15/12/07

IGREXA DE SANTA MARIA DE CAMBRE

O aspecto actual da igrexa é unha consecuencia das transformacións producidas pola importante campaña de reconstrucción realizada entre 1825 e 1833. A súa importancia ven dada pola introdución de fórmulas protogóticas no románico rural galego. Ten a súa orixe na fundación dun mosteiro nobiliario familiar (Traba) no século IX. Ten planta basilical con tres naves divididas en catro tramos concibidas para unha cuberta de madeira a dúas vertentes, un transepto saínte dunha soa nave e unha cabeceira con deambulatorio aberto a cinco capelas absidiais. Apréciase un marcado constante entre o corpo, arcaizante, que se ofrece como unha adaptación de solucións composteláns a unha igrexa rural non abovedada, e a cabeceira que ten a xirola de estrutura complexa, ao xuntar formas románicas con outras xa góticas.

Despois de que se considerara que a primitiva igrexa do mosteiro ficara anticuada, a finais do XII iniciouse a construción da actúal, principiando pola fachada occidental, os muros e as naves. Outro mestre canteiro iniciou posteriormente os traballos de pechar os muros do transepto e da cabaceira. Nunha terceira fase o mestre Micahel Petri, con inspiración do compostelán Mestre Mateo, realiza a xirola e as pilas da capela maior e o coro. Co abovedamento do deambulatorio (anular) e da capela maior (cascarón), e coas cubertas do cruceiro e do transepto, ademais das do último tramo das naves rematarían os traballos arquitectónicos.

O corpo da igrexa: naves compartimentadas en catro tramos desiguais por piares de núcleo cadrado con semicolumnas pegadas. Nave central de dobre anchura cas laterais. Muros con semicolumnas que se corresponde a contrafortes exteriores. Os muros están reconstruídos nas súas derradeiras ringleiras, pero a súa altura orixinal debeu ser case a mesma. Ao exterior, o muro norte aparece fragmentado por cinco contrafortes semellantes ao esquerdo da fachada, namentres que o muro sur só conserva tres, xa que foi eliminado o máis occidental e é probable que o quinto nunca existira. Como consecuencia dos distintos despefectos e amaño que sufriu a igrexa, os muros carecen no seu remate dos canzorros típicos de toda cornixa románica.

A fachada occidental: articúlase en tres corpos que reflicten a organización do interior. Dous robustos contrafortes enmarcan a portada. Outro máis pecha a fachada no ángulo NO (o do SO probablemente fora destruído polo corredor que une a igrexa coa casa reitoral) Os contrafortes centrais teñen unha columna pegada de discutible función (¿algún tipo de cuberta?, ¿soster algún placa?, ¿xustificable por se mesmas?) A esquerda e dereita ábrense dúas xanelas. A da esquerda, decorada con cinco arquiños de ferradura e flores no seu tímpano, deriva da das Praterías. A da dereita cos seus cinco arquiños pentalobulados carece de paralelismos. O segundo corpo da fachada está ocupado por un rosetón (decorado con diversas molduras e un círculo interno de arquiños de ferradura e unha celosía perforada por oito óculos radiais) sobre o que hai unha cornixa sen adornos que sirve de base á espadana. Por encima do contraforte dereito, e embutida parcialmente nel, sobresae unha torre con escaleiras de caracol.

No tímpano destaca a mensaxe do Agnus Dei levado en gloria por dous anxos. O año é o Cristo sinalado por Xoán no Xordán, aquel en quen se cumpría a profecía de Isaías. Baseada nesta idea, e lembrando o sacrifico pascual, a primitiva igrexa empregou a imaxe do Cordeiro para representar a Deus que é o Salvador e Víctima. Para amosar o seu trunfo sobre a morte, deulle como estandarte a cruz e rodeou a súa cabeza cun nimbo. O clípeo (moldura circular na que se inscribe o año) de perfil lobulado, é de orixe paleocristiá. Este Agnus Dei de Cambre é un caso único xunto co de Moraime.

O tímpano apoiase sobre dúas ménsulas decoradas con anxos. A da esquerda amosa un mozo imberbe cun enorme libro (símbolo da Verdade revelada co que han de representarse ós Apóstolos). A da dereita va cuberto cun manto sacerdotal e sostén unha cartela (símbolo do coñecemento imperfecto e da Antiga Lei).

Os capiteis historiados da portada occidental tamén merecen a nosa atención. O capitel da xamba dereita é o mellor conservado. A figura da esquerda é un anxo que sostén unha balanza que se inclina para o seu lado. A outra figura, de aspecto monstruoso pero con proporcións humanas, é o diaño (cabeleira e barba erizadas, corpo espido e patas de ave. Representa ó arcanxo san Miguel, sostendo a balanza do Xuízo e enfrontado ó diaño. O capitel da xamba esquerda está moi deteriorado, a penas pode distinguirse unha figura con ás sostendo un escudo co brazo esquerdo e coa man dereita empuña unha lanza que funde nas fauces dun monstro.

Na arquivolta externa da portada occidental destaca o grupo formado por Daniel e os leóns (escena realmente única nunha arquivolta) ademais dunha grande cantidade de animais que se pode interpretar como animais impuros dos o fiel debe absterse, como animais inmundos indignos de penetrar no santuario. A súa presencia alí marcaría os límites entre o santo e o profano. Ás imaxes do pecado, representado polos animais, oponse a figura de Daniel, nome que significa “Deus é o meu xuíz”, en alusión á proba que padeceu en tempos do rei Ciro e da que saíu victorioso posto que foi auxiliado por Deus. Ademais Daniel semellar meditar sobre un libro aberto o que aludiría ao seu carácter de home sabio e tamén ás revelacións que o arcanxo Gabriel lle fixo (Nunha das súa visións Daniel profetiza que, no remate dos tempos aparecerá Miguel, defensor do pobo elixido, e se salvarán os que estean inscritos no libro)

O tornachuvias ou texaroz atópase sustentado por seis canzorros, un en “proa de barco” e os outros figurados: dous animais tombados, un home cun libro no colo, un músico tocado un instrumento de corda cun arco, unha cabeza de cuxo e a cabeza dun fero animal (lobo ou león)

En conxunto parece que na portada occidental se insiste nunha idea: a da fe e a da esperanza que deben animar a vida do cristián. Ao fiel se lle fala da morte do corpo e do xuízo da alma; tamén se lle amosan os perigos da vida. Mais se lle abre a porta da esperanza: alí está o Cordeiro de Deus e san Miguel e Daniel.

A cabeceira: o conxunto absidal, integrado pola capela maior, a xirola e a cora de absidiñas, son as partes máis sobranceiras do templo. As únicas partes non alteradas por obras posteriores son as absidiñas de solucións protogóticas (sistema de luces)

Na reforma do século XIX arreglouse a cuberta do deambulatorio, abovedando a capela maior e o cruceiro, construíronse os muros norte e sur do transepto, enlousouse o cruceiro e a xirola.

A Hidria de Xerusalén que se atopa na igrexa foi, segundo a tradición, unha das hidrias nas que Cristo converteu a auga en viño no milagre das vodas de Caná. Probablemente foi traída a Cambre por algún nobre templario nos tempos das cruzadas (no ¿século XII?). A hidria consiste nun enorme recipiente pétreo de case un metro de alto cunhas paredes de superficie irregular e aspecto lamentable, debido ás moitas raspaduras ás que foi sometida ó longo dos séculos. O obxectivo era proceder á obtención de po da pedra para aliviar as doenzas máis diversas. O desgaste producido foi tal, que, das dúas asas que tivo noutro tempo a penas se fican restos, e, dos relevos que decoraron a copa, borráronse moitos detalles.

1 comentario:

Sarinsky dijo...

Estoy completamente segura de que cuando vuelva a ver esta espectacular iglesia no la veré con los mismos ojos con que la miraba antes,y es que ahora que "entiendo" el arte me doy cuenta de cosas que antes ni me llamaban la atención como las pequeñas absiditas,que ahora tienen otro significado.