A igrexa de Santa María a Grande, ou Maior, de Pontevedra foi elevada ao rango de Basílica polo Papa Xoan XXIII (1962) e na actualidade anda a preparar un magno Xubileo, amparada no seu milenarismo como parroquia. En palabras do seu actual párroco, “con esta celebración preténdese restaurar o legado histórico-artístico do templo, lembrar e divulgar a historia da parroquia, reavivar a vida e a fe da comunidade para impulsar un novo espírito solidario e convocar a celebración do milenio”. Asemade, convídanos “a considerar todo historicamente e a lembrar o pasado con gratitude, valorando que nos chegue a fe desde hai ao menos mil anos”.
A igrexa que coñecemos actualmente data do século XVI e foi erixida a costa do Gremio de Mareantes de Pontevedra sobre unha anterior igrexa románica. A máis antiga referencia a esta igrexa de Santa María, primeira parroquia de Pontevedra, provén dun documento dado por Fernando II concedéndolle ao mosteiro dos bieitos de Poio a metade das súas rendas. Ao que se ve, con este único dato, resulta difícil xustificar os mil anos de existencia da parroquia, mais iso non é obstáculo para que, con tal motivo, nos centremos nas consideracións históricas, artísticas e sociais da nova igrexa que se ergueu a costa dos gremios do mar e que nos relembra, en moitos aspectos, o best seller de Ildefonso Falcones,
A Catedral do Mar.
A basílica de Pontevedra tamén leva a mesma advocación mariana, foi igualmente construída sobre a pequena e antiga igrexa en datas semellantes e foi financiada polos mareantes da época. Mesmo a mestizaxe e interculturalidade que se desprende do relato catalán, aparece aquí da man dos tradicionais albaneis e retabulistas casteláns, dos avances técnicos clásicos de italianos e flamencos e do sentido pre-barroco dos pedreiros manuelinos achegados de Portugal. Diego Gil, Cornielles de Holanda e Johán Nobre, foron os mestres reunidos neste trivium pontevedrés para dar vida ao granito da ‘Perla da arte galega’, como a definiu Ambrosio de Morais, cronista do rei Filipe II.
Fotos e texto completo vía
A Nosa Terra.
1 comentario:
Sí, parece por lo que explicas que debe haber un paralelismo entre la Historia de estas dos catedrales. La de Barcelona es de un estilo diferente a "Santa Maria a Grande", pero está envuelta en este ambiente del mar y de los marineros, por supuesto muy próxima al mar y una maravilla arquitectónica del gótico. No he leído el libro todavía, tuvo mucha aceptación.
Esta catedral es muy bella, la de Pontevedra. Saludos afectuosos.
Publicar un comentario