A estatua de bronce do Auriga é a peza máis importante do
Museo de Delfos. Procede dun carro de grandes dimensións, ofrenda de Polízelos
pola súa vitoria na carreira de carros durante os Xogos Píticos do 474 a.C. De
acordo coa opinión máis estendida, sobre o carro estaría tamén a estatua de
Polízelos que se perdeu. O Auriga quedou sepultado na terra tralo terremoto do
373 a.C. e foi descuberto en 1896 na zona do muro de contención.
É unha obra impresionante que pertence ao estilo severo de
principios do s. V a.C. O escultor do Auriga, segundo certa opinión Pitágoras
de Samos- conseguiu dar alento á súa creación e ao mesmo tempo unha
interioridade á súa expresión e movemento.
O condutor do carro vencedor, vestido co longo quitón de
competición e coroado por unha cinta, expresa contenidamente o seu triunfo a
través da súa mirada fixa, chea de convinción.
Os pés están cravados sobre o carro, tal e como o require a
concentración na carreira, e o tronco firme, cunha lixeira inclinación que
suxire o movemento, mentres que nos brazos, que levan as rendas dos cabalos, as
venas están inchadas pola tensión do momento.
O globo dos ollos é de esmalte e os beizos de láminas
avermelladas de bronce.
O Auriga é unha das escasas estatuas de bronce orixinais da
época clásica que se conservaron ata os nosos días e proporciónanos unha imaxe
certa da calidade das ofrendas nos antigos santuarios gregos.
Texto procedente de : Delfos. O sitio arqueológico e o museo. Atenas, Xaitali.
2008
Da Wikipedia podemos engadir o seguinte:
A figura formaba parte dun grupo máis amplo, do que só
quedan fragmentos de catro ou seis cabalos e un pequeno escravo que se situaría
ante eles. De tamaño natural, a figura ten unha altura de 1,80 metros. O grupo
estaría formado seguramente polo auriga que sostén as rendas da cuadriga, os
catro ou seis animais, un guerreiro detrás del, ademais dun mozo de cuadra. A
escultura está fundida en varias pezas separadas e soldadas posteriormente, tal
e como era costume en representacións que incluían un número importante de
figuras.
O rostro (…) mantén un xesto sereno no que desapareceu o
sorriso (propio tamén do periodo arcaico), para dar paso a unha expresión
centrada, que destaca nunhas faccións xeometrizadas, pero cunha forte
"carnosidade" nos elementos propios do rostro.
Fotos: Iniciarte
No hay comentarios:
Publicar un comentario