Fermosa e pequeña igrexa. Cóntase que, levantada sobre un
probable edificio visigodo, pertenceu a
unha antigo convento de monxa bieitas ata que a fins do XV as súas residentas
foron obrigadas a trasladarse ata o mosteiro de san Paio de Antealtares de
Santigao de Compostela.
Probablemente a igrexa sexa do século XII con algunha
reforma do século seguinte.
No interior presenta planta basilical dunha soa nave (grande
de máis?), falso cruceiro e tres absidas poligonais mais unha delas foi
eliminada ao facerse a torre no século XVII.
Os capiteis teñen unha variada decoración zoomorfa, xa que
podemos contemplar desde león, felinos ou simios, así como decoración vexetal.
A ábsida norte foi modificada para acoller unha capela
funeraria dos señores de Torre Novaes co sepulcro do cabaleiro don Rodrigo
López de Quiroga. Tamén conserva un lenzo con pinturas murais do martirio de
san Sebastián.
Conserva dous retablos do século XVIII, con imaxes de santos
e santas relacionadas coa orde benedictina.
Relacionado coa igrexa está un calvario do século XIV,
composto polas figuras de Cristo crucificado, a Virxe e san Xoán, realizado en
madeira policromada. O conxunto orixinal atópase actualmente no Museo do
convento das Nais Clarisas de Monforte de Lemos. A copia, de gran fidelidade,
exponse nun pequeno recinto, coñecido popularmente como humilladeiro, próximo á
igrexa.
No exterior é de salientar
a fachada occidental, cun arco lixeiramente apuntado e dentado. No
tímpano observamos unha cruz, unha serie de elementos xeométricos e as
representacións do sol e da lúa.
En palabras de José Antonio Gil:
O tímpano é moi peculiar pola súa decoración. Poida que non
se trate dun tímpano labrado directamente para a fachada desta igrexa, senón
que proceda do ronsel dunha tumba prerrománica.
Trátase dunha decoración de
tipo xeométrico: dous cadrados. O que vemos á nosa dereita contén dous cadrados
e no cadrado interior hai dous círculos. Este símbolo de dous cadrados
representa dúas fases de protección. Se se suman os catro lados de cada cadrado,
o número total é oito, que é número de perfección e de resurrección. Así os
cadrados serían o equilibrio entre as fases da vida e a morte, mentres que o
círculo simboliza a unidade absoluta: o espiritual fronte ao material.
Á nosa
esquerda hai outro cadrado cunha estrela de oito puntas. Outra vez aparece o
número oito; se sumámoslle a unidade do centro, o resultado sería o nove,
número sagrado. Ademais dos oito lados dos dous cadrados e os da estrela,
podemos ver as oito pedras da arquivolta, das que colgan os triángulos
decorativos, e as oito pedras que enmarcan o interior do tímpano.
Na parte
superior do tímpano hai unha cruz grega custodiada polo sol e a lúa. Á nosa
dereita está o sol, foco de luz que simboliza a Cristo ("Eu son a luz do
mundo"). A cruz está no centro do tímpano, e fai referencia a que está no
centro do universo. Á nosa esquerda está a lúa, que simboliza o feminino que
recibe a luz do sol (masculino) e, así mesmo, é símbolo de renovación, polos
diversos ciclos de transformación (crecente e menguante). Aquí concretamente é
a lúa crecente, símbolo de renovación dinámica ou símbolo feminino da castidade que se personifica na Virxe, con quen se compara nas antigas letanías cristiás.
Ademais, tanto o sol como a lúa, teñen connotaciones sexuais, sobre todo
relacionadas coa fertilidade.
Os seus canzorros tamén presentan unha variedade decorativa moi interesante:
Para o profesor Izquierdo Perrín:
“A igrexa de san Fiz de Cangas é un exemplar interesante da
nosa arquitectura, no que se ensaiaron novidades importantes que non alcanzaron
difusión no noso románico, de modo que a cabeceira tripartita, con capela maior
poligonal e capelas laterais cuadrangulares, non se volve atopar. Tamén é
singular o desenvolvemento do amplo cruceiro ao que se abre tales ábsidas,
desfigurado polas bóvedas que se lle colocaron posteriormente e que desvirtúan,
a pesar do seu innegable valor, a estrutura primitiva. Esta non se chegou a
desenvolver totalmente e a ampla nave en que se resolve non debería de ser a solución pensada polo seu anónimo mestre. O
mesmo ocorre coas rústicas portadas, lonxe de fórmulas utilizadas nas ábsidas e
no cruceiro. A cronoloxía de tan excepcional monumento pode ter, pois, dous
momentos claramente diferenciados: o primeiro abranguería a cabeceira e o
cruceiro e poderíase datar, quizás, arredor do ano 1170; o segundo, sen
embargo, é posterior e quizás non sexa
anterior ao século XIII, feito que axudaría a entender os cambios e alteración
sinaladas. San Fiz de Cangas debeu gozar dentro do gótico avanzado dunha nova
época de certo esplendor, que deixou o calvario, a cruz parroquial e as bóvedas
do cruceiro”.
Ramón Yzquierdo Perrín. Arte medieval I en Galicia. Arte.
Tomo X. A Coruña, Hércules, 1993, pp.
330-334, cita da páxina 334.
A igrexa de San Fiz de Cangas foi declarada monumento
nacional no ano 1981.
Máis información no Concello de Pantón, Máis que románico rutas e sobre todo no artigo de José Antonio Gil na Wikipedia.
Fotos: INICIARTE
No hay comentarios:
Publicar un comentario