31/05/11

Esculuras en Chicago (III): Kapoor



Popularmente coñecida como “A faba”, esta obra do escultor indo-británico Anish Kapoor, recibe o nome de Cloud Gateo u Porta da nube. Está situado no parque máis céntrico e visitado de Chicago, é dicir, no Millenium. Foi construída ente o 2004 e o 2006, estando composta por 168 placas de aceiro inoxidable soldadas, mais non o parece ao exterior grazas a un perfecto puido. Mide 10 m x 20 m x 13 m e pesa unhas cen toneladas.

Ademais dunha faba tamén semella, ou non?, unha gota xigantesca de mercurio líquido onde se reflicten os rañaceos da capital de Illinois, os nubes, ou os seus miradores…

Fotos INICIARTE

28/05/11

Españistán de Aleix Saló

26/05/11

Esculturas en Chicago (II): Miró


Orixinariamente esta obra foi coñecida como O sol, a Lúa e unha estrela. Ten unha ducia de metros de altitude.






A realización desta obra de Miró semella un conto de nunca rematar pois xa en 1961 pensárase no artista catalán para o deseño dunha escultura con destino a ese pequeno e céntrico lugar (diante do edifico do Condado de Cook) é dicir, a Praza Brunswick. Tras visitar a cidade, Miró presentou a unha comisión a súa proposta escultórica que, por diversos motivos, non foi realizada ata 1980-1981. Aproveitouse o 88 cumpreanos do artista para, o 22 de abril de 1981, inaugurar a obra realizada con varios materiais: cemento, aceiro, cerámica e bronce.






Un modelo en bronce desta obra atópase no Museo de Arte de Milwaukee, que os seguidores de INICIARTE, xa coñecen.




Fotos: INICIARTE.

23/05/11

Esculturas en Chicago (I): Picasso



Chicago é unha cidade que no seu centro, “The Loop,” amósase orgullosa de se mesma, cal obra de arte. Por riba, converteu os seus espazo públicos, rúas, prazas, parques, en lugares axeitados para a arte máis contemporánea ao fomentaren a colocación de senlleiras esculturas. A primeira das cinco que vos amosarei é unha de Picasso.

Este touro de Picasso está situado na Praza do centro Cívico (Civic Center Plaza) e está acompañada doutra de Miró (que veremos en días vindeiros), diante dun edificio de Mies van der Rohe e ao lado do City Hall (a casa do concello da cidade). Foi inaugurada o 15 de agosto de 1967, como agasallo (non cobrou nada) do artista á comunidade de Chicago. Está realizada en aceiro. Despois da morte do malagueño universal, o alcalde da cidade afirmou “Pablo Picasso pasou ser unha parte permanente de Chicago, quedando unido para sempre a unha cidade que admirara pero que nunca viu, nun pais que nunca visitou".

Hoxe ademais desta obra, pódese ver unha maqueta e un debuxo no Art Institute de Chicago.

Centro Cívico Plaza (Civic Center Plaza)
50 W. Washington Street
Chicago, Illinois 60602

Fotos: INICIARTE

20/05/11

Fin de curso: Blade runner

Como nos últimos minutos do mellor filme de anticipación da historia, despedimos hoxe este curso de Historia da Arte 2010-2011: con emoción e líquidos elementos no rostro.

Hoxe despedimos a outra promoción... outra? Non, son un conxunto de alumnas e alumnos moi especiais...

Non sei se a materia e o docente foron tan emocionantes como esta escena pero sempre intentei transmitirlles algo da miña paixón pola arte, da miña emoción ante as obras que comentamos xuntos... agardando que nunca "eses momentos se perdarán no tempo coma bágoas na choiva..."


18/05/11

Bauhaus e o deseño

Para ir rematando o curso, un vídeo sobre a Bauhaus

16/05/11

Sen comentarios (XXVIII): Vivenda con "vistas"



Pois efectivamente unha nova vivenda con "vistas”, situada na avenida Valle Inclán de Oleiros (A Coruña).

A quen se lle ocorre facer unha gran xanela cara ao muro do veciño?

Despois de estudar na clase a importancia na historia da arquitectura contemporánea de Le Corbusier, Mies van der Rohe ou o “Movemento Moderno”, atopámonos con isto. Tantos anos de arquitectura para facer un van sen ter en conta a súa ubicación?

11/05/11

Art Museum (Milwaukee, WI) de Calatrava


Unha das intencións confesables neste blog da pasada viaxe a Chicago era achegámonos ata o estado de Wisconsin e coñecer a centro da cidade de Milwaukee e o seu Art Museum onde o español Santiago Calatrava fixera hai xusto dez anos unha ampliación, o pavillón Quadracci. Non é un arquitecto que me entusiasme, máis ben todo o contrario, pero esta obra sorprendeume por, (unha intervención no espazo, unha escultura con interior máis ca arquitectura) ter unha relación directa coa cidadanía (está perfectamente integrada coa contorna) e cos visitantes (é acolledora, práctica, asumible). Ademais facilitoulle á cidade de Wilwaukee toda unha icona da modernidade.

Os extractos seguintes son do discurso de Calatrava na inauguración en outubro de 2001 (están celebrando o seu décimo aniversario):


"Para min, o proxecto de ampliación do Museo de Ar
te de Milwaukee foi unha oportunidade para axudar a sacar o máximo partido dunha situación extraordinaria.

O deseño non é resultado dun bosquexo. Saíu dunha estreita colaboración cos clientes ... que verdadeiramente quería de min a mellor arquitectura que p
odía facer. A súa ambición era crear algo excepcional para a súa comunidade.

En lugar de engadir algo aos edificios existentes, tamén quería engadir algo á beira do lago. Por iso, traballei para infundir o edificio cunha certa sensibilidade á cultura do lago, barcos, velas e a paisaxe sempre cambiante.

A extensión, como tal, é unha especie de pavillón, transparente e lixeira, que contrasta coa masiva e compacta construción de Saarinen . Chegar desde o Pavillón Quadracci, como un brazo estendido á cidade, é unha ponte.

Ademais de ser un enlace á cidade, a ponte é parte dunha composición. O seu mastro inclinado transmite un sentido de dirección, do movemento, que foi tomado polo teito, os cables, e as marquesiñas que se estenden a cada lado. Estas liñas fortes culminará no Burke Brise Soleil , que se traduce o seu dinamismo no movemento real.

Espero que ... non deseñamos un edificio, senón un pedazo da cidade
. "



Tras ver as miñas fotos, déixovos dous vídeos. Hai sorpresa.




Deixo para outra ocasión o contido artístico deste magnífico museo.

09/05/11

Sen comentarios (XXVII): O Stadium de Chicago

Outra cousa sorprendente, outra máis para SEN COMENTARIOS. Cando regresaba de ver a Robie House no campus universitario de Chicago, ao saír dun túnel, tiven unha breve visión imposible de crer: o que parecía un moderno recinto deportivo estaba asentado sobre unha recreación dunha construción greco-romana. Non din creto. Desde entón tiven especial interese en localizala e poder vela mellor. A primeira oportunidade foi desde a Torre Sears:













Despois, e de camiño a algúns museos, puiden contemplala mellor
:














Finalmente, e mentres un tax
ista mexicano explicábame que alí xogaban a fútbol americano os Bears de Chicago e que o recinto recibe o nome de "Soldier Field", puiden tirar as seguintes fotos:




Tedes máis información sobre este recinto deportivo remodelado no 2003 na wikipedia.






05/05/11

Mies van der Rohe: o Pavillón de Alemania en Barcelona

O Pavillón Alemán para a Exposición Internacional de 1929 de Barcelona foi deseñado por Mies van der Rohe. O Pavillón de Barcelona, obra simbólica do Movemento Moderno, foi estudado e interpretado exhaustivamente á vez que inspirou a obra de varias xeracións de arquitectos. Foi deseñado por Ludwig Mies van der Rohe (1886-1969) como pavillón nacional de Alemaña para a Exposición Internacional de Barcelona de 1929. Construído con vidro, travertino e distintas clases de mármore, o Pavillón concibiuse para albergar a recepción oficial presidida polo rei Afonso XIII xunto ás autoridades alemás.

Tras clausura da Exposición, o Pavillón foi desmontado en 1930. Co tempo converteuse nun referente clave tanto na traxectoria de Mies van der Rohe como para o conxunto da arquitectura do século XX. A significación e o recoñecemento do Pavillón levaron a pensar na súa posible reconstrución.

En 1980, Oriol Bohigas impulsou esta iniciativa desde a Delegación de Urbanismo do Concello de Barcelona, e Ignasi de Solà-Morais, Cristian Cirici e Fernando Ramos foron os arquitectos designados para a investigación, o deseño e a dirección da reconstrución do Pavillón.

Os traballos iniciáronse en 1983 e o novo edificio inaugurouse en 1986 na súa localización orixinal.

Materiais
Cristal, aceiro e catro tipos distintos de mármore (travertino romano, mármore verde dos Alpes, mármore verde antigo de Grecia e ónice dourei do Atlas) foron os materiais utilizados na reconstrución. Todos eles das mesmas características e procedencia que os utilizados inicialmente en 1929.

A orixinalidade de Mies van der Rohe no uso dos materiais non radica na novidade dos mesmos senón no ideal de modernidade que expresaban a través do rigor da súa xeometría, da precisión das súas pezas e da claridade da súa montaxe.

A cadeira Barcelona
Mies van der Rohe deseñou, especialmente para o Pavillón, unha cadeira a base de pel e perfil metálico que, co tempo, converteuse nunha icona do deseño moderno. Proba diso é que a cadeira Barcelona é un modelo que aínda se produce e comercializa na actualidade.

A escultura de Georg Kolbe
A escultura é unha reprodución en bronce da que co título de Amencer realizou Georg Kolbe, artista contemporáneo a Mies van der Rohe. Está maxistralmente situada nun extremo do estanque pequeno, nun punto onde non soamente se reflicte na auga senón tamén no mármore e nos cristais, dando a sensación de que se multiplica no espazo e contrastando as súas liñas curvas coa pureza xeométrica do edificio.



Texto vía: Fundación Mies van der Rohe. Imaxes de INICIARTE.
Máis información en: QUETGLAS, Josep. El Horror Cristalizado: Imágenes del Pabellón de Alemania de Mies Van der Rohe. Ed. Actar, 2001.
SOLÁ-MORALES, Ignasi de. Mies Van Der Rohe: El Pabellón de Bárcelona. Ed. Gustavo Gili.

04/05/11

Finalista no V Premio Espiral Edublogs 2011



Pois efectivamente, e por terceiro ano, este blog foi designado Finalista na quinta edición do premio internacional de blogs educativos, Edublogs 2011. Moitas grazas.

03/05/11

Frank Lloyd Wright: O Templo Unitario

Como algo moi característico da arquitectura de carácter público de finais do XIX e principios do XX, o Templo Unitario de Wright no residencial e famoso barrio de Chicago, Oak Park (Illinois, EUA), caracterízase polo seu aspecto de fortaleza visto desde o exterior. Debemos lembrar que hai 25 edificacións deseñadas polo arquitecto nesta zona residencial.

Foi construído o templo entre 1906 e 1908 con formigón armado verquido, entón pouco habitual, en parte polo escaso orzamento previsto, 45.000 dólares.

Son dous bloques de formigón en forma de cubo: un para o templo e o outro para as actividades non eclesiásticas, separados polo recibidor.

Os muros exteriores non teñen vanos ata a altura do primeiro andar co obxectivo de garantir privacidade no interior así como para evitar o ruído ocasionado pola principal rúa de Oak Park. Una vez no primeiro piso, as paredes convértense en muros de cristal que chegan ata o teito permitindo que a luz chegue a todos os lugares do interior. Nun boceto sobre o interior o arquitecto escribiu: “Cara a parte superior, ilimitado. O espazo interior, pechado só por mamparas”. Ademais en todo o interior da igrexa, ponse de manifesto, a gran sensación de espazo, onde catro grandes piares soportan a teitume mais deixando espazo para moitas fontes de luz natural.

Anos despois Wright escribiría “Inundei os nichos laterais con luz procedente da parte superior para conseguir na sala un efecto similar ao dun día con moito sol e moi alegre. Atendendo a esta sensación da luz, as claboias de ámbar forman forman o teito central situado entre os catro grandes piares. A luz do día ficaba cribada entre as vigas de formigón que se entrecruzaban e filtrada entre as mamparas de de ámbar cenitais. Deste xeito a luminosidade tería a calor da luz do día, xa chovera ou brillase o sol”.

Finalmente hai que salientar que este “Unity temple” foi deseñado para a Unitarian Universalist Congragation e foi o que Wright denominou a primeira expresión “dunha arquitectura totalmente nova”.

Bibliografía: Bruce Brooks Pfeiffer. Wright. Taschen, 2004

Chicago. Santillana, 2008



01/05/11

Fran Lloyd Wrigt: A Robie House

A pesares de non ser un dos meus arquitectos favoritos Frank Lloyd Wright está moi presente en INICIARTE xa que foron varias as entradas realizadas sobre, probablemente, o arquitecto estadounidense máis influínte do século XX. Deste xeito e por orde cronolóxica, xa escribimos sobre Wright co gallo dun vídeo sobre unha exposición, cunha selección de vídeos sobre a Robie House, sobre a mesma Robie House, sobre a súas Casas da Pradería, sobre a Casa da Fervenza, sobre a exposición conmemorativa do 50 anos de Museo Guggenheim de Nova York e sobre a exposición aos 50 anos do seu pasamento. Pois ben hoxe toca lembrar o xa escrito sobre a Robie House e presentarvos as miñas fotos sobre a mesma tras poder visitala hai poucos días en Chicago.



"A Casa da Pradería máis famosa de Wright foi a Casa Robie en Oak Park (1906-09), Chicago, Illinois.
A relación entre o cliente, o enxeñeiro e construtor de bicicletas Frederick C. Robie, e o arquitecto foi moi intensa durante o período de deseño da vivenda. O cliente desexaba unha casa que estivera moi protexida contra os incendios, que non tivera espazo pechados en forma de bloques e non lle gustaban nadas elementos decorativos como as alfombras ou as cortinas. E, ademais e loxicamente, desexaba unha vivenda que resultara práctica de habitar, que funcionara como unha máquina. "Sabía o que quería, e quería obter o que eu quería e ao diaño con todo o demais," dixo Robie no Foro de Arquitectura de 1958.
A vivenda está organizada en dúas zonas moi marcadas, a pública, orientada cara a rúa, e a de servizos que mira cara o outro lado. Como noutros exemplos das súas Prairie House, o andar baixo conta coa zona de xogos, calefacción, lavadeiro e despensa así como o acceso desde un lateral. Tras subir as escaleira atópase unha gran peza con cheminea no centro que serve para dividir o comedor e a sala de estar. Os dormitorios están no terceiro andar.
O arquitecto acadou enormes aleiros grazas ao pioneiro emprego de aceiro na estrutura da casa, con dúas grandes vigas que discorren lonxitudinalmente ao longo de toda a vivenda, ancorándose na cheminea.
Todos os mobles foron deseñados polo arquitecto, mesmo chegarían a ser moi famosas a mesa e as cadeiras do comedor".

FOTOS: Iniciarte.
BIBLIOGARFÍA: Bruce Brooks Pfeiffer. Wright. Taschen, 2004.