29/11/11

A catedral de Santiago en helicóptero

Pois efectivamente, en helicóptero... de reducidas dimensións e manexado por radio control. Un bo xeito de introducirnos nesta xoia arquitectónica.

NOTA. Pasados uns días da publicación deste vídeo, deixo unha ligazón con Vimeo para que o podades contemplar. Retíroo para que a súa música non entorpeza a lectura doutras entradas.



Grazas Mari Carmen por darme a coñecer esta curiosidade tan fermosa.

28/11/11

Dúas vivendas unifamilares en Perillo (Oleiros, A Coruña)



Ubicada  na avenida Che Guevara, atopamos esta interesante obra da arquitecta Susana Rodríguez. A fachada principal está pechada sobre se mesma posto que a  avenida que lle pasa por diante ten un elevado ruído polo gran número de vehículos que percorre  a estrada que vai ás praias oleirenses. Ademais, emprega un material metálico que estamos a ver moito nas últimas edificacións unifamiliares de Oleiros.

Pola contra, a vivenda abrénse no outro sentido, cara ao oeste e á ría, potenciando, deste xeito, as fermosas vistas con eses amplos miradoiros.


 
Esta outra vivenda atópase preto da Praza da Canteira de Perillo, sendo obra de Emilio Rodríguez Blanco e na que chama poderosamente a atención o emprego da madeira e da uralita como materiais da fachada.

23/11/11

Proba: Roma e Pre-románica

Segunda proba do curso:








Analiza cada unha das obras empregando o seguinte esquema:



1ª. A Análise do seu contexto histórico-artístico (ata 1 puntos)

1ª. B Clasificación, sinalando, se procede, cultura, estilo, movemento; cronoloxía; título e autor (ata 1 punto)

1ª. C Xustificación da clasificación e comentario da obra seguindo os enfoques metodolóxicos da historia da arte (ata 2 puntos)

Define os seguintes conceptos (ata 2 puntos):
-Escultura exenta.
-Aparello almofado.
-Clave dun arco.
-Xamba.

22/11/11

Sobre o galego

Dous vídeos interesantísimos. o primeiro vinno na Biblioteca do Chouzo de onde collo, tamén o texto. Aclaro que Cea, xunto con Carral e Osedo, é un dos lugares co mellor pan de Galicia.
Lipdub do CPI Virxe da Saleta sobre unha versión de Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, popularizada por Siniestro Total como Miña Terra Galega. Sobre unha idea de Álvaro Cunqueiro, naceu a letra de A Lingua Sabe a Pan. Contou coa participación de todo o alumnado do CPI e dos músicos Pedro Feijoo e Charly Lincoln que gravaron, misturaron e produciron nos estudios Muu! de Vigo.






O segundo vídeo é de Carlos Blanco. Todo un fenómeno mediático.



18/11/11

A Arte Asturiana: San Xulián dos Prados (Santullano)



Esta igrexa é a de maior tamaño das conservadas do século IX. Foi levantada no reinado de Afonso II, sendo adicada aos mártires san Xulián e santa Basilisa, coñecidos pola súa castidade. Está situada en Oviedo, capital do reino astur.

É de planta basilical con tres naves e transepto perpendicular ao que se abren as tres capelas absidais, así como dúas cámaras nos laterais. Inicialmente estes pequenos recintos foron a dobre altura. Do triplo pórtico orixinal, as restauracións feitas a principio do século XX só respetaron o tramo central. As capelas da ábsida no seguen o eixo nin o tamaño das naves. Só a central é cadrada posto que as laterais son rectangulares. As tres están cubertas con bóvedas. A fábrica é de tan escasa calidade que cómpre poñer reforzo de perpiaños nas esquiñas e nos pequenos contrafortes exteriores.

O cruceiro é moi aparatoso, estando separado das naves por un muro ao que se abren arcos laterais de medio punto e dous pequenos ocos máis no tramo central. Conséguese, deste xeito, unha interrupción total da continuidade entre as naves e as capelas. Agás estas últimas, todo o templo cóbrese con cerchas de madeira orixinalmente talladas ou decoradas, apoiadas sobre os muros que, curiosamente, hoxe son un metro máis baixos cos orixinais.

No exterior, destaca a cabeceira que eleva o seu tamaño cunha pequena estancia pechada, sobre a capela central que se comunica co exterior por un triplo arquiño aberto no testeiro con dúas columniñas. As restantes xanelas foron construídas con lintel e arco cego de ladrillo que se cubrían con celosías cerámicas das que só se conservan algún restos.
Fronte á pobreza material exterior, o interior caracterízase pola riqueza das súas pintura murais, xa que os amplos espazo estucados están decorados con frescos de motivos clásicos romanos, froito intencionado dun pequeno renacemento artístico. Esta fermosa igrexa foi declarada Monumento Nacional no 1917.

Desde esta ligazón poderedes acceder a unha reconstrución virtual do edificio.





 
García Manzanares, José Luis (1985). El prerrománico del noroeste. Pontedeume, López Torre. 
 Fotos: INICIARTE

16/11/11

Arte Asturiana: Santa María do Naranco (e II)


Os miradoiros, que rematan a planta principal polo leste e o oeste, constitúen outro eco da romanidade, con idéntica función á das antesalas anexas aos espazos representativos dos palacios romanos. Reproducen un esquema tripartito de pórtico trunfal, constituído por tres arcos de medio punto, con doelas acanaladas de característica clave en forma de "tau", sobre columnas exentas no centro, e semicolumnas nos laterais, rematadas por capiteis corintios, copias locais altomedievales de capiteis corintios clásicos, que constitúen o cume da escultura altomedieval hispánica. No interior vólvese atopar a arquería cega perimetral, cos mesmos apoios en piastras sogueadas, talladas imitando un feixe de catro columnas, rematado polos xa mencionados capiteis facetados, cun total de seis medallóns pendentes de bandas, de idéntico formato aos da sala central.

Ao exterior, sobre a arquería trunfal, disponse, a modo de ático, outra arquería tripartita, sostida por columnas e semicolumnas dobres, de fuste sogueado e capitel corintio de follas nervadas; a súa función é decorativa, xa que dan luz ao mesmo ámbito do miradoiro. Nas enxoitas dos arcos das fachadas leste e oeste aparecen de novo os medallóns pendentes de longas bandas, que ascenden ata o beirado do tellado. Cabe dicir que, na fachada oeste apréciase a única agrupación temática de medallóns aos que se podería outorgar un sentido simbólico, ao representarse dúas parellas de galos afrontados. O chan de ambos os miradoiros foi de madeira, correspondéndose co teito das habitacións laterais da planta baixa. O seu teito é de bóveda de canón articulada por faixóns, seguindo idéntico esquema, e sendo continuación, da bóveda da sala central. Os miradoiros estiveron provistos de antepeitos.

O edificio altomedieval atopábase revogado completamente, tanto ao interior como ao exterior, onde se atoparon pegadas de revogo de estuco nun ton amarelo siena (terra siena), con detalles de policromía, en vermello siena, nos planos inferiores das pezas talladas en baixorrelevo (acanaladuras de arcos e contrafortes, campos do fondo dos medallóns, etc.). As pinturas perdéronse na restauración de 1929, realizada por D. Luís Menéndez Pidal, ao picarse sistematicamente todos os revogos que conservaba o edificio, desaparecendo os antigos xunto aos de época moderna.







No piso terreo, a peza principal consiste nun gran espazo rectangular de límites exteriores duns 6 x 12 metros, cunha altura duns tres metros, situado a un nivel lixeiramente inferior ao do terreo, provisto dun bancal perimetral corrido, sobre o que descansan directamente as impostas e os arcos faixóns da bóveda de medio punto, realizada en pedra toba, que a cobre. Devandito espazo non ten comunicación coa cámara situada ao oeste, en cuxo muro testero ábrense 3 mechiais de fábrica, que permiten a circulación do aire entre ambas as estancias; con todo, si posúe comunicación coa cámara simétrica á anterior situada ao leste, a través dunha pequena porta de medio punto situada no extremo sur do seu muro testeiro leste, no cal, ademais, ábrense outros dous mechinais, análogos aos do outro testeiro, e con idéntica función. 

A estancia máis interesante desta planta terrea é a situada no lado leste á que se accede, desde o espazo central, pola mencionada porta, e, desde o exterior norte por outra pequena porta de medio punto, análoga á anterior. Este habitáculo atópase soterrado respecto ao nivel do terreo en preto de doues metros, sendo a finalidade de tal soterramento posibilitar o enchido de auga da mesma, desde o exterior, por vasos comunicantes, o cal levábase a cabo mediante unha tubaxe, que descendía a través dunha das fiestras do lateral sur da estancia, por unha caixa de sección cadrada practicada no muro sur da mesma. A día de hoxe, descoñecemos se o soto enchíase directamente de auga, ou se estaba provisto dunha cuba de madeira, ou unha pia de fábrica. Si é segura a presenza de auga, xa que, no mesmo muro sur disponse un desaugadoiro ao nivel do pavimento, construído mediente tubos de arxila. A estancia simétrica polo oeste ten o seu pavimento ao mesmo nivel daquel do espazo central, e parece non ter, en canto á súa función, relación directa coa das outras dúas estancias, tratándose, en principio, dun espazo auxiliar. Con todo, ao noso xuízo, se consideramos a posibilidade de circulación de aire entre os tres ámbitos desta planta terrea, unido á inequívoca función balnearia da situada ao leste, podemos considerar seriamente a posibilidade dunha función relacionada co baño para toda esta planta baixa da edificación, co seguinte detalle:

-Espazo lateral leste: baño de auga, sen que podamos precisar polos elementos conservados se se tratou dun "Caldarium" (baño quente), ou un "Frigidarium" (baño frío).
- Espazo central: puido albergar un rudimentario "Tepidarium", ou vestíbulo, con función auxiliar de vestiario, e tal vez ata a presenza de baños tépedos. Ademais, desde aquí, mediante unha caldeira portátil, puido enviarse aire quente á habitación leste, a través dos mechinais, segundo técnicas de orixe romana, vixentes en edificios nobres en ambientes coetáneos, do ámbito itálico-bizantino.
- Espazo lateral oeste: función auxiliar, almacén, e calefacción, por análogo sistema ao comentado, do espazo central contiguo. 


Fotos: INICIARTE




14/11/11

Arte Asturiana: Santa María do Naranco (I)


Un dos edificios que máis teño admirado e santa María do Naranco, nas aforas da cidade de Oviedo. Hai xa máis de trinta anos que o coñezo e cada vez que vou a Oviedo non deixo de visitalo. Para preparar estas entradas en INICIARTE, revisei toda a miña bibliografía pero, finalmente, decidín adaptar o texto de Mirabiliaovetensia por ser o moi completo e conciso.

É o monumento máis representativo e coñecido da arquitectura altomedieval do Reino de Asturias e unha das obras cume da arquitectura universal. De enigmática interpretación, podemos dicir, con toda seguridade, que trátase dun edificio no que o símbolo transcende, con moito, á función ou funcións que sen dúbida desempeñou durante a súa etapa de uso civil, de entre as cales, podemos excluír, desde logo, a de uso residencial privado, tratándose, con seguridade, dun edificio cerimonial e representativo, en resumo, un edificio nobre do conxunto rexio de Naranco.

O edificio coñecido como santa María de Naranco, aparece así referido (con seguridade), por primeira vez na Crónica Silense (s. XII), que refire como Ramiro I edificara un palacio na ladeira do monte Naranco, convertido máis tarde en igrexa, dedicada á Virxe María. A data da súa conversión en igrexa hai que situala a partir de 857 (doazón de Ordoño I a San Salvador da vila de Liño), e 905 (doazón de Afonso III na que se delimita con exactitude o coto de devandita vila).


(…) Trátase dun pavillón rectangular de eixo maior E.-O., cunhas dimensións aproximadas de 20 metros (lonxitude), 10 metros (anchura, dos que, aproximadamente uns 6 metros corresponden ao corpo principal, e 2 metros aos pórticos laterais N. e S.), e uns 9 metros de altura total; de dúas plantas, desenvólvese axialmente ao redor dun pórtico central, segundo modelos tardo-romanos (…), polo que o edificio posúe unha segura filiación en modelos mediterráneos, contemporáneos á súa construción.

O edificio configúrase espacialmente sobre un dobre cadrado duns 10 x 10 metros, dispostos sobre un eixo maior E-O, a partir do cal establécense as subdivisiones dos seus espazos: lonxitudinalmente, dous espazos laterais duns 6 x 4 m, flanqueando axialmente ao espazo central, duns 6 x 12 metros, repetíndose este esquema tanto no piso terreo como na planta principal; en anchura, ao mencionado espazo central de 6 metros de ancho, se xuxtapoñen, tamén axialmente, polo N. e polo S., senllos pórticos, dos cales, o norte serve de antesala de acceso ao espazo da sala nobre, desde as escaleiras que, tamén de modo simétrico, conducen á súa planta superior; o ao lado sur, hoxe en ruínas, era análogo ao do norte, aínda que carecía de escaleiras, e debeu servir de balcón.

É seguro que o edificio desempeñou unha ou varias funcións capitais dentro do conxunto edilicio rexio de Naranco, aínda que só podemos establecer hipótese respecto de cales fosen os usos concretos do mesmo.







ANDAR PRINCIPAL
A sala central, constituíu, ao noso xuízo, o espazo cerimonial, e xa que logo representativo, do edificio. Accédese a ela por sendas escaleiras dispostas axialmente aos lados do pórtico norte, que desembocan nunha antesala aberta ao exterior, no piso alto de devandito pórtico. O pavimento da sala (dun "opus signinum" basto), está a un nivel inferior ao do pórtico, o que motiva a existencia dun rebanco perimetral, que serve de podio ás pilastras que sosteñen a arquería cega que percorre todo o perímetro interior da sala, reforzando os muros exteriores a fín de recibir a bóveda de canón que cobre o espazo. A arquería cega desenvólvese axialmente a partir dos arcos centrais -correspondentes cos ocos de acceso aos pórticos-, mediante tres arcos máis a cada lado do mesmo, coa particularidade de ir diminuíndo, tanto en alzado como en amplitude respecto ao central, de modo que se produce un efecto de perspectiva, para o observador que penetra na sala e dirixe a súa vista aos testeiros da mesma, a E. ou Ou., acentuada pola presenza, tras devanditos testeiros, dos respectivos miradoiros abertos ao exterior; trátase dun exercicio de concepción espacial francamente romano. As arquerías perimetrais dos muros testeros da sala articúlanse en triplo arco, co central de maior amplitude que os laterais, apoiando nas consabidas pilastras, concibíndose como pórticos de glorificación, segundo un modelo de marco arquitectónico de representación do Príncipe moi utilizado en tárdoa-antigüidade e no Imperio Bizantino; sobre estas arquerías, nos tímpanos da bóveda, sitúanse sendas hornacinas enmarcadas por arcos e xambas con acanaladuras.

Debido á súa función representativa, neste salón concéntrase a maior riqueza decorativa, expresiva dunha simboloxía de discutido significado por parte dos diferentes autores, pero que, para nós, pon en relación o poder do Príncipe coa aplicación inefable da xustiza divina, como explicaremos en detalle máis adiante. Para iso utilízase unha simboloxía alusiva: nos capiteis facetados que rematan as pilastras de sostén da arquería cega (parellas de guerreiros e felinos afrontados, articulados en dous pisos mediante unha separación de columnas e arcos sogueados, na fronte; personaxes con roupa tallar, en actitude contemplativa, nos laterais); nos 16 medallones, pendentes de bandas, situados nas enxoitas dos arcos (os medallones, copias de selos paleobizantinos e paleoislámicos, con representacións de felinos, quimeras, cisnes, alusivos á autoridade e maxestade do Príncipe; as bandas, representacións de profetas, no campo superior, e escenas de guerra, no inferior, aludindo á inefabilidad da palabra de Deus, e, polo tanto, da xustiza divina, administrada polo Príncipe, representante de Cristo na terra); todo iso reforzado nos muros testeiros -onde se dirixiría a mirada do observador-, pola presenza da cruz (nas bandas, co Alfa e o Omega pendentes, e talvez tamén nas hornacinas situadas nos tímpanos da bóveda).

Cabe mencionar, para rematar, a máis que probable presenza nesta sala central do altar (do que unha réplica atópase instalada actualmente no miradoiro E.(…), pero cuxo significado está asociado ao da función cerimonial da sala. Non se trata dun altar consagrado para o culto (G. de Castro, 1995), xa que faltan elementos imprescindibles que testemuñen a súa consagración (a referencia ao ministro que a realiza, a deposición de reliquias...). Trátase xa que logo dun altar que responde a un voto privado (o do Príncipe Ramiro e a súa esposa Paterna), de carácter penitencial, e que contén asímismo unha fórmula de encomio á divindade, ejemplificante da práctica canónica da fe católica. É dicir, nós vemos nesta sala o marco simbólico expresivo duns usos cerimoniais, probablemente relacionados coa administración de xustiza por parte do Príncipe.






Fotos: INICIARTE

10/11/11

A Arte Asturiana: A Cámara Santa de Oviedo



A Oviedo capital do reino dos astures, tiña xa no século VIII unha rica historia. Mais non é iste o tema que toca hoxe, senón a Cámara Santa como un dos restos arquitectónicos de maior antigüidade dese reino. 

Tras a destrución ocasionada na cidade pola campaña de Hixan I a finais do VIII, Afonso II mandou levantar un templo adicado a san Salvador e tamén a propia capital da súa corte. Semellaba que trataba de imitar a corte visigoda do Toledo anterior á conquista musulmá. Iste primixenio templo era de planta basilical coas ábsidas abovedadas, creando, deste xeito, o prototipo que se repetirá durante todo o século IX.

Iste edificio de san Salvador foi derrubado no século XIII para levantar no seu lugar o templo gótico que hoxe coñecemos, mais aínda fican dous restos prerrománicos: a ábsida de san Tirso e a Cámara Santa (principios do século IX) que en realidade é unha capela pegada á Torre de san Miguel e composta por dous corpos superpostos. É un pequeno relicario arquitectónico que como se di tradicionalmente ten ”o tesouro espiritual de Asturias, chegado desde Toledo na Arca Santa”  tras a conquista musulmá.

Sobre a cripta de santa Leocadia (nave inferior abovedada e destinada a enterramento) elévase a Cámara Santa, de planta rectangular, iluminada lateralmente mediante lunetos e cun nicho no testeiro, formado por un arquiño sobre dúas columnas que enmarcan unha celosía e dan cobillo a un pequeno e característico edículo pétreo.

A zona alta, ou capela de san Miguel, é propiamente a Cámara Santa. Mide 12 por seis metros. Na súa ábsida consérvase o tesouro. A nave está cuberta cunha bóveda de canón, tras as reformas do século XII cando foi suprimida a cuberta de cerchas de madeira e se adosaron as estatuas pareadas dos doce apóstolos. Nesta mesma reforma uníronse mediante arcos apontados os contrafortes exteriores prerrománicos.

Débense subliñar dous elementos sobranceiros nas estrutura arquitectónica desta obra. Por unha banda, xorden os arcos cegos decorando os muros exteriores, elemento nada habitual no prerrománico español ata que apareza dun xeito xeneralizado nas igrexas alto-aragonesas. E, pola outra, aparece na planta baixa a primeira nave cuberta da arte asturiana como un claro antecedente das construcións do período ramirense.

Na ábsida, e tras as reixas, atópanse as reliquias e os tesouros que os monarcas astures foron ofrecidas á catedral de san Salvador. Son a arca santa, a Cruz da Vitoria (908, de Afonso III), a Cruz dos Anxos (808), a arca das ágatas (910, agasallo de Fruela II), ademais dun Cristo do século XII, así como outros obxectos en marfil, un Libros das testemuñas do XII e, como non, espiñas da coroa de Cristo e un anaco da cruz de Cristo.

A inicios da II República foi declarada Monumento Nacional, mais foi totalmente destruída ben polas  bombas, que sobre a cidade de Oviedo, mandou tirar Francisco Franco en outubro de 1934, ou ben polos revolucionarios. A situación actual provén das reconstrución rematada en 1942. Está declarada pola UNESCO como Patrimonio Mundial da Humanidade desde 1985.






Bibliografía:
García de Castro Valdés, César (2004). «Cámara Santa». Arte Prerrománico de Asturias. Oviedo, Ediciones Nobel.
García Manzanares, José Luis (1985). El prerrománico del noroeste. Pontedeume, López Torre.

Fotos de INICIARTE.

9/11/11

A Arte Asturiana: O Prerrománico arquitectónico (II)


Da análise dos edificios conservados do século IX pódense deducir unha serie de características comúns aos tres períodos do mesmo, mais tamén, elementos definitorios de cada un dos reinados de Afonso II o Casto (791-842), Ramiro I (842-850) e Afonso III o Magno (866-910).

Entre os elementos que son coincidentes nos tres reinados podemos atopar os seguintes: planta con emprego exclusivo de espazos rectangulares, con pórticos aos pés, normalmente triplas; dúas dependencias laterais a cada lado dos templos; planta basilical de tres naves con iluminación lateral; vans pechados con celosías cerámicas ou pétreas e tamén con duplos ou triplos arquiños sobre columniñas.

 A ARQUITECTURA DO REINADO DE AFONSO II
Da época de Afonso II destacan as seguintes características como máis peculiares:
-Xanela aximezada na dependencia incomunicada, que se construía sobra a ábsida central, con dúas columniñas intermedias.
-Pequeno tabernáculo ou edículo pétreo no muro testeiro das capelas, como a Cámara Santa.
-Tribuna ou coro de madeira no último tramo da nave central.
-Característico capitel nos piares das naves e baixo o arco triunfal das capelas, consistente nun simple bloque de pedra cunha sinxela moldura e igual solución nas basas.
-Pintura sobre estuco, de tipo romano serodio, cubrindo as paredes do templo.
-Na ábsida central de forma cadrada non destaca en planta dos laterais, interrompéndose as cortas naves co c cruceiro, de grandes dimensións espaciais, cando existe.

Deste momento consérvanse varios edificios pertencentes a unha tipoloxía de templo basilical, con ou sen , cruceiro, onde o prototipo sería a desaparecida catedral de san Salvador de Oviedo. Ademais destacarían os templos de san Xulián dos Prados (Santullano), san Pedro de Nora, santa María de Bendones e os restos de san Tirso e da Cámara Santa.

ARQUITECTURA DE RAMIRO I
Afonso II morre sen descendencia e Ramiro, o seu sobriño, axúdase dun exército galego para derrotar á nobreza local en desacordo coa súa elección. Ten frecuentes enfrontamentos con musulmáns e normandos. A súa arquitectura diferénciase da dos outros monarcas asturianos en:
-Abovedamento de naves, capelas e pórticos
-Pedra en arcos, sustituíndo case sempre ó ladrillo
-Alixeiramento dos muros con arquerías cegas de descarga
-Aparición da decoración escultórica (humana e de animais)
-Emprego do capitel piramidal e dos medallóns
-Uso do arco de medio punto peraltado.

 As obras máis salientables deste período son:
-Igrexa de s. María del Naranco
-Igrexa de  san Miguel de Lillo
-Igrexa de Santa Cristina en Pola de Lena. Durante o reinado de Ordoño I (850-866) pero do mesmo arquitecto do Naranco.

ARQUITECTURA DE AFONSO III
Oviedo ten unha nova época de gran actividade arquitectónica posto que se fai o castelo, refórzanse as murallas, faise outro pazo real, numerosas obras civís. A expansión territorial leva ás súas tropas ata Zamora, Coimbra ou Burgos. Rematará o seu reinado (866-910) repartíndoo entre os seus fillos, sendo León que ostentará a capitalidade, polo que desaparece o Regnum Asturorum.

Este final do século IX e principios do X é cando a influencia mozárabe chega ao norte da península. Así a igrexa de san Salvador de Valdediós estará claramente influenciada pola estética do sur. As características de seu máis salientables deste período na arquitectura son (ademais da planta basilical tripla con bóvedas nas capelas absidais):
-Dupla abertura na xanela axemenizada na parta alta da cabeceira, fronte á tripla anterior.
-A tribuna ocupa a parte alta do pórtico.
-O arco de trunfo está sustentado por columnas adosadas con capiteis de follas.
-Empréganse motivos ornamentais de influencia mozárabe.

Os templos deste período son:
-San Salvador de Valdediós.
-San Adrián de Tuñón.
-Santiago de Gobiendes.
-San Salvador de Priesca.

7/11/11

Arte Asturiana: o Prerrománico (I)


Tras unha recente visita a Asturias, imos pór en INICIARTE unha serie de entradas adicadas á arte prerrománica asturiana da que estou prendado desde que a coñecín na primavera do 1980 (como pasa o tempo…)

Que a arte prerrománica asturiana? De onde saíu a monarquía asturiana?

Unha aclaración previa sobre a “Reconquista”. Para min ese concepto é erróneo ou se queredes unha “entelequia histórica inexistente”. Non sería mellor falar dunha guerra de conquista? Ou ben para os que consideran o concepto de “España” vencellado á península, como a primeira guerra civil?

Politicamente os monarcas asturianos pretendían considerarse continuadores da monarquía visigoda (aquela inestable de permanentes enfrontamentos, conquistadores do reino dos suevos…) Relixiosamente dependían da sede primada de Toledo ocupada polos musulmáns. Precisamente por este feito parece lóxico que Afonso II apoiara tan decididamente a milagrosa aparición dos restos do apóstolo en Santiago (máis vale cura en man que voando por Toledo…)  Durante os séculos VIII e IX formouse o reino asturiano, nunha constante loita pola subsistencia fronte ao poderoso conquistador musulmán.  Mais non conseguiron superar o século X posto que ao trasladar a capital de Oviedo a León, cos ollos postos en horizontes militares máis  ambiciosos,  perderían a súa especificidade.

Habitualmente fálase da arte asturiana destes séculos coma un elo, ou un reencontro,  coa cultura occidental europea do momento, tras o paréntese que supuxo a xeira visigoda. Neste senso débese entender a arte asturiana coma unha arte áulica de afirmación política e europeísta da corte dos tres monarcas máis sobranceiros: Afonso II, Ramiro I e Afonso III.

Nos aspectos arquitectónicos ten como elemento moi salientable o emprego do ladrillo con perpiaños irregulares e cachotería (semella  máis a continuación da tradición romana, como nos templos carolinxios, que unha evolución desde a técnica visigoda  dos perpiaños a oso). Tipoloxicamente, prefírense as plantas das igrexas de forma basilical con tripla ábsida rectangular con bastantes similitudes cos templos visigodos.  As súas construcións estaban ricamente decoradas con pinturas murais, de tradición romana ou con temas bizantinos, visigodos e, mesmo, mozárabes. 

Fotos: INICIARTE


4/11/11

Arte e literatura: "La delicadeza" de David Foenkinos

 
A persoa que me nutre de literatura francesa, a benquerida Sandra, agasalloume co magnífico libro de David Foenkinos "La delicadeza" na que podemos ler o seguinte texto:


"Fragmento de un análisis del cuadro El beso
de Gustav Klimt:
La mayoría de las obras de Klimt pueden dar pie a numerosas interpretaciones, pero su utilización anterior del tema de la pareja en el friso Beethoven y el friso Stoclet permite ver en El beso la realizaación postera de la búsqueda humana de la felicidad."


David Foenkinos. La delicadeza. Madrid, Seix Barral, 2011, páx. 81

3/11/11

As imaxes sagradas no cristianismo (I)


Mentres que o xudaísmo e o islam non empregan ou non admiten o culto ás imaxes sagradas, o cristianismo si que as utiliza e mesmo fai representacións antropormórficas do divino. Non teño  a intención de facer un repaso polo miúdo desta cuestión no blog, mais si facer algúns apuntamentos sobre o tema.

Desde que Moisés recibira no Sinaí o famoso decálogo, os seus seguidores rexeitarán o emprego das imaxes para representar ao seu deus. De feito, son moitas as alusións a esa prohibición as que podemos atopar no Antigo testamento.

Nos tempos dos primeiros cristiáns comenzáronse a empregar imaxes alusivas ás principais figuras relixiosas do cristianismo. San Gregorio Magno (540-604) nunha carta dirixada ao bispo de Marsella condenou a destrucións de imaxes levada a cabo nesa diócese francesa, e, ademais, afirmaba:

Louvámoste por prohibir a adorar imaxes, pero reprobámoste por telas destruído. Adorar unha imaxe é diferente de aprender o que se debe  adorar a través da pintura. (...) A obra de arte ten todo o dereito a existir, porque o seu obxectivo non é para ser adorada polos fieis, senón para ensinar os ignorantes. O que os doutos poden ler coa súa intelixencia nos libros, veno os ignorantes cos ollos nos cadros. O que todos teñen que imitar e realizar, uns o ven pintados nas paredes e outros o len escrito nos libros”.

Saltándonos algúns séculos, podemos, agora, lembrar a san Bernardo de Claraval, o grande impulsor do Císter no século XII, a quen non lle gustaba nada a exhibición das imaxes nos templos posto que ademais des distraer aos frades das súas ocupacións (oración, austeridade e caridade), argumentaba que:

A igrexa refulxe nos sus muros e está necesitada  nos seus pobres. Viste as súas pedras con ouro e deixa espidos  a os seus fillos. Cos gastos dos indixentes, sérvese  aos ollos dos ricos. Veñen os curiosos para deleitarse, e non veñen os miserables para seren sustentados. (…) Como non respectamos ao menos as imaxes  dos santos, dos que xeralmente está cheo o mesmo pavimento que pisoteamos cos pes? A cotío cúspese na boca dun anxo, a cotío golpéase cos zapatos dos peóns  as facianas dalgúns santos”. 

En consecuencia, a regra número 20 da congragación prohibía a realización de imaxes nos seus mosteiros.
 
Como xa sabemos, o Concilio de Trento xustificaba o uso da arte e das imaxes “porque os miragres realizados por Deus a través dos santos e os  seus saludables exemplos son postos baixo os ollos dos fieis, a fin de que por eles den gracias a Deus e conformen a súa vida e costumes a imitación dos santos, e sexan estimulados a adorar e amar a Deus e practicar a piedade”. Deste xeito, reafirmouse a lexitimidade do uso das imaxes sagradas pola súa eficacia didáctica mais tamén insistiuse na necesidade de maior control sobre as mesmas:

… este santo Sínodo quere que sexan erradicados de inmediato, de xeito que quen os cometen no podan constituir ningunha imaxe de falsa doutrina nin unha ocasión de perigoso error para os sinxelos (…) En diante sexa evitada toda lascivia, de xeito que non se adornen nin pinten imaxes de beleza provocativa. (…) Polo demás, ocúpense os bispos con tanta dilixencia e coidado destas cousas que non se advirta nada desordenado ou disposto de calquera xeito e confusamente, nada que sexa profano e deshonesto, posto que á casa de Deus convén a santidade”.

Dende entón a Igrexa católica occidental non fixo máis que regulamentar os cánones moralizadores… mais non sempre acadou os seus obxectivos… e diso xa falaremos noutra ocasión.

Bibliografía e citas de documentos: Juan Carmona Muela. Iconografía cristiana. Guía básica para estudiantes. Madrid, Básica de Bolsillo, 2008.
Fotos de INICIARTE: Gregorio Fernández. Cristo xacente. Igraxa de san Paulo, Valladolid.