A expansión do cristianismo e a súa vinculación ao poder político a partir do reinado de Constantino, e posteriormente a expansión do Islam, han transformar totalmente a sociedade do momento, que substitúe a confianza nas institucións e na razón por unha visión transcendente do mundo que deriva en puro teocentrismo. A crenza e a fe impóñense aos designios do Home, ao que tamén contribúen o crecente poder e influenza da Igrexa, a ruralización da economía europea ao caer o Imperio Romano de Occidente, ou á mesma turbulencia política da época, que fixo súa a inestabilidade e o medo da xente ás invasións, as guerras, as doenzas, etc., caldo de cultivo idóneo para a superstición e o misticismo.
A proxección de todo este cambio radical na arte foi igualmente decisiva. Ao cabo, a arte clásica era un reflexo daquel mundo ordenado pola razón do Home, que tanto gregos coma romanos se obstinaran en afirmar. É a razón de que se prodigase o naturalismo e se apostase por un acusado antropocentrismo, todo isto enmarcado sempre no soño da proporción, a harmonía e maila perfección técnica.
Mais, desaparecido o Imperio Romano, os criterios do clasicismo dilúense coa mesma facilidade ante o empuxe dunha nova mentalidade que se abre a un mundo completamente distinto. A arte será naturalmente reflexo dese novo mundo interpretado agora desde a relixión, poñendo en circulación unha estética da idealización, do simbolismo, da desnaturalización da realidade, da súa distorsión mesmo, como expresión dun contorno que non é deste mundo senón reflexo do celestial. O mesmo poder político, asociado ademais ás institucións relixiosas, aprovéitase desta tendencia, o que favorece unha arte de carácter propagandístico que deriva no hieratismo cando non, como é o caso da arte bizantina, en auténtico cesaropapismo.
Todo isto devén nunca arte con intencionalidade que é diferente. Non así os recursos plásticos ou as solucións técnicas, que durante moito tempo han seguir tendo como referencia inevitable o legado clásico; pero si a súa significación. No campo da arquitectura, consérvanse ou trátanse de imitar resaibos da edilicia romana, buscando agora que as concepcións espaciais suxiran constantemente a presencia divina, por veces conseguida a través do elemento ornamental, por veces a través de recursos lumínicos ou mesmo de novas formulacións estruturais.
Como consecuencia final, a arte da Idade Media xa non é unha arte da medida e da realidade, senón da idealización; nin o é do concreto, senón da abstracción; non é unha arte para a afirmación da realidade, senón para a contemplación e a interpretación; por isto é unha arte de lecturas ideográficas e cun importante compoñente intelectual.
Fotos: INICIARTE
No hay comentarios:
Publicar un comentario