30/4/11

Antonio Palacios: O Palacio de Comunicacións de Madrid


Hai poucas semanas foi presentado á sociedade madrileña a nova Casa do Concello, é dicir, o Palacio de Comunicacións de Antonio Palacios e Joaquín Otamendi. Tras lembrar que INICIARTE xa vos presentara hai tempo a obra do arquietcto galego Palacios, imos ver hoxe como podemos escribir desta sobranceira obra a través dalgúns documentos.


O FALLO DO CONCURSO: REAL ORDE DO 25 DE XANEIRO DE 1905
“… e que o terceiro proxecto (dos presentados), subscrito polos señores D. Antonio Palacios e D. Joaquín Otamendi, aínda que máis lixeiramente desenvolvido, incompleto, falto de detalles e cunha
documentación deficiente, é o produto dunha creación xenial, susceptible de modificacións, que, sen alterar a súa esencia, permitan corrixir os defectos de que adoece para levalo á práctica, facilitando en extremo o servizo ao público; debendo advertir, respecto dos tres proxectos que ningún deles executarase polo prezo fixado no programa de convocatoria; en virtude de todo o cal, a Academia (Real Academia de Belas Artes de san Fernando) propón, por unanimidade, en primeiro lugar o proxecto dos Sres. Palacios e Otamendi…”

(…) S.M. o Rei (q. D. g.) tivo a ben:

1º Aceptar en principio o proxecto para a construción en Madrid dun edificio para Dirección xeral e Administracións centrais de Correos e Telégrafos, subscrito e presentado a concurso polos arquitectos D. Joa
quín Otamendi e Machimbarrena e D. Antonio Palacios Ramilo, que foi proposto por unanimidade en primeiro lugar pola citada corporación oficial, debendo os autores complementar o mencionado proxecto e introducir nel as modificacións necesarias con estrita suxeición ás indicacións determinadas no dictamente da expresada Academia, para o que se lles concede o prazo dun mes”.

ESTRACTO DA MEMORIA DO
PROXECTO. MADRID, OUTUBRO DE 1904
“Ao proxectar as fachadas procuramos dar a monumentalidad necesaria recordando sempre que ha de levar por unha banda o selo de edific
o comercial polos servizos que presta e outra polo aspecto severo das construcións do Estado. Na interpretación desta idea esencialísima inspirámonos no estilo que na nosa Nación conservouse máis castizo, no Renacemento español, por entender que é a arquitectura de maior españolismo, e pretendemos concilar devandito estilo coas necesidades modernas do edificio, habendo dado tal importancia a estas últimas que o conxunto só recorda o renacemento español no seu aspecto xeral, na impresión total da obra.

Así pois, do estudo preliminar sobre as
construcións similares do estranxeiro e do estudo posterior detido das necesidades espaciais que o novo edificio ha de satisfacer, resultou o proxecto que presentamos”.


AS FACHADAS. ESTRACTO DA AMPLIACIÓN DA MEMORIA DO PROXECTO. MADRID, 22 DE FEBREIRO DE 1905

Proxectáronse as tres fachadas principais da praza de Castelar (Cibeles), Rúa de Alcalá e Salón do Prado completamente
de pedra, e as outras terían o seu corpo inferior de pedra e o resto de ladrillo con revogo de cemento. Os elementos arquitectónicos que as constitúen son adaptacións dos das fachadas principais, a fin de que o edificio conserve a harmonía necesaria, pero son moito máis sinxelos respondendo así á menor importancia das fachadas, nacida do seu emprazamento en rúas de segunda orde, e ás distintas dimensións que esixe o emprego dos novos materiais”.

VALORACIÓN DE LEÓN TROSKI EN 1906
“A nova Casa de Correos, con columnas, torreóns e garitas. Domina aquí a arquitectura propia dos templos. Irónicamnete chaman á Casa de Correos A nosa Señoras das Comunicacións”.


VALORACIÓN DE ANTONIO PALACIOS EN 1940
Así, cando nos primeiros anos deste século -coincidentes cos da miña vida profesional- xurdiu o intenso cultivo das esquecidas arquitecturas nacionalistas e aínda rexionais en España e demais países europeos, todas as facilidades do éxito de adaptación foron para os arquitectos nórdicos que non tiñan que exercitar máis esforzo que o de seguir aquelas diáfanas arquitecturas axustadas sen modificacións aos tempos novos, en tanto que nós, arquitectos hispanos, loitabamos denodadamente por aquel imposible acoplamento, o que se revela con evidencia en todos os meus edificios daquel tempo, singularmente no complexo e inmenso Palacio de Comunicacións, no que a pesar de haberme adiantado en trinta anos á renovación dos nosos prestixios históricos e heráldicos, con moito uso de frechas e xugos, aguias, castelos e leóns, medallóns de Navegantes e Conquistadores, cresterías e pináculos, a obrigada diafanidade que me esixía converter o edificio no que é inmenso fanal acristaldo imposibilitaba o intento, non alcanzado con adxectivos detalles senón coa macizas sustantividade tectónica, permitida aos grandes arquitectos do noso Renacemento, aos que doutro xeito me foi ben fácil un intento de asimilación, xa que coñecía con certeza o seu segredo. En cambio, a perda de carácter queda compensada cun exceso de funcionalismo, concepto moi aireado nos últimos anos, que, por certo, non ten de novo máis que a palabra con que se lle denomina”.



Os textos proceden de Antonio Palacios. Constructor de Madrid. Ministerio de Fomento. Catágo de Exposición, 2001



Desde esta ligazón podedes segurlle a pista a toda a polémica causado polo elevado custe da reforma.

29/4/11

Visitando exposicións: Frank Lloyd Wright


Como farán escasos turistas, aproveitando a presenza en Chicago achegueime ata Milwaukee no estado veciño de Wisconsin para visitar o seu Museo de Arte do que falarei noutro momento. Co gallo da celebración do décimo aniversario da inauguración da ampliación do museo realizada por Santiago Calatrava, organizouse unha exposición sobre Fran Lloyd Wright, de que INICIARTE, vos ten falado en abundancia e, preparádevos, seguirá falando pero esta vez con fotos orixinais.

A exposición consta de de máis de 150 obxectos deseñados polo que consideran o “maior arquitecto de América” e de quen constatei hai auténtica admiración. Expóñense trinta e tres debuxos nunca expostos con anterioridade, ademais de maquetas, planos orixinais, mobles e varias películas.

Desde a páxina web do museo podedes acceder á exposición onde se inclúe unha selección de imaxes (de onde procede a que ilustra esta entrada)

25/4/11

As fragas na pintura: traballo do alumnado

Co gallo da celebreación no 2011 do Ano Internacional das Fragas, o noso IES artellou a Semana Cultural con actividades relacionadas co tema dos bosques. O alumnado de Historia da Arte fixo unha selección de cadros onde o protagonismo fora das árbores, ademais elaboraron unha pequena biografía de cada pintor así como un somero comentario de cada obra. O conxunto do traballo foi exposto no recibir do centro. Gran parte da información procede de Artehistoria.

19/4/11

Visitando exposicións: O esplendor do Románico


Hai uns días puiden visitar a exposición O esplendor do Románico na Fundación Mapfre, en Madrid. Na sala de Recoletos amósanse unha selección de obras do Museo Nacional de Arte de Cataluña, aproveitando as obras de remodelación das sala do románico do museo barcelonés. A verdade é que a exposición é magnífica cunha esmeradísima posta en escena. Artéllase en torno a cinco eixos temáticos: a cor da arquitectura, un espazo para a narración, a escultura románica, o poder das imaxes e o tesouro da igrexa.

Dentro da montaxe destaca unha recreación en 3D da portada do Mosteiro de Ripoll. Ademais a exposición compleméntase cunha extraordinaria información na web: seccións, visita virtual, folleto ou selección de imaxes. Unha visita imprescindible.




15/4/11

Cézanne e as formas

"Permítame repetirlle o que xa dixen: Consideremos a natureza polo cilindro, a esfera e o cono, todo colocado en perspectiva, de maneira que cada lado dun obxecto, ou dun plano, se dirixa cara un punto central. As liñas paralelas ao horizonte darannos a extensión, é dicir, unha sección da natureza ou, se se quere mellor, o espectáculo que o Pater omnipotens aeterne Deus estende ante os nosos ollos. As liñas perpendiculares a este horizonte darannos a profundidade. Polo tanto, a natureza está, para nós, os homes, máis en profundidade que en superficie, de aí a necesidade de introducir nas nosas vibracións de luz, representada polos vermellos e amarelos, unha suma suficiente de azuis para facer sentir o ar”.

Carta de Cézanne a Emile Barnard.
En Aix-en-Provence, 15 de abril de 1904


Museo de Orsay, 1890-1895, 47x57 cm. Óleo sobre lenzo

O mestre Argán escribe o seguinte:
“... A fixeza do xogador que está esperando, está definida pola forma cilíndrica do chapeu que, ademais, repítese na manga, pola recta do respaldo da cadeira e polas notas brancas da pipa e do pescozo da camisa; ata o mantel avermellado da mesa cae en picado pola súa banda e levántase en ángulo pola outra. A atención, a mobilidade psicolóxica do outro maniféstase polas cores máis claras e sensibles á luz da chaqueta, do chapeu e do rostro, e pola forma menos ríxida e máis ondulada dos trazos. O distinto non é a caracterización psicolóxica senón a forma coa que as masas de cor desenvólvense no espazo e reaccionan á luz. Masas que une e envolve no intenso intermedio de tons escuros, avermellados e negro-turquesas do fondo e da masa, tal como nunha paisaxe a atmosfera envolve por igual ás árbores próximas e aos montes afastados. O eixo do cadro, o reflexo branco da botella, non coincide na metade exacta, de tal xeito que a composición é lixeiramente asimétrica: a gran masa cilíndrica do xogador da pipa vese enteira, e detrás ten o valeiro; a masa máis solta e luminosa do outro xogador está cortada polo bordo do cadro. Pero é o mesmo tipo de relación que, nunha paisaxe, hai entre unha montaña e o ceo, entre unha casa e unha masa de follaxe ou entre unha beira rochosa e unhas augas espejeantes; as variacións de densidade e de vibración non rachan a unidade do espazo nin alteran a súa estrutura. A sustancia, a calidade fundamental da cor é sempre a mesma; e Cézanne non rechea nin recubre de cor masas plásticas xa ordenadas, senón que constrúe masas e volumes mediante a cor. Véxase como está construíde o volume xeométrico do xogador da pipa: un cilindro que termina en oxiva e no que se incrusta como un tubo o cilindro oblicuo do brazo..."


Giulio Carlo Argan. El Arte Moderno, 1770-1970. Valencia, Fernado Torres, 1975. Vol.1, páx. 142-143

14/4/11

Día da República: 80 aniversario



12/4/11

Impresionismo: crítica á segunda exposición, 1876

Comentario crítico, e desafortunado, á segunda exposición impresionista (Degas, Monet, Pissarro, Renoir, Sisley e Berthe Morisot)

"A rúa Le Peletier ten mala sorte. Despois do incendio da Ópera ocorre un novo desastre no barrio. Acaba de inaugurarse no estudo de Durand-Ruel unha exposición que se di é de pintura. Ingresei nela e os meus ollos arrepiados contemplaron algo espantoso. Cinco ou seis lunáticos, entre eles unha muller, reuníronse e expoñen alí as súas obras.Un grupo de desgraciados tocados pola tolemia da ambición, déronse cita para expor as súas obras. Vin persoas desternillándose de risa fronte a estes cadros, pero a min me angustiaron. Estes pretendidos artistas considéranse revolucionarios, "impresionistas". Toman un pedazo de tea, cor e pinceis, o embadurnan cunhas cantas manchas de pintura postas ao azar e asínano co seu nome. Da mesma forma, os tolos do manicomio de Ville-Evrard recollen pedras e figúranse que recolleron diamantes.


Espantoso espectáculo de vaidade humana que se extravía ata a demencia. A ver quen explica ao señor Pisarro que as árbores non son violetas! Que alguén lle diga ao señor Degas que en arte hai algunhas calidades que teñen un nome: o debuxo, a cor, a execución. Que intenten explicarlle ao señor Renoir que o torso dunha muller non é unha morea de carnes en descomposición con manchas verdes, violáceas".

Albert Wolf. Le Figaro, 3 de abril de 1876.

Ilustración: Renoir. Espido ao sol. 1875-76, óleo sobre lenzo, 81 x 65 cm. Museo de Orsay

10/4/11

Proba de arte barroca

Comenta as seguintes imaxes seguindo o guión:



















A Análise do seu contexto histórico-artístico (ata 1 punto)
B Clasificación, sinalando, se
procede, cultura, estilo, movemento; cronoloxía; título e autor (ata 1 punto)
C Xustificación da clasificación e comentario da obra seguindo os enfoques metodolóxicos da historia da arte (ata 2 puntos)

Define os seguintes conceptos (ata 0,50 puntos por cada un deles)
1 Claroscuro
2 Sfumato
3 Planta basilical
4 Veladura

8/4/11

A "Casiña do Príncipe" no Escorial


Hai algún tempo puiden visitar a “Casita del Príncipe” tamén coñecida como a “Casita de Abajo” no Escorial. Foi unha obra deseñada por Juan de Villanueva, sen dúbida o arquitecto neoclásico español máis interesante. Foi construída entre 1771 e 1775 e no ano 1931 foi declarada Ben de Interese Cultural.

Mentres para o infante Gabriel de Borbón Villanueva deseñaría a “Casita do Infante o de Arriba” para o herdeiro Carlos, futuro Carlos IV o arquitecto fixo este pequeno (¿) pavillón de recreo cunha fachada de 27 metros e cun certo aire ao Museo do Prado. Dez anos despois do inicio das obras, foi ampliada por orden do príncipe, engadíndose un gran salón e un gabinete ovalado.

Está rodeada por xardíns nunha contorna de fragas. Para comunicar as partes dianteira e traseira fixéronse dous pórticos de columnas toscanas.

No interior, destaca o estilo decorativo pompeiano e etrusco, do gusto da época que podemos apreciar no seu mobiliario e noutros elementos como son os estucos de mármores. O conxunto padeceu a Guerra de Independencia, polo que Fernando VII volveu decoralo e Afonso XIII ordenou nunha restauración (que dous grandes representantes da familia que nos reina)

Para Juan de Villanueva esta foi unha obra menor, tendo en conta que tamén é o responsable do Real Xardín Botánico, Madrid (1774-1781), Museo do Prado (1785), Academia da Historia (1788), Observatorio Astronómico de Madrid (1790), Xardíns do Retiro, a Reconstrución da Praza Maior de Madrid (1791) ou o Teatro del Príncipe, Madrid (1804) .



Nesta ligazón podedes ver outras obras de Villanueva.

6/4/11

Goya: Os frescos de santo Antonio de La Florida (Madrid)

En 1732 érguese unha pequena capela, ás beiras do río Manzanares, para dar cumprimento á devoción popular a santo Antonio de Padua, santo benquerido polas mozas casadeiras segundo día a tradición católica. Aquela capela foi derrubada nese século en dúas ocasión por mor das reformas urbanas que os Borbóns emprenderon en Madrid co gallo de facer desa cidade unha capital ao gusto francés. Esa capela derrubada por mor das obra da nova estrada de Castela, fora de Churriguera. A segunda era de Sabatini. Que luxo de arquitectos para unha capela tan pequena. A terceira edificación co mesmo fin é a que hoxe podemos contemplar en Madrid, realizada entre 1792 e 1798 segundo os planos de Filipe Fontana.


A actual capela neoclásica de san Antonio recibe o nome de “La Florida” porque foi edificada nunha finca mercada por Carlos IV que tiña ese nome e onde tamén se construíu un pazo, hoxe desaparecido pola edificación da estación de Ferrocarril de Príncipe Pío. Mais sen dúbida a fama desta pequena obra relixiosa é debida, fundamentalmente, a que foi pintada ao fresco por Francisco de Goya. Co obxectivo de garantir a conservación destes frescos, o edificio foi declarado Monumento Nacional en 1905. Para preservalos aínda máis, en 1919, levantouse outra capela idéntica, trasladando a esta última o culto. Deste xeito a primixenia capela ficou adicada ao pintor posto que no 1919 trasladaranse alí os restos de Goya, morto en Burdeos en 1828.

Como ben sabedes, Goya morreu no seu exilio francés. A tumba que hoxe podemos contemplar en santo Antonio de La Florida é de granito e está situada aos pes do presbiterio tendo adosada unha lápida de c
aliza que sinalaba a súa sepultura no cemiterio de Burdeos.


Como curiosidade hai que salientar qu
e Goya fora enterrado co seu amigo e consogro Martín Miguel de Goicoechea. Cando se trasladaron os restos a Madrid decidiuse que continuaran xuntos posto que había importantes dúbidas de identificación. Mais os resto do aragonés non están completos: fáltalle a cabeza!!! Parece ser que por “estudos frenolóxicos”.

Fronte ao que era habitual, Goya decidiu que na cúpula, de seis metros de diámetro, non pintaría a escena celestial (está pintada nas zonas baixas con fermosos anxos e na bóveda da ábsida representou á Adoración da Trinidade) senón que fixo unha rerpresentación dun miragre do santo.
Segundo a Wikipedia:

"Pero sen dúbida, a parte máis espectacular son as pinturas da cúpula, onde está representado un dos milagres de San Antonio de Padua, no que transportado por anxos a Lisboa, pola graza divina fai que un defunto conteste ás preguntas do xuíz e confirme a inocencia do pai do santo, quen fora acusado do crime. A obra ten 6 metros de diámetro.

As figuras do defunto, os pais do santo e o propio santo sobre unha roca están distribuídas pola cúpula. Cerca do óculo apréciase paisaxe, conseguindo a ilusión de estar ao descuberto.

O pobo de Madrid observa o milagre: simpáticas, chisperos, cabaleiros embozados... charlan ou miran atentamente, apoiados na varanda que percorre a base da cúpula, conseguindo grandes doses de realismo, tanto pola perspectiva como pola viveza coa que están representados.

Para a elaboración destes frescos, Francisco de Goya recibiu a colaboración do seu axudante Asensio Juliá."

Podemos interpretar estes frescos coma unha homenaxe do pintor aragonés ao Madrid que tan ben o acollera, posto que podemos contemplar toda unha galería de personaxes do XVIII vestidos con roupaxes da época (tamén é certo que outros contan con outro tipo de vestidos). Igualmente podemos ver algunhas das paisaxes da cidade. Lémbrese que Goya era un gran afeccionado ás festas e tradicións da capital.

A técnica empregada por Goya foi o fresco rematado ao seco (pintar coas cores diluídas en auga sobre unha capa de morteiro aínda húmido) Como era habitual, facía previamente os debuxos sobre papel mais en varias ocasión, sobre a marcha, modificou os deseños inicialmente previstos. Din os especialistas que aínda se poden apreciar as incisións que o aragonés facía nos muros para trasladar os debuxos do papel ás paredes.

Un aspecto novidoso destes frescos é que ao formar parte dun
pazo real, os seus deseños non tiveron que ser presentados nin a Academia nin á xerarquía eclesiástica. Ademais a familia real deulle absoluta liberdade creativa. Era a primeira vez que Goya sentíase libre pintando nun recinto relixioso. Ata é probable que escollera el a temática.

Goya coloca no extremo inferior da cúpula a resurrección milag
rosa, dándolle a ese lado unha pequena balaustrada para que non caían os espectadores (un grupo popular vestido segundo varias modas). Mais sobre estes grupo non están os teitos de ningún xulgado, senón un ceo azul grisáceo. Se o aragonés seguira os costumes artístico-relixiosos enchería ese ceo de anxos e santos. Mais esta baleiro. Os anxos están máis abaixo, algúns con formas femininas e con alas torpemente levadas como se foran actores de teatro afeccionado (Para Artehistoria son anxos femininos e vistos de preto son, efectivamente, anxos femininos)

Hai algúns especialistas (os Hagen) que mesmo pretenden ver na colocación das figuras relixiosas e no seu tratamento plástico, unha actitude de descreimento por parte do pintor posto que analizan como una canto á vida á actitude de varios personaxes populares, fronte á colocación en lugares secundarios de santos de figuras bíblicas.

Entre 1987 e 2005 realizáronse tres campañas de restauración: edificio, limpeza e consolidación dos frescos. É unha visita imprescindible en Madrid. Hoxe é visitable un horario de museos:
Dirección: Glorieta de San Antonio de la Florida, 5
Teléfono: (+34) 91 542 07 22.
Horario de visitas: Martes a venres: de 09:30 a 20:00h. Sábados e domingos: de 10:00 a 14:00 h. Luns, pechado

Finalmente mirade un fragmento da película de Carlos Saura sobre Goya:


Bibliografía:
José Rogelio Buendía. La ermita de San Antonio de la Florida. Historia e itinerario artístico. Madrid, Ayuntamiento, 1992.
Mª José Rivas. Frescos de Goya. Guía de la ermita de San Antonio de la Florida. Madrid, Ayuntamiento, 1994.
José Manuel Pita, Manuela Mena e José Rogelio Buendía. Goya en San Antonio de la Florida. Ciclo de conferencias. Madrid, Ayuntamiento, 1999.
Rose Marie e Rainer Hagen. Goya. Taschen, 2007.
Isabel Sánchez. Goya. Akal, 2001.

Máis información no Concello de Madrid.

Créditos das imaxes: Exterior da capela de INICIARTE, interior, cúpula, anxos.

3/4/11

Visitamos Santiago: Carta de Noelia

Querida amiga:
Que tal che vai todo por aí ? Espero que moi ben coma a min. Escríboche esta carta para contarche a viaxe que fixemos a Santiago o xoves desta semana, fágoo porque sei que estás lonxe e que botas de menos todo o de aquí, ademais Santiago é unha cidade marabillosa. A excursión realizouna o profesor de arte, a idea xurdiu de que no trimestre pasado estivemos estudando a arte románica e agora neste trimestre estamos coa barroca e como a catedral ten una mestura das dúas, ademais de outras tendencias, sempre é mellor velo na realidade que en diapositivas. Cando chagamos, despois de baixarnos do autobús e camiñar un anaco, demos coa Fachada do Obradoiro onde puidemos apreciar de primeira man o espectaculares que son as esculturas e as dúas torres que a forman. Foi dirixida, a súa construción, polo arquitecto Fernando de Casas e Novoa que seguiu o estilo barroco e tentou de solucionar tres grandes problemas como eran o de cubrir o Pórtico da Gloria de orixe románica, integrar o edificio no deseño da cidade e acoller a escaleira barroca que xa estaba empezada. É incrible como podían deixar ó abeiro do tempo o Pórtico da Gloria verdade? Coa cantidade de coidados que se lle dan agora para mantelo o mellor posible. A verdade é que a fachada é moi feitiña, a min gustoume moito e pódoche asegurar que das dúas veces que estiven na catedral antes do xoves, nunca vira nin a metade de todas as esculturas que alí se atopan. Despois entramos a dentro pero non puidemos ver o Pórtico da Gloria ben, porque está todo tapado para que os especialistas o estuden e o limpen para mantelo no mellor estado posible. Aínda así paseamos por dentro da catedral e pódoche dicir que é espectacular, sobre todo o altar que está moi decorado, onde, por certo, atópanse uns anxos feísimos que sosteñen ó apóstolo no altar maior, pero aínda que son horribles, no que se refire ó aspecto, están moi ben feitos porque levan unas vigas no medio que non se ven aínda que os rodees. Ademais se te fixas pódese apreciar nas columnas que están máis preto do altar que quedan restos de pintura, é incrible! e por certo todo o que hai no altar é de madeira policromada non sexas coma min que pensei que era mármore! Pero e que se che digo a verdade ten un aspecto tan robusto que non semella madeira! Cando rematamos de ver a catedral por dentro, fomos a una igrexiña moi bonita que hai alí xusto, que aínda que é pequena é moi linda, a capela da Corticela. Logo saímos de novo para fóra e rodeamos a catedral pasando pola Porta Santa que só se abre no ano Xacobeo e chegamos á Torre do Reloxo deseñada por Andrade que agora tamén se atopa con obras de restauración. Alí xusto, ó seu carón está a Fachada de Praterías, e dígocho de verdade que se te achegas ves como se nota que algunhas das esculturas que están alí non foron deseñadas para ser colocadas nese lugar, pero é todo moi espectacular. Tamén visitamos o Convento de Santa Clara que queda arriba dunha costa e que só se pode ver por fora porque alí viven monxas de clausura. O deseño dese convento é de Simón Rodríguez, é algo raro. Eu nunca pensei que o barroco fose así, nótase que nunca me fixei demasiado, din que se chama “barroco de placas” pero a verdade é que é moi fermoso. Despois tamén fomos así de imprevisto ao Museo do Pobo Galego, un museo no que nos sacamos fotos na tripla escaleira de caracol barroca de Domingos de Anfrade. Espectacular! Eu xa dixen que na miña casa hei de ter una igual. A verdade é que o pasei moi ben na excursión, o tempo pasouse moi rápido, supoño que é o que pasa cando algo che interesa. Cando estés de volta aquí, no verán, fágoche de guía unha tarde e explícoche todo, xa verás como a catedral é moito máis grande do que recordas. Un bico: Noelia.