24/9/12

Templo de Zeus en Olimpia (I): arquitectura


No segundo cuarto do século V a.C., realizouse a construción do Templo de Zeus, o maior do Peloponeso. Empezou a construírse no 470 a.C. co botín conseguido no enfrontamento contra a cidade de Trifilia. Terminouse no 457 a.C. cando os espartanos venceron en Tanagra aos atenienses e os seus aliados, e colocaron na acrótera central do templo un escudo votivo de ouro coa figura da gorgona Medusa. Na base da ofrenda había unha inscrición, reconstruída grazas ao testemuño de Pausanias, escritor do século II d.C. que publicou as súas viaxes en dez libro titulados Descrición de Grecia.

O templo levantouse no santuario máis importante de toda Grecia e albergaba unha estatua de Zeus, considerada unha das sete marabillas do mundo antigo. Será un dos templos de referencia do Grecia Clásica, tanto por haberse edificado no bosque sacro do 
santuario de Olimpia, como por fixar os canons do templo dórico.

Precisamente é grazas a Pausanias polo que se coñecen moitos datos deste templo. O arquitecto foi Libón. O material da edificicación foi pedra calcaria local, moi dura. Para as esculturas e o tellado utilizouse mármore branco (o do Pentélico, o mesmo que para o Partenón). Toda a construcción parecía de mármore porque a pedra estaba cuberta con argamasa (ou estuco) de mármore.

Era un templo dórico, rodeado de columnas, con 6 nos lados curtos e 13 nos longos (peristasis) É, xa que logo, un templo rectangular, hexástilo con dúas columnas in antis nas fachadas e periptero. Está orientado do leste ao oeste e tiña na fachada unha rampla de acceso (elemento realmente novo). A base ten tres niveis, dos cales, os dous inferiores teñen unha altura de 48 centímetros e o superior de 56. O estilobato ten unha lonxitude de 64,12 metros e unha anchura de 27,68. As columnas tiñan unha altura de 10,35 metros e un diámetro, na parte inferior, de 2,25 metros.

Sobre as columnas dóricas asentábanse o arquitrabe, formado por sillares de 5 metros de lonxitude e 1,77 de ancho, os triglifos e metopas que formaban parte do mesmo sillar. As metopas do peristilo nun principio estaban sen decoración. En dez ao lado oriental e once do occidental colocáronse 21 escudos recubertos de ouro, ofrenda a Zeus do xeneral romano Momio, cando no ano 146 a.C. venceu aos aqueos e apoderouse e saqueou Corintio. Sobre o friso apoiábanse as cornixas, sobre as que se asentaban un cimacio e as gárgolas, con forma de cabeza de león. Co paso do tempo estas gárgolas íanse estragando polos que ían sendo substituídas por outras (na actualidade pódense contemplar varias no museo). 


Nas fachadas occidental e oriental apoiábanse os frontóns, cubertos por tellados a dúas augas. O tellado tiña tellas de mármore.

Se xa dixemos que será unha edificación importante ao fixar o prototipo de templo dórico, non podemos deixar de mencionar as necesiarias correciones ópticas, que se aplicaron na procura da bellaza e das proporcións ideais. Así as columnas dos ángulos están máis proximas ás súas contiguas que as dos centros; os arquitrabes non son paralelos ao chan senón que están lixeiramente encorvados; os ábacos son máis amplos en relación aos equinos dos capiteis.

A naves do templo estaba dividida por dúas ringleiras de columnas de tres partes, das cales, a do medio era maior que as as outras dúas. Nela había unha bufardas, onde podíase subir por unhas escaleiras de caracol para ver de cerca a estatua de Zeus. O opistodomos e a pronaos do templo tiñan cada un dúas columnas entre piastras, e sobre o peristilo, triglifos e metopas, seis en cada lado que representaban os doce traballos de Heracles, que por primeira vez presentábanse na súa totalidade (hoxe consérvanse o museo).

Deste magnífico templo, de máis de 20 metros de altura, soamente podemos ver os cimentos das naves e algúns tambores inferiores das columnas, así como a columna da esquina do suroeste reconstruída. Os elementos restantes do templo, que foi destruído polos terremotos dos anos 522 e 551 d.C., atópase esparexidos ao seu ao redor. Habería que recordar, igualmente, que o emperador Teodosio II ordenara a súa destrución o o ano 426 d.C.

Todo o santuario pasou case mil anos no esquecemento, ata que en 1766 logrou ser identificado. Posteriormente, en 1829, un grupo de franceses procedeu a realizar unha primeira escavación neste templo, levándose varios fragmentos dos frontóns ao museo do Louvre. Será a partir de 1875 cando o Instituto Arqueolóxico Alemán proceda a realizar escavacións sitemáticas do xacemento.

Fotos de Pepe López para INICIARTE.

1 comentario:

ba san dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.