8/1/15

Igrexa de Santiago de Betanzos (A Coruña)


Como as outras igrexas góticas de Betanzos, a de san Francisco tamén substituíu a outra anterior. A actual é do século XV e foi mandada reedificar por Fernán Pérez de Andrade, O Mozo. O seu escudo, e o da súa dona María de Moscoso e Montaos, pódese apreciar en varios lugares do templo.

É de planta basilical con tres naves, sendo a central a máis ancha, tres ábsidas coa central  heptagonal, pentagonal a da Epístola e cuadrangular a do Evanxeo. Dous pares de elementos sustentantes dividen o interior en cinco tramos formados por piares que teñen pegados semicolumnas tanto nas frontes como nas esquinas, descansando, o conxunto, sobre pedestais. Os seus capiteis son, aínda, de tradición estética románica, con decoración vexetal, animais fantásticos e algunha escena bíblica.

A capela maior ten bóveda de cruzaría con nervios que repousan en semicolumnas, rematando algunhas en ménsulas. Unha imposta percorre os panos desta capela, que ten arco triunfal apuntado decorado con molduras. Está iluminada por tres ventanais rasgados con parteluz e óculo nas enxoitas, cubilladas por chambranas ao exterior. Tamén recibe luz de dous rosetóns calados, sen o da dereita foi cegado pola torre municipal pegada ao edificio. A torre gótica foi reformada nos séculos XVII e XIX, a última vez para colocar o reloxo municipal.

A cuberta do templo, a dúas augas, é de madeira cun artesoado de fins do século XIX.

Polo hastial sur ábrense catro capelas que retocan a planta do tempo. A primeira é a do Arcediano ou de san Pedro e san Paulo. Ten bóveda de cinco claves con combados e terceletes que repousan sobre ménsulas. Dúas xanelas iluminan o espazo. Contén dous sepulcros con arcos conopiais rematados por pináculos. Está pechada por un enreixado de ferro, con retablo de Cornniellis de Holanda.  A seguinte capela é do XV, tamén posterior á fábrica do templo. É pequena e está cuberta con bóveda de cruzaría sinxela e nos capiteis dos arcos de acceso  e das columnas acubilladas hai diversas escenas de carácter relixioso e profano. A seguinte capela é xa do século XVI, con bóveda de cinco claves e logo outra tamén do mesmo século, contendo o sepulcro dos fundadores, os irmáns García de la Torre, mais a súa arquitectura foi moi alterada posteriormente ao tratar de recrear a gruta de Lourdes.

A porta principal, semicircular ao exterior, ten arquivoltas con diversas series de figuras vexetais e animadas. No centro hai un Cristo baixo dosel franqueado pola súa nai con Neno co colo e por Santiago Apóstolo ademais dos restantes apóstolos e outros santos. Tamén no tímpano volve representarse Santiago da cabalo cunha doncela axeonllada aos seus pés. Os catro pares de columnas acubilladas que sosteñen a fachada teñen capiteis de influencia románica. Esta fachada foi reformada en 1900, suprimíndose a torre orixinal ao tempo que se levantaron outras dúas rematadas por longas agullas de cemento cun certo aire neo-medieval.

A porta lateral norte é apuntada, con sinxelas molduras, un par de columnas acubilladas e unha cruz en baixo relevo no tímpano. Da porta lateral sur fica o tímpano empotrado e no extremo dun longo túnel resultado do levantamento de dúas das capelas xa citadas. Por esta porta, chamada da Santa,  entraban os peregrinos con dirección a Santiago e que logo saían pola porta principal. Na actualidade só quedan as súas imaxes do século XVIII.

Neste templo tiñan altares votivos as confrarías de xastres –a Trinidade- e dos labregos –santo Antonio Abade-.  Corresponderanse estas gravuras exteriores con eses gremios?. Recentemente un xornal daba novas explicacións.

Fontes documentais:
- “Betanzos” na Gran Enciclopedia Galega”, T-3.
-Ponce Couce e Sánchez García. Galicia. Guía do Patrimonio Arquitectónico. Oleiros, Vía Láctea, 1998.

Fotos: INICIARTE.