Non sei cantos centos de veces teño pasado pola A6 ao carón
do indicador de “San Cebrián de Mazote”, na provincia de Valladolid, sen coller o desvío pertinente. Pois
ben, hai pouco tempo, collímolo.
Nunha pequeña vila duns cen habitantes, preto dun antigo
convento amurallado, hoxe convertido en residencia particular, atópase a igrexa
de san Cebrián, tamén coñecida como san Cipriano. Habitualmente catalógase como
unha obra mozárabe,termo enormemente discutido e discutible.
Non están moi claras as súas orixes posto que carecemos de
datos certos sobre a súa orixe. Polo perímetro da planta, parece ser que sobre
unha igrexa central visigoda do século VII, reconstrúese unha estrutura
basilical prerrománica a comezos do século X, con achegas mozárabes. Un
documento de 952 indica que no ano 916, os monxes do monasterio de San Martín
de Castañeda poboaron o lugar de “Monzoute” identificado coa localidade actual
de San Cebrián de Mazote. Pese ás continuas campañas de Almanzor polos
territorios circundantes, San Cebrián de Mazote non se viu afectado ao estar
situado nunha paraxe illada.
Entre as primeiras empresas dos monxes mozárabes procedentes
de Córdoba estivo a reconstrución desta igrexa de San Cebrián de Mazote,
aproveitando columnas e capiteis de edificios romanos e visigodos. A igrexa de
Mazote é unha singularidade de trazado en toda a arte cristiá español, posto
que posúe dúas naves cruzadas con ábsides nos catro extremos, ao xeito dalgúns
monasterios orientais; a igrexa máis próxima deste tipo é unha basílica
norteafricana do século VI; desde logo, a forma non ten moito que ver cos
monasterios medievais e si con igrexas martiriales de dobre ábside.
Nesta igrexa acumúlanse moitas reformas e restauracións de
mala calidade que ocultan o primitivo. Se se toman como orixinais os datos
internos da planta, pode verse que o edificio estaba formado por dúas naves de
4,80 metros de ancho, con cimborrio cadrado; a nave de crucero medía doce
metros de lonxitude entre os centros das dúas ábsidas opostas, de 2,40 metros
de radio, e a nave lonxitudinal é de 27,20 metros, de lonxitude interior con
ábsides opostas de 2,40 e 3,20 metros de radio. A disposición e o sistema
métrico son os normais nas igrexas centrais visigodas, aínda que aquí con maior
riqueza de dimensións e de formas, pola agregación de ábsidas nos extremos das
naves.
A disposición das naves interiores e dos arcos e bóvedas
debe ser froito dunha reparación do século X, con materiais e técnicas moi
pobres fronte á magnitude da planta e a riqueza dos fustes e capiteis amoreados
desde procedencias distintas. Os fustes son de mármores, diámetros e alturas
moi diversos, polo carrexo desde outras construcións; entre eles hai algún de
estrías torsas, e os que se colocaron na restauración da porta do ábside
oriental teñen unha trama reticulada e arquillos superpuestos como as peltas
das celosías visigodas.
Hai capiteis romanos, visigodos de distintos tipos e un bo
número dos bizantinos leoneses, moi parecidos aos de San Román de Hornija, que
só dista trinta quilómetros cara ao sur. Non existe orde nin correspondencia
entre os estilos e a colocación dos capiteis, que son habitualmente de
distintos diámetros que os fustes sobre os que descansa, nin existen cimacios
de ningún tipo. San Cebrián de Mazote parece o resultado de reconstruír sobre o
perímetro dunha igrexa central do século VII, unha estrutura basilical con
soportes traídos doutros monumentos, e técnicas de albañilería musulmá, que é o
único atribuíble a época mozárabe.
Durante o século XVI cóbrense as naves por unha armadura de
tirantes, a dúas vertentes, que non permiten distinguir as naves laterales, e
inutilizando o claristorio da paredes da nave central. As últimas reformas do
templo prodúcense nos séculos XVIII e XIX. A finais do século XVIII barroquízase
o templo cubrindo o cruceiro cunha cúpula sobre pechinas e a nave central con
bóveda de canón con lunetos, aparecendo pintado o ano 1778 na cúpula. No século
XIX constrúese a portalada con espadana que se atopa aos pés do templo.
Mentres as naves cóbrense con teitume plano de madeira, o
resto dos espazos está cuberto con bóvedas de arista e noutros con bóvedas
gallonadas, de clara ascendencia cordobesa.
En canto ao seu decoración esculpida, o conxunto de capiteis
que soportan os arcos de separación entre as naves, tallados a trépano, permite
observar o desenvolvemento dun tipo de decoración novo e que chega a producir
exemplares de gran calidade.
A antigüidade e importancia artística desta igrexa comeza a
ser coñecida a partir do ano 1902, cando Agapito e Revilla y Lampérez trazan os
planos e realizan un estudo do conxunto, e entre os estudiosos que se ocuparán
do monumento será Gómez-Moreno quen o adscribe ao estilo mozárabe e quen
propoñerá a forma orixinal do templo, proposta que será trasladada
posteriormente, salvo algúns detalles, aos sucesivos proxectos de restauración.
Durante o periodo de 1932-1934 restáurase o monumento,
interpretando a cabeceira e incluíndo a ábsida central de planta de ferradura,
seguindo uns modelos considerados máis xenuinos, e deixan sen acabar as bóvedas
e o cimborrio, por non ter claro o remate. Entre 1941 e 1944 finalízase a
restauración, colocando as bóvedas e o cimborrio, e as partes restituídas
constrúenas con ladrillos para diferencialas das partes orixinais. A cuberta da
igrexa estaba moi deteriorada e en poucos lugares podíase apreciar a súa forma
orixinal, pero do cruceiro non quedaba nada, e a reconstrución faise seguindo o
modelo da igrexa de Santiago de Peñalba, utilizado como arquetipo. Durante o
ano 1990 realízase a última intervención dirixida polo arquitecto Salvador
Mata.
No hay comentarios:
Publicar un comentario