14/7/09

Arte e literatura: A praia dos afogados


Continuando coa pequena discusión establecida nos comentarios e que se iniciou a raíz na dunha entrada sobre novas propostas do estudo de arquitectura A-Cero, lede, por favor o seguinte parágrafo da obra en galego mais vendida nos últimos meses,

"-(…) Xa viches como deixaron a vila (Panixón en Nigrán) e a praia nuns anos. Non queda rastro das dunas, non queda rastro de nada –lamentouse-. Se polo menos o fixesen ben... Antes, cando os mestres de obra construían as casas, aquí non se facía algo feo nin a propósito. Ata as vivendas mais modestas tiñan algo... Non sei a quen carallo se lle ocorrería iso de substituílos por arquitectos. Mira ti o que lograron. Vivendas racionalistas, chamábanas. E sabes o que son en realidade? Unha merda, Caldiñas, iso é o que son. "

Porto de Panxón (Nigrán)

Para Anxova, blogmáster de Lérias Várias.

Domingo Villar. A praia dos afogados. Vigo, Galaxia, 2009, páx. 172-173.

Ilustración da portada do libro, vía Editorial Galaxia.
Foto do porto de Panxón vía: Vigo en fotos.

2 comentarios:

Anxo Varela dijo...

O grande problema do noso país, penso eu, é a ausencia de normas na práctica, ou a súa irrealidade. Cando visitei a Bretaña francesa sorprendeume a coherencia de todas as construcións, vellas e modernas, ao longo do territorio rural e mesmo nas vilas. Existen unhas tipoloxías con orixe nas tipoloxías tradicionais, ás que as vivendas novas deben adaptarse. É unha forma eficaz de conservar a personalidade, as características construtivas do territorio.

Na nosa terra semella que non existen ou non se respectan, ou están mal deseñadas, esas normas padrón que deberían estar pensadas para conservar a paisaxe. Mesmo aínda que exista un plan de ordenación e se respecte, é tan absurdo e restritivo que parece feito para castigar aos que non fan uso da famosa "picaresca" e non para regular e mesmo facilitar a construción.

A nosa paisaxe está botada a perder en moitos casos pola avaricia construtora. De lonxe a meirande parte das vilas galegas parecen mesmo un vertedoiro: masas desordenadas, con moita abundancia de branco e toques de cor rechamante por aquí e alá. Se fixéramos unha foto desenfocada sería imposíbel diferenciar unha vila galega dun vertedoiro: as mesmas distribucións de masas e cores.

Aínda así vaise mellorando algo, a pedra ou os elementos antigos agora comezan a ser valorados polos que restauran casas, mesmo algúns construtores e albaneis. O tempo da formica parece esquecido. Pero de cando en vez ocorren as barbaridades, como a destrución de Ares (A Coruña) en moi poucos anos de ladrillazo. Lembro que hai ben pouco existía na liña da praia un chalé indiano moi especial, unha vivenda co seu xardín, casa para o servizo... pero nun tamaño moi pequeno. Era un dos alicientes de pasar por Ares. Xa non existe. O vello invernadoiro da Camelia, tamén en Ares ou desapareceu xa ou está a piques de facelo, e era un lugar turístico, cun enorme e fermoso xardín cun grande paseo de camelias. Calquera concello converteríao nun parque público sen pensalo, pero alí está (ou estaba) condenado. Por non falar do noso patrimonio industrial, casas antigas e non tanto que caen a pedazos por unha lei demasiado tímida e cutre para protexer as vivendas abandonadas nas que as familias ricas non queren gastar.

Penso que a situación do noso patrimonio cultural e artístico é bastante penosa, tendo en conta a súa cantidade e calidade, e que podería ser unha importante fonte de ingresos para a nosa terra.

Grazas pola dedicatoria, penso que é un tema importante. O "agosto" dos arquitectos oportunistas a conta dos políticos que non saben nin quen foi Palladio nin Wright pero con tal de parecer modernos soltan a pasta... ou a dos aparelladores e arquitectos municipais que teñen chanchullos lucrativos nos concellos aos que se supón protexen, son problemas menores en comparación coa terríbel situación dos nosos patrimonios (histórico, artístico, cultural, natural, industrial...) e a pouca conciencia que existe sobre a súa fraxilidade.

Antonio Martínez dijo...

Pois, esta vez e sen que serva de precedente, estou de acordo.
Sempre sentín moito noxo polo xeito que tratamos o noso patrimonio (natural, paisaxístico, arquitectónico...) e aínda mais cando saíndo de Galicia vemos como o coidan noutras partes. Sen dúbida as culpas/responsabilidades están moi repartidas: políticos que permiten barbaridades, sociedade civil que non soubo poñer en valor o que temos e non demandou a súa protección, promotores sen escrúpulos, arquitectos que tería que voltar ás facultades, e os galegos que queremos construír onde nos dea a gaña porque se é noso o solar quen me pode impedir que constrúa?

Os pequenos pasos que deu o bipartipartito (tanto desde a organización do territorio como desde Patrimonio) parece que non lle gustaron ao novo goberno. Seguramente veñen malos tempos...