12/1/12

Catedral de Palma de Mallorca



Tras a conquista de Mallorca polo rei Jaume I en 1229, decidiuse tomar posesión relixiosamente da illa facendo un gran templo sobre o solar que ocupaba a mesquita de Medina Maiurca. Parece ser, segundo conta a lenda, que o rei prometeu construíla se saía con vida dunha forte treboada no mar cando se dirixía á conquista da illa. A nova catedral sería consagrada no 1269. No século seguinte, Jaume II decidiu facer alí a súa capela funeraria tras o presbiterio.

A planta é basilical sen brazos, con tres naves e co testeiro plano. A nave central é máis ancha e alta cas laterais por iso mesmo non podemos falar dunha “planta salón” aínda que da a sensación de sela. Carece de xirola e de cruceiro. Ás naves laterais ábrense numerosas capelas. Todas as cubertas son de crucería sinxela.

 










Ten 121 metros de longo e 55 de ancho. Sobre a persoa responsable do seu deseño non hai certeza mais se se coñecen os nomes de moitos mestres de obras responsables dos traballos arquitectónicos e escultóricos. A súa altura é de 44 metros o que permite ten un gran claristorio pero as súas xanelas son moi estreitas como xeito de contrarrestar a fortaleza do sol. Dita altura obrigou a colocar moitos contrafortes e unha dupla arcada de arcobotantes, elemento non moi frecuente nas igrexas levantinas aragonesas.

A sensación que transmite o seu interior é de serenidade debido ao amplo e austero espazo edificado. A iluminación procede das xanelas dos muros da nave central e do rosetón da cabeceira. A cuberta apoiase sobre piares poligonais sen columniñas pegadas e case sen decoración.





Pero sen dúbida a visión característica, e que da valor de seu a este edificio, é o seu exterior. Semellando case unha nave fondeada na baía, os seus poderosos arcobotantes, definen a poderosa personalidade deste templo. Entre os grandes contrafortes, aparecen colocados outros menores na parte inferior como estruturas verticais que confiren á catedral unha grande solidez. Non me parece, no exterior,  un edifico tan esvelto coma outros góticos. Ten unha serie de molduras horizontais que dividen os muros en distintos niveis que rachan a pretendida sensación de altura dos contrafortes.

Curiosamente, a porta principal non se atopa no lado occidental senón no sur, é o chamadado Portal do Mirador xa que está orientado á fermosa baía. Represéntase  a “Derradeira cea”. Parece ser que este tema foi escollido para evitar calquera relación co Antigo Testamento xa que na illa había unha gran presenza de xudeus e deste xeito se lles faría visible a transformación do pan e do viño. Foi realizado en 1601 e pertence ao Renacemento serodio. No lado norte, fachada da Almoina, atópase un gran exemplo da escultura gótica, é o anxo de Guillem Sagrera, o autor da Lonxa da cidade. A que sería a fachada principal é de 1885 e, xa que logo, correspóndese ao neogótico.

Como ben nos informa a Wikipedia: “A principios do século XX, o arquitecto Antoni Gaudí dirixiu unha serie de traballos destinados a recuperar parte do espazo orixinal. Os principais cambios producidos foron: a eliminación do coro situado no centro da nave, que foi dividido en dúas e trasladado aos laterais, colocándoo sobre senllos grupos de columnas; a elaboración dun baldaquino para o altar maior (proxecto inacabado, xa que o existente é unha maqueta do definitivo que debería haberse realizado en metal); a creación dun novo púlpito (situado á esquerda do altar maior) e a introdución de diferentes elementos ornamentais de deseño modernista (o peche do altar maior e as chamadas "tobilleras" ou candelabros colocados nos alicerces que sosteñen a nave central). As obras dirixiunas Joan Rubió, axudante de Gaudí, intervindo tamén Josep Maria Jujol, o escultor Vicenç Vilarrubias e os pintores Joaquín Torres García, Iu Pascual e Jaume Llongueras”.




Foi declarada Monumento Histórico Artístico en 1931 e como data curiosos podemos lembrar que conta co rosetón gótico máis grande de Europa xa que conta cun diámetro de 13,8 metros e duns 100 metros cadrados. Ademais está situado na fachada occidental e non na cabeceira como era tradicional. Ten unha estrela de David inscrita nel. Tamén podemos subliñar que esta catedral conta cunha das naves centrais de maior altura de entre as catedrais góticas europeas. En conxunto son un 6.000 metros cadrados edificados. Deixaremos para máis adiante a intervención de Miquel Barceló.

Como boa obra gótica, son de salientar a beleza das súas gárgolas:




Na páxina web da catedral hai moita información así como a posibilidade de realizar visitas virtuais.

Os debuxos proceden da Wikipedia e as fotografías de INICIARTE.

1 comentario:

PACO HIDALGO dijo...

Gran post, Antonio, y gran colección de fotografías sobre la Catedral de Palma, una de las más genuinas representantes del Gótico Mediterráneo. Saludos cordiales.