Na recente visita a Polonia, acompañados dunha magnífica
guía (grazas), tiven oportunidade de achegarme a algún dos lugares máis
sobranceiros da historia do século XX. Un deles foron os estaleiros de Gdansk
(por certo, topónimo con tilde no “n”) onde naceu o sindicato Solidariedade, (en polaco Solidarność).
Ademais de coñecer o seu pequeno museo, a súa tenda de
merchandaising e o monumento aos obreiros mortos nas protestas de 1970,
achegámonos ata o Centro Europeo da Solidariedade (en polaco Europejskie
Centrum Solidarności) . Magnífico edificio inaugurado o 31 de agosto de 2014.
Mais recentemente foi aberto ao público o pasado 22 de marzo de 2017 o Museo daII Guerra Mundial tamén dentro dun edificio sobranceiro porque, como lembraredes, esa guerra comezou exactamente alí.
A obra xurdiu a partir dunha idea do xa ex-presidente e
fundador do sindicato, Lech Walesa para
a creación dun “centro mundial para as ideas da liberdade, a democracia e a
solidariedade” e de acordo con Xosé
Manuel Durao Barroso. A Unión Europea aportou máis da metade dos 58 millóns de
euros que custou o edificio, pertencendo os seus deseñadores á empresa polaca
FORT Architects, como gañadora do concurso internacional celebrado en 2007.
O centro consta dunha exposición permanente sobre o
movemento Solidariedade (con máis de 2.000 obxectos expostos), un espazo para
exposicións temporais, así como unha biblioteca de máis de 100.000 volumes unha
sala de lectura e un amplo espazo para conferencias.
Chama poderosamente a a atención as súas paredes exteriores
que pretenden evocar o aceiro da construción dos buques. Din que a Lech Walesa
non lle gustou especialmente (tampouco é preocupante, non?)
A súa inauguración fíxose coincidir co 34 aniversario da
sinatura dos Acordo de Gdansk, cando o goberno polaco, tras máis de dúas
semanas de folga nos estaleiros, chamados naquel entón estaleiros Lenin,
recoñeceu o dereito dos traballadores á súa libre sindicación, iniciándose a
fin da era comunista en Europa.
Fotos de INICIARTE
No hay comentarios:
Publicar un comentario