31/10/11

Sen comentarios (XXXI): Desaguadoiro en Muros



Na Praza da Peixería, nunha contorna protexida pola declaración de Muros como Conxunto Histórico-Artístico desde 1970, temos este magnífico exemplo de destrución dun desaguadoiro para facer esta auténtica chapuza... Sen comentarios.



27/10/11

Recreando a Roma Imperial

26/10/11

Proba de arte grega

1ª. A Análise do seu contexto histórico-artístico (ata 2 puntos)
1ª.B Clasificación, sinalando, se procede, cultura, estilo, movemento; cronoloxía; título e autor (ata 1 punto) 
1ª.C Xustificación da clasificación e comentario da obra seguindo os enfoques metodolóxicos da historia da arte (ata 2 puntos) 


 Praxíteles. Venus de Cnido


2ª.B Clasificación, sinalando, se procede, cultura, estilo, movemento; cronoloxía; título e autor (ata 1 punto)
2ª.C Xustificación da clasificación e comentario da obra seguindo os enfoques metodolóxicos da historia da arte (ata 2 puntos) 

3ª Define os seguintes conceptos (ata 0,50 puntos por cada un deles) 
3.1 Bóveda de canón 
3.2 Fuste 
3.3 Doela 
3.4 Metopa

24/10/11

O Arco de Constantiño




Este é o terceiro arco de trunfo levantado nos foros romanos. Do máis antigo, o de Tito, xa falamos e do segundo, o de Septimio Severo falaremos noutra oportunidade. O arco de Constantiño está situado ao carón do Anfiteatro Flavio, o Coliseo, é foi  edificado co gallo da vitoria de Constantiño I O Grande na batalla da Ponte Milvio en 312 sobre Maxencio. A súa construción iníciase no 315 aproveitando elementos decorativos doutros lugares.

As súas medidas son as seguintes: 21 metros de alto, 25,7 de ancho e 7,4 de profundidade. Consta de tres arcos, sendo o central o máis alto (11,5 fronte a 7,4 metros dos laterais), repítese, xa que logo, o esquema compositivo do arco de Septimio Severo.  A parte externa do arco está realizada en mármore agás no ático onde é apreciable o uso de ladrillos e de mármore. Nun lateral distínguise a presenza dunha porta.


A partires do habitual podio, elévanse catro columnas adosadas de orde composta, sobre as que se asenta un arquitrabe  de tres platabandas, un friso sen decoración, unha pequena cornixa e o ático. Nesta parte superior do arco de trunfo destaca a fragmentación do espazo escultórico grazas a catro pequenas esculturas que dividen o espazo en tres: o central conta cunha inscrición e nos laterais figuran catro relevos. Dentro do traballo escultórico decorativo é de salientar o espazo situado sobre os arcos laterais xa que neles sitúanse sendos frisos corridos esculpidos e catro medallóns.

A principal inscrición, orixinariamente en bronce, di o seguinte:
"Ao Emperador César Flavio Constantiño, o máis grande, pío e bendito Augusto: porque el, inspirado pola divindade, e pola grandeza da súa mente, liberou o estado do tirano e de todos os seus seguidores ao mesmo tempo, co seu exército e só pola forza das armas, o Senado e o Pobo de Roma dedicáronlle este arco de trunfo".


Nos arcos menores hai outras inscricións que datan a obra. Nesta ligazón podedes informarvos máis ao respecto.

A importancia do Arco de Constantiño ven dada polas aportacións que facilita para o estudo da arte escultórica romana. Só as bandas decoradas sobre os arcos laterais e os zócalos son orixinais da época de Constantiño porque o resto das pezas escultóricas son doutros momentos anteriores da civilización romana. Así,  por exemplo:
-as columnas adosadas son da época dos Flavios,
-as esculturas do friso son época de Traxano,
-os medallóns son da era de Adriano,
-os baixo relevos do friso superior son da época aureliana.

En conxunto, as pezas escultóricas dos inicios deste cuarto século carecen da beleza de era de Augusto ou do realismo da era de Traxano, ao seren unas figuras recortadas secamente sobre o fondo, illadas unas doutras e establecendo a xerarquía pola “lei do respecto”.

Como xa vimos no Arco de Tito, este arco de trunfo tamén formou parte das fortalezas medievais de Roma. Foi restaurado por vez primeira no século XVIII e a última gran intervención nel data de finais dos anos noventa do pasado século.

Fotos de INICIARTE  e de Beni N.

20/10/11

Arte e literatura: Camilla Läckberg


Ultimamente estoume facendo un deborador de novela negra nórdica. Na primeira obra que lle deu  gran fama, a escritora sueca Camilla Läckberg describe a presenza dunha das súas protagonistas nunha galería de arte:

Tal y como indicaba el nombre de la galería, todos los cuadros eran de estilo abstracto. Cubos, cuadrados, círculos y figuras extrañas. Erica ladeó la cabeza y entrecerró los ojos en un intento de detectar qué era lo que un experto en arte vería en aquellas figuras que escapaban por completo a su entendimiento. Pero no, no seguís viendo más que cubos y cuadrados que, según ella, podría haber plasmado un niño de cinco años. De modo que no le quedó más alternativa que aceptar que aquello quedaba fuera de su alcance.
Se encontraba ante un enorme cuadro rojo cuyo lienzo aparecía dividido en diversas partes amarillas distribuidas de forma irregular ccuando oyó a su espalda los pasos de Francine, en sonoro taconeo sobre el tablero de ajedrez del suelo.
-¿No es maravilloso?
-Sí, bueno, claro, es bonito. Pero si he de ser sincera, no estoy muy familiarizada con el mundo artístico. A mí me parece que los girasoles de Van Gogh son bonitos, pero ahí, aproximadamente, terminan mis conocimientos".

Prefiro non facer comentarios sobre este parágrafo.

Camilla Läckberg. La princesa de hielo. Madrid, Embolsillo, 2011, páx. 41.

Imaxe vía Wikipedia.

19/10/11

Unha camiseta artística


17/10/11

O Arco de Tito




Para celebrar a vitoria dos romanos sobre os xudeus en Palestina, tras a súa revolta (66-73) edificouse o Arco de Tito. Foi mandado levantar por Dominciano (dinastía Flavia), no ano 81 tras a morte do seu irmán Tito Flavio Vespasiano. Está situado na entrada sudoeste do Foro Imperial, na Vía Sacra e ao carón do Anfiteatro Flavio. É un dos tres grandes arcos de trunfos conservados nesta zona de Roma. Descoñecemos o nome do seu autor xa que como era habitual este carecía de importancia social.
É unha obra civil realizada para conmemorar determinados feitos salientables na historia da cidade. Probablemente a súa orixe estea na arquitectura efémera dos etruscos. Na actualidade consérvanse máis de cen arcos de trunfo espallados por todo o imperio. Os arcos de trunfo poda que sexan o tipo de obra que mellor reflicten o senso que os romanos daban á arquitectura como testemuña da grandeza do poder. Será unha tipoloxía construtiva con fonda repercusión na historia arquitectónica occidental.
Cunhas medidas de 15,40 por 13,50 metros, levántase sobre un pódium elevado, constando dun só arco de medio punto con bóveda de canón e casetóns no seu interior. Ten unha combinación de arco e lintel, tan característica da arquitectura romana, que se consegue mediante as enxoitas, situadas nun plano inferior. A cada lado aséntanse dúas columnas de orde composto con hornacinas rectangulares de pequeno tamaño. O entaboamento está formado por un delgadísimo arquitrabe de tres bandas e un friso que representa o desfile triunfal das lexións romanas e unha cornixa que soporta o ático. A parte central desta zona superior contén a dedicatoria do senado romano ao xeneral Tito: “O Senado e o pobo romano ao divino Titus Vespasiano Augusto, fillo do divino Vespasiano”.
No interior do arco podemos apreciar relevos alusivos á vitoria romana en Xerusalén. No lado norte apréciase a representación dos portadores de fasces (unión de trinta varas) que preceden ao emperador coroado coa vitoria na súa cuádriga quen vai seguido dunha moza co peito descuberto en representación do pobo romano e un home con toga, representando ao Senado. No lado sur vese a procesión a través da Porta Triumphalis, coas reliquias do templo de Xerusalén, a Menorah (candelabro de sete brazo) o altar de ouro, as trompetas de prata… é o desfile triunfal da lexión (representada polo seu escudo e o seu nome) levando o botín do templo de Salomón.

Estes relevos están realizados con diferentes graos de profundidade
(desde un altísimo relevo en primeiro plano ata unha leve insinuación no fondo), o que xenera fortes contrastes de luces e sombras. Ademais, e para aumentar a ilusión espacial de profundidade, deberíamos lembrar estarían pintados.
Ao igual que outras obras arquitectónicas romanas (lembrade as entradas sobre a arquitectura romana e en especial sobre o Panteón), o arco de Tito tamén tivo unha historia bastante accidentada. Así, sabemos que foi incorporado ás fortificacións medievais de Roma, facendo a función de porta, ata que, paseniño paseniño, foi caendo nun estado ruinoso tal e como se pode apreciar no gravado de Giovan Battista Piranesi de 1748 ao quedaren só en pé o arco central. É moi interesante a entrada de Luz rasante sobre a reedificación deste arco de trunfo. Resumidamente podemos anotar en 1822, Vladier foi o encargado de volver poñelo en pé. Para iso, reconstrúe os laterais con travertino (xa non mármore do Pentélico) facendo unha labra con formas sinxelas. Foi necesario a desmontaxe completa do arco central para logo volvelo a edificar co obxectivo de arranxar os graves problemas estruturais que amosaba.
Esta reedificación do arco foi sempre moi ben valorada e serviu de modelo para outras, mais débese anotar que non foi realizada segundo uns criterios de conservación do patrimonio senón consecuencia de falta de cartos para realizar outra “mellor”.
As fotos, como case sempre son de INICIARTE, cun algún préstamo do benquerido Beni N. Máis fotos na wikipedia.

14/10/11

Berlín: arte en 3 D

Ultimamente a nosa compañeira Susana non para de enviarnos interesantísimos vídeos. Mirade o seguinte:


12/10/11

Vivendas colectivas en Oleiros (A Coruña)

Xa temos posto en INICIARTE moitas entradas adicadas á arquitectura de meu concello, Oleiros (A Coruña), desde igrexas románicas, barrocas ou contemporáneas ata varias vivendas unifamiliares en As galeras, Perillo, Montrove, Liáns, ou adosadas. Toca hoxe ver tres exemplos de vivendas colectivas.


Rúa Macato. Residencia Ballesol. O G
raxal
Moi preto da Ría do Burgo atópase esta r
esidencia para persoas maiores. É un conxunto de edificios con varias fachadas, sendo a máis interesante esta que podedes contemplar nas fotos.




Rúa Cubelos. Perillo
Trátase da vivenda colectiva que máis me ten chamado a atención nos últimos tempos en Oleiros, pola súa pureza de liñas, polas súas magníficas vistas á ría e polo que se intúen magnificas vivendas máis elevadas. (Tamén habería que poñerlle algunha chata: radiadores, grandes ventanais do prim
eiro andar que mira á rúa...).





Rúa Cubelos. Perillo
Outro exemplo de vivenda colectiva feita sen pretensións pero cuns resultados moi salientables ao potenciar as fermosas vistas sob
re a praia de santa Cristina.




10/10/11

Sen comentarios (XXX): Lira (Carnota, A Coruña)


Algunha vez xa teño escrito cousas como "E para isto tantos anos de historia da arquitectura...". Pois efectivamente, en Lira no concello coruñés de Carnota, podemos contemplar todo un exemplar arquitectónico que non vai, precisamente, en vías de extinción...

7/10/11

Fábrica da Cross: descontaminación e consolidación estrutural

Parece que xa rematou a primeira fase dos traballos da antiga fábrica da Cross en Culleredo (A Coruña) que consistiron na súa descontaminación e consolidación estrutural. Lembrade que esta industria adicouse ao torrado de piritas para a produción de ácido sulfúrico. Ocupou máis de 150.000 metros cadrados aínda que na actualidade só ten 8.000. INICIARTE xa vos presentou este proxecto de centro cultural. Agora fica a segunda, e costosa, fase: a realización da obra nova. Creo que os fondos necesarios non están garantidos polo que se durante demasiados anos afixémonos a ver o estado semi-ruinoso da instalación fabril, agora estaremos afeitos a ver como esta estrutura se irá deteriorando co paso do tempo.


Lembrade como estaba hai un ano




Situación actual



5/10/11

Praxíteles: a Venus de Cnido

Como xa dixemos no post anterior, a Afrodita Cnidia é a responsable da continuidade da representación do nu feminino frontal e completo empregada na arte arte  occidental. A orixe desta divina representación foi relatada por Ateneo, que no 200 d.C., conta que foi inspirada pola fermosura de Friné:

Un día, entre as Grandes Eleusinias e as estas de Poseidón, desprendeuse do seu vestido diante de todos os gregos, deixou  caer os seus longos cabelos e entro una auga coa maior sinxeleza. Serviu de modelo a Apeles cando este pintou a súa Venus Anadiómene (a que xorde do mar), mais tamén a Praxíteles, o seu amante, cando este esculpiu a Venus de Cnido segundo a súa imaxe; sobre o seu pedestal, que se atopa ao pé da escena do teatro, gravou os seguintes versos: Praxíteles fixo esta obra extraéndoa do seu propio corazón, e me agasallou a Friné; eu mesma son o meu propio pago. E se feitizo os encantos, non é coas miñas frechas senón coa miña ardente mirada”.

Praxíteles podería ser coñecido pola abundancia de obras nas que representa o espido feminino (Venus de Arlés, Venus no baño…), mais a obra que lle proporcionou un maior éxito foi, sen dúbida, a súa Venus de Cnido (Afrodita Cnida) datable entre o 364 e o 362 a.C., ao seren considerada como a imaxe feminina máis fermosa de toda a Antigüidade. Pénsese que se teñen conservadas máis de duascentas copias porque o orixal foi perdido na Idade Media probablemente en Istambul.

O  tema, como era habitual ou frecuente no escultor ateniense, é case anecdótico: a deusa, antes de introducirse nun baño, deixa caer coa súa man esquerda elevada a súa vestimenta sobre unha vasilla estando suavemente inclinada cara adiante.

Fronte a antigas deusas da fecundidade, a Afrodita praxiteliana, amosa unha expresión case púdica, ante a irrupción sorpresiva dos seus contempladores no íntimo momento do aseo persoal. Afrodita está representada deixando caer as súas vestimentas sobre un hidria (ánfora para a auga), actuando ambas (roupa e hidria) como soportes estruturais da obra e permitindo que o corpo da deusa rote lixeiramente cara adiante e á esquerda. O seu rostro, ao igual que a posición da man dereita, amosa un relativo pudor. Apóiase nun só pé mentres ten a outra perna lixeiramente dobrada. Poderíase entender coma un símbolo de coquetería feminina (no noso mundo castrexo significaba outra cousa…) o torque que leva no brazo esquerdo.

Plinio lembrou para a posteridade as orixes da fama desta obra ao relatar como os habitantes de Cos, buscando no estudo de Praxiteles unha obra que representara á súa patroa, Afrodita, escolleron á coñecida hoxe como Venus de Arlés por non estar completamente espida.  Os representantes de Cnido, sen embargo, ao estar máis afeitos ao gusto oriental do espido feminino, escolleron  esta outra versión que actuaría desde o século III a.C. como un auténtico reclamo turístico, posto que foron moitos os gregos que visitaron esta illa co obxectivo de contemplar a imaxe, ubicada de xeito tal que permitía a visión por todos os ángulos (no centro dun templeto circular).

Coma todas as esculturas da época, esta Afrodita estivo tamén policromada, sendo o pintor Nicias, habitual colaborador de Praxíteles e artista de recoñecido prestixio no século IV a.C. De feito Luciano de Samosata (século II d.C.) entendía que o pintado era superior en calidade artística ao propio modelado realizado polo escultor.

Esta obra representa o primeiro espido feminino grego completo (peitos desenvoltos, amplas cadeiras, pernas torneadas, nocellos finamente artellados…) sen que estivera presente o asalto dos centauros ás gregas, as amazonas ou ás fillas de Níobe asaetadas por Apolo…  Foi toda unha revolución iconográfica. Por vez primeira o ideal de beleza feminina baseábase na anatomía da muller e non, como na época de Pericles, nunha estrura corpórea de varón. Por todo isto non debe extrañarnos que Práxiteles fora criticado por representaren a unha deusa coa figura espida dunha muller.

Finalmente, pódese anotar que esta Afrodita tivo a súa equivalencia no sexo masculino na figura do Eros de Parion, unha colonia grega do mar Negro e que tamén, ao dicir de Plinio, padeceu o “acoso sexual” pola beleza conferida ao corpo espido por Praxíteles.

Bibliografía: Santiago Moreno Alba. “ Praxíteles. El escultor de la Grecia Clásica". En Descubrir el arte, VIII, n. 99, maio 2007, pp- 26-35.
Créditos das ilustracións:
-Rostro.

3/10/11

Praxíteles: a escultura grega do IV a.C.

Os traballos do mestre Praxíteles foron os máis copiados da antigüidade clásica. A súa obra, ao dicir do erudito  romano do século I a.C. Varrón era “coñecida para calquera cun mínimo de cultura”.

Tal vez as características máis salientables da súa sexan a gracia nos xestos, a suavidade no modelado, o suave claroscuro, a “curva praxitélica,” e o culto á anatomía xuvenil duns deuses tanxibles.

Na súa biografía hai moitos datos descoñecidos, mais sabemos que naceu en Atenas cara ao 400 a.C., nunha familia de cidadáns acomodados. Probablemente seu pai fora o escultor Cefisódoto o Vello. Morreu entre os anos 330 e 325 a. C.

Praxíteles preferiu o mármore ao bronce, a pesar do cal consérvanse moitas copias das súas obras. Hai que lembrar que as pezas en bronce poden reproducirse a partires dos moldes de fundición mentras cas de mármore teñen a dificultade de que para copialas pola “técnica de puntos” habería que alterar o orixinal tanto na súa pintura como na capa de cera transparente (gánosis) que preservaba as cores e lles daba brillo. Estas dificultades na copia pode explicar as pequenas variantes realizadas polos copistas sobre as pezas orixinais do noso protagonista.

Como no caso doutros escultores gregos, a historia da arte leva moitos estudos adicados a discernir a autenticidade das pezas conservadas, tratando de distinguir entre as obras de Praxíteles , as do seu obradoiro ou as copias romanas. Xa hai máis de 250 o propio Winckelmann publicara, na súa Historia da Arte da Antigüiedade, o primeiro estudo ao respecto. 

Formado parte do obradoiro de Cefisódoto, trasladouse, no 370, á cidade recén fundada de Megalópole, no Peleponeso, onde fixo unha vinte obras e remata a súa formación técnica.

A obra máis antiga da que se ten a certeza da súa autoría é un pedestal de mármore adicado ás estatuas das deusas Deméter e a súa filla Perséfone.

O segundo orixinal conservado, por orde cronolóxica de creación, é a basa de Mantinea, aparecida no pavimento dunha igrexa ateniense en 1887.Trátase de Apolo e Marsias ante as Musas. Sobre o pedestal, segundo Pausanias, estarían as representacións de Apolo, Ártemis e Latona.

O Hermes con Dioniso neno, aparecida nas escavacións alemás do Hereneo de Olimpia, tamén é obra orixinal do escultor ateniense (hai autores que defende que é unha copia realizada polo obradoiro dos seus fillos). 

Quedará para outra ocasión un comentario polo miúdo desta obra, non obstante podemos tirar alguhnas conclusións das características temáticas e formais de Praxíteles: 

-As súas obras presentan un predominio da visión frontal, reforzada pola posición de brazos e pernas.

- Representa a un grupo reducido de deuses (Apolo, Ártemis, Afrodita, Eros, Hermes, Dionisos, Deméter…) no momentos da máxima beleza xuvenil ao tempo que renova tamén a representación iconográfica dos deuses (Afrodita Cnidia, grazas á que conservouse o nu feminino frontal e completo, reconvertido polos cristiáns na representación de Eva)

-Os corpos esculpidos descansan o peso sobre unha única perna, deixando a outra lixeira apoiada sobre o chan ou cruzada, tendo que baixar a cadeira dese lado así como o ombreiro contrario e inclinando a cabeza ao lado da perna que descansa, polo que o conxunto corpóreo fai un “S” ou contrapposto tal e como se iniciara aos comezos do V e que supuxera o remate do período arcaico. A este resspecto debemos indicar a evolución do escultor. Nalgunha das súas primeiras obras (Sátiro escanciador ou a Venus de Arlés) apréciase o contrapposo aínda contido. Cando o “S” adquire maior protagonismo, o que chámase “curva praxitélica ou praxiteliana”, cómpre situar un apoio á figura que ben pode ser un tronco dunha árbore (Apolo Sauróctonos, Sátiro en repouso), unha cerámica (Venus de Cnido) para evitar que o desprazamento do centro de gravidade cara adiante ocasione a súa caída.

-Os corpos representados corresponde a persoas relativamente novas, en plena mocidade, mais non como corpos musculosos. Lembremos que ata entón era característica da escultura grega a diárthrosis ou a representación clara das masas musculares e das articulacións. Fronte a iso, Praxíteles aplica nas súas obras unha suave gradación nas súas partes, unha especie de “sfumato”.

-Outra característica é a permanente “gracia”, fronte a calquera expresión radical de sentimentos, Praxíteles busca a templanza.

Imaxes:



2/10/11

Tony Judt e Le Corbusier

Como analizar a situación actual tras a crise do 2008?. Desde un punto de vista histórico (especialista na historia do século XX) e da esquerda, o recentemente falecido Tony Judt, fai un repaso demoledor desde a súa orixe ata súa situación actual: o desprestixio do estado, as políticas (fallidas e carísimas para a cidadanía) de privatizacións de empresas públicas, a ausencia de referentes na esquerda política…

Un libro imprescindible….

Pero teño unha discrepancia, a súa alusión a Le Corbusier como responsable de vivendas colectivas de escasa calidade y de políticas urbanísticas nefastas e carentes de imaxinación. Leamos os dous seguintes parágrafos:

A indiferenza das autoridades nacionais e locais ante o dano causado polas súas decisións é sintomática dun aspecto preocupante da planificación e a renovación da posguerra. A idea de que quen está no poder saben o que é máis convinte (…) non naceu en 1945 pero floreceu naquelas décadas. Esa foi era de Le Corbusier: con demasiada frecuencia resultáballes indiferente que pensaban as masas dos novos pisos e as novas cidades nos que se lles recolocou, da “calidade de vida” que se lles asignou.
A finais dos anos sesenta, a idea de que “sabemos o que é mellor para ti” estaba empezando a producir unha reacción. Organizacións voluntarias de clase media comezaron a protestar pola demolición abusiva e a gran escala non só de “feas” zonas degradadas, senón tamén de edificios e paisaxes urbanas de valor: a caprichosa demolición das estacións de Pennsylvania en Nova York e de Euston en Londres, a construción dun monstruoso bloque de oficinas no corazón do antigo quartier parisiense de Montparnasse, a reorganización dos distritos de cidades enteiras completamente falta de imaxinación. Máis que un exercicio de modernización socialmente responsable en nome da comunidade, empezaron a parecer síntomas dun poder sen control nin sensibilidade.

A continuación pon exemplos de Suecia ou de Glasgow.

Calquera historiador da arquitectura do XX e do urbanismo non poderá suscribir estas palabras en relación a Le Corbusier. Outra cousa son as tremendas barbaridades arquitectónicas e urbanísticas realizadas no XX (no caso de España e Galicia especialmente no Franquismo)

Tony Judt. Algo va mal. Madrid, Taurus, 2010. Pp. 85-86.