesmo chea de personalidade”.

Os arcos respectan o largor das naves e os piares alzábanse sobre bases figuradas que foron retalladas ata facer desaparecer as representacións zoo-mórficas. Enriba érguense as columnas, de fustes lisos e esveltos, que rematan nuns capiteis con cimacios que derivan en estatuas-columnas de profetas e apóstolos. Tralas súas cabezas unha nova serie de capiteis estean os arcos; os cimacios destes teñen un talo ondulante con follas carnosas e froitos como decoración. O mainel, con base reconstruída, está formado por un grupo de columnas lisas e altas que, coma en Santiago, están labradas nun bloque monolítico para dotalo de maior solidez. Na contraporta faltan as estatuas-columnas e os cimacios dos capiteis decóranse con palmas de formas arestadas aneladas entre si. Os motivos non son iguais aos de Compostela, aínda que seguen a mesma idea xeral.

Non se lles adoita prestar demasiada importancia aos motivos ornamentais antes as estatuas-columnas e arcos, pero, sen embargo, teñen un notable interese, porque, como escribiu Pita, “os asuntos composteláns… modifícanse de acordo con tendencias iconográficas máis avanzadas e co estilo propio do mestre”. Os capiteis foron clasificados e estudados polo citado profesor. Nos que utilizan follas advírtese unha similitude formal con prototipos composteláns, pero alteradas “abondo para que non poidamos falar de copia”. Trátase, en xeral, de follas recortadas, dispostas nunha ou dúas ordes, rematadas en bólas pequenas, enroscadas sobre si ou reviradas para diante, con eixes perlados e que producen certo claroscuro.


Son máis numerosos os capiteis zoomórficos, aínda que resultan excepcionais os que presentan animais reais. Os máis frecuentes son as harpías, femininas e masculinas, que admiten diversidade de detalles, composicións e actitudes; adoitan ter os rabos rameados. Outras veces vence centauros que acostuman enarborar unha espada desenvaiñada coa que, en ocasións, se enfrontan a unha serea, por exemplo o que vai sobre San Xoán Evanxelista, aínda que resulta máis singular o que está situado enriba do profeta Oseas, que suxeita cunha man unha serea-peixe e coa outra brande a longa espada, escena que parece evocar o tema Saxitario enfrontado a unha harpía, que se empregou noutros edificios galegos. Tamén se representan dragóns en diferentes actitudes que non exclúen o enfrontamento con outros animais fantásticos, como centauros.


Noutros capiteis aparecen figuras humanas. As máis significativas encóntranse no mainel, dedicado, coma en Compostela, ás tentacións de Cristo, factor que asocia humanos con híbridos, agrupación que se repite nalgúns outros. É curiosa a parella de homes, collidos pola man, que apoian os pés en cabezas humanoides que se ven na ménsula colocada debaixo do anxo trompeteiro do extremo norte; ou o que repite o tema compostelán dos demos que lle arrincan cunhas tenaces moi longas a lingua a un blasfemo, mentres que outro afógao cunha soga atada ao pescozo, tormentos que non aparecen abondos para que solte a bolsa dos cartos, que mantén agarrada con forza. Tan expresivo capitel está situado na contraportada, no mesmo lugar có seu homólogo compostelán. Finalmente, queremos aludir aos que presentan escenas de caza, colocados baixo as estatutas-columnas, que tan frecuentes resultan na catedral de Ourense.

As reformas que sufriu o Pórtico do Paraíso no século XVI orixinaron a perda dalgunhas columnas nos extremos e tamén dos capiteis e cimacios, así como das bóvedas antigas. Respectáronse, sen embargo, as estatuas-columnas que pasaron a levantarse sobre ménsulas (que, como ocorre no lado sur, quedan gorecidas por unha vieira, unha curiosa simbiose entre formas medievais e renacentistas).



As estatuas-columnas representan profetas e apóstolos que en moitos casos están identificados polos epígrafes dos carteis, aínda que nalgúns estes textos resultan desconcertantes (por exemplo, o que aparece na xamba esquerda do arco central, Isaías, máis ben parece un Miosés coas táboas da lei). É, como se dixo, un xeito de seguir o modelo compostelán, pero con outro significado, ou se cadra os rótulos non sempre coinciden co proxecto primitivo. Os textos son moi dispares entre Santiago e Ourense.

As diferencias entre ambas obras resultan máis contundentes ao estudar o estilo das figuras. Quizais o máis salientable sexa a rixidez e inexpresividade dos rostros que, sen embargo, chegan a sorrir nalgúns casos. Barbas, cabelos e panos son tamén moi distintos e máis sinxelos. Tales peculiaridades poden facer pensar que estas figuras son unha desleixada caricatura das do Pórtico compostelán” (Moralejo); teñen, non obstante, outros valores, xa que a “idealización, serenidade, ensimesmamento e homoxeneidade como conxunto”, poden evocar “os ideais de París e Amiens”.

Este goticismo é maior, incluso, na disposición das figuras dos vintecatro anciáns que desde o arco central tocan instrumentos musicais. Dispóñense con folgura e, aínda que carecen do dinamismo de Santiago, recordan fórmulas burgalesas que reitera un dos anxos da contraportada e que lle serviría de modelo a artesáns locais para facer os demais. A roupa é sobria e elegante, e os instrumentos tamén se diferencian dos composteláns (aparecen, por exemplo, as frautas). O tímpano que cinguía esta arquivolta perdeuse no século XVI, aínda que sobre os piares perviven os anxos que axudan a pasar á gloria os benaventurados, representados coma nenos espidos asexuados (con coroas os que proceden do arco norte e con carteis longos tanto estes coma os do sur). Tamén se manteñen elegantes e innovadores anxos orantes, esenciais para o gótico ourensán, nos piares da contraportada.

No arco norte non se fixo representación figurada nin unha, as arquivoltas simplemente posúen follas radiais. Habería que indagar se é por simplificación do modelo santiagués ou se é que xa non se entendía ben o que se representaba en Compostela. Non obstante, séguese o modelo no arco sur, mesmo coa colocación das cabezas de Xesús Cristo e San Miguel nas claves cos benaventurados e réprobos, á dereita e á esquerda, tema que continúa no semicírculo que o cinxe, igual ca en Santiago. Nas representacións infernais mantense a riqueza expresiva dos demos, monstros e animais que atormentan aos condenados. As cabezas de anxos flanqueadas por ás, que se intercalan  entre os que levan á gloria os benaventurados, engadíronse no século XVI e seguen un esquema que daquela era frecuente.

Ao pé do mainel colocouse, no 1857, unha magnífica imaxe sedente de Santiago que sostén coa destra unha espada de ferro e coa esquerda agarra un libro aberto que apoia nos xeonllos. Ten un rostro sereno, de acusado naturalismo, e con barba rizada igual có cabelo. Numerosas dobras déixanlle translucir parte da anatomía. Ata o ano indicado estivo colocado no “piar do cruceiro inmediato ao púlpito da Epístola”. É unha imaxe gótica innovadora que, pola espada, alguén pensou que puido servir para armar cabaleiros. A policromía é do século XVIII, aínda que seguramente non fixo senón perpetuar outra anterior. Estatisticamente, a escultura concorda coas do pórtico e, coma este, dátase no primeiro terzo do século XIII.

 Do episcopado de don Lourenzo, contra o 1220, aproximadamente. Moralejo, por outra banda, ve no autor do Pórtico do Paraíso un artista de filiación burgalesa e se cadra colaborador da portada do Sarmental. É, desde logo, unha opinión atractiva que revaloriza o conxunto ourensán, xa que pasa a ser unha obra gótica introdutora en Galicia de fórmulas burgalesas con ascendencia, incluso, en Amiens, que en Ourense dará vida a un obradoiro de certa importancia. Deste xeito, o pórtico ourensán “rexuvenece” un pouco, xa que, sendo así, iniciaríase a partir do 1230. Dataría, pois, dos últimos anos do episcopado de don Lourenzo e o remate coincidiría coa norte do prelado.


Ramón Yzquierdo Perrín. A arte protogótica. En Galicia. Arte. Tomo XII Arte medieval (II) . Cita das páxinas 163- 168. A Coruña, Hércules, 1993.

Fotos: INICIARTE.

No hay comentarios: