30/1/12

Colexio san Gregorio en Valladolid



Hai algúns meses fixemos unha visita a Valladolid e na que roubei algún tempo ás actividades gastronómicas previstas para adicarllo ao mundo da arte. E falar de arte en Valladolid é falar do Colexio de san Gregorio que hoxe forma parte do MuseoNacional de Escultura.

Este centro educativo fora fundado polo dominico Alonso de Burgos, bispo de Palencia e confesor dos Reis Católicos,  a fins do século XV para destinalo a estudos teolóxicos. Tras un longo e intenso período educativo, o colexio foi perdendo influencia coa chegada dos Borbóns ata que, no XIX, logo na Guerra da Independencia padeceu “as francesadas” e, logo, coa exclaustración de Mendizábal, o centro foi dedicado a presidio, instituto de bacharelato, escola de Dereito, de mestres ou, incluso, cocheira de tranvías. Coa II República (canto se fixo neses anos polo patrimonio e a arqueoloxía!!!) foi reconvertido en Museo.

As obras deste centro educativo principiaron en 1488 e parece ser que no 1496 xa estaba rematadas. Hai serias dificultades en atribuír unha autoría a este complexo edificio xa que falta a documentación relativa á obra. A fachada está claramente relacionada co obradoiro de Gil de Siloé e tamén coa escola toledana. O patio do colexio, sen embargo, ten uns aires que o relacionan co palacio do Infantado de Guadalaxara, pudendo ser atribuíble a Xoán Guas ou pola decoración a Bartolomeu Solórzano. A fermosísima capela puidera ser obra de Simón de Colonia coa intervención de Xoán Guas e Xoán de Talavera.

A fachada é un exemplo de fachada-telón organizada en compartimentos e decoradas con elementos vexetais que lembran aos arcos triunfais. Todos os elementos decorativos presentes, e son moitos, teñen unha gran carga simbólica. No tímpano principal , e sobre o lintel decorado coa flor de lis, xurde o grupo escultórico do frade Alonso de Burgos facendo a ofrenda do colexio a san Gregorio e coa presenza de san Paulo e santo Domingos. Nas xambas destacan as figuras dos chamados homes silvestres, que poden ter pelo, ou non, e portar garrotes e escudos (non está claro o seu significado alegórico, podendo aludir ao costume cortesán do disfraz ou ben alusións á mítica imaxe do “home natural”.

Da central central superior arranca un troco dunha árbores, como alusión ás orixes da vida ou da ciencia. Está tan chea de personaxes que hai quen pensa que o conxunto é unha representación simbólica dun microcosmo, como se fora o paraíso, como se fora o lugar onde deberían dirixirse as persoas que acadan o coñecemento polas Artes e a Teoloxía.

Ademais, cóntase, no centro mesmo, co escudo dos Reis Católicos, sostido por leóns e pola aguia de san Xoán, aludindo a que o edificio está dedicado a Sabela, a quen Alonso de Burgos  nomeara herdeira e patroa do colexio.


O seu patio, elemento arquitectónico destacadísimo, é de planta cadrada. É de estilo hispano-flamengo, sendo unha das súas principais xoias. Ten dous andares que se erguen sobre piares helicoidais decorados con capiteis de dous temas (medias bolas e lises) separados por unha cadea. Para acceder ao andar superior débese recorrer unha escaleira con peitorís góticos ao que sucede uns paramentos almofados  co timbre heráldico do fundador e cun artesanado mudéxar cun friso no que se poden observar as iniciais dos reis católicos.

Nas arquearías do andar superior hai moita decoración de calados nos peitorís de tracería tardogótica e cortinas pétreas que orixinan arcos xeminados de guirnaldas de follaxe no que xogan nenos. Do orixinal coroamento so se conservan un frixo con xugos e frechas e as gárgolas.

Da súa capela, da que non fixen fotos, podemos destacar que é sinxela, con dous tramos rectangulares e ábsida poligonal cuberta con bóveda de crucería. Contaba cun retablo de Gil de Siloé que desapareceu coa presenza das tropas francesa na cidade.




Fotos: INICIARTE

No hay comentarios: