Unha das xoias
arquitectónicas do concello da Coruña é a igrexa parroquial de san Vicente de
Elviña (ata 1912 pertencente ao concello de Oza). Xa saberedes que na súas
proximidades hai mámoas e o castro de Elviña así como un salientable cruceiro.
Hai especialistas que tendo en conta que algúns capiteis e
basas da ábsida foron realizados polos canteiros que traballaran na igrexa de
santa María de Cambre, entenden que a igrexa de Elviña ten que ser datada a
partir de 1180. Non obstante, outros, pola fachada occidental, tenden a pensar
que a obra sería rematada en torno ao 1200.
A edificación que hoxe podemos contemplar procede, no
fundamental, do arranxo feito entre 1940 e 1942, para amañar entre outras
cousas as pegadas do incendio de 1933.
Fachada occidental
A igrexa está orientada, como non podería ser doutro xeito,
de Leste ao Oeste na ladeira dunha pequena coliña. De feito para ver a súa
fachada occidental hai que subir unha boa cantidade de chanzos o que magnifica
a súa visión.
Esta fachada está dividida en dous por unha liña de imposta.
A porta é abucinada con tres arquivoltas de medio punto sostidas
por columnas acubilladas de fustes monolíticos moi esveltos. Son columnas con basas áticas moi deterioradas. Os capiteis son de decoración
vexetal e xeométrica. Tan só o segundo
do lado esquerdo presenta rostros de
persoas. O tímpano, na actualidade, é liso.
A parte superior da fachada, claramente de menor
antigüidade, está culminada por unha espadana de dous vans e cunha xanela
central alintelada e lixeiramente abucinada. Nas esquinas e sobre a cornixa a decoración é con senllas
volutas realmente chamativas.
Ábsida
Igrexa comezaríase a levantar polo leste. Desde o exterior a
súa ábsida levántase sobre un zócalo escalonado cunha xanela centrada, cegada e
decorada cunha liña de billetes ou o famoso taqueado xaquense. Sobre ela, o
tellado a dúas augas e no piñón unha ante-fixa que representa a un carneiro
acostado.
Nas cornixas laterais son de salientar os canzorros. Os lado
norte que non se poden contemplar desde o exterior ao estaren dentro da
sancristía, representan unha cabeza de bóvido, un cuadrúpede de longa cola e
sen cabeza, un contorsionista e dúas follas superpostas.
Canzorros do lada meriodional
Os canzorros do lado sur podemos contemplar a outro bóvido, un con decoración vexetal, unha figura humana e outro semellante a un modillón de rolos.
No tellado, e sobre o arco triunfal, vese, moi deteriorada,
unha cruz de brazos iguais e extremos ensanchados inscrita nun círculo.
Realmente curiosa e chamativa.
No exterior do lado norte tan so podemos contemplar un
contraforte. O seu acceso está tapiado.
No lado sur, con catro contrafortes, a porta non está tapiada, senón que ten un arco de medio punto
(nas súas doelas pódense apreciar marcas de canteiros) que apoia nunha imposta.
Ademais o seu tímpano, liso, apóiase
sobre dúas mochetas, a máis chámate coa cabeza dun bóvido mentres ca outra é
xeométrica.
Fonte: páxina web de Alberto García.
Fotos: INICIARTE.
Fonte: páxina web de Alberto García.
Fotos: INICIARTE.
No hay comentarios:
Publicar un comentario