28/7/09

Fotografía: "Paul Strand. No principio foi Manhattan"

Artigo que publiquei o domingo 26-VII-09 en Galicia hoxe.

Un libro feito en Galicia recibe o premio á mellor obra de fotografía do ano

PhotoEspaña 2009 premia o volume de Rafael Llano ‘Paul Strand. No principio foi Manhattan’, editado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, coa coordinación técnica, o tratamento de imaxes, o deseño e a maquetación da empresa galega de artes gráficas tresCtres e coa fotomecánica e impresión da tamén galega Eurográficas


O certame PhotoEspaña 2009 acaba de dar a coñecer os seus premios anuais. Na categoría de Mellor Libro de fotografía de España o gañador foi Rafael Llano polo volume Paul Strand. En el principio fue Manhattan, editado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, coa coordinación técnica da empresa galega de artes gráficas tresCtres, coa supervisión e tratamento de imaxes de Juan Rodríguez / tresCtres, co deseño e maquetación de tresCtres e coa fotomecánica e impresión de Eurográficas. Como vemos, un libro feito en Galicia e por galegos.

O xurado que ditaminou este prestixioso galardón estivo composto por Gisele Tavernier, crítica de arte do Le Journal des Artes; Alberto Corazón, deseñador; Pablo Berástegui, coordinador do Matadero de Madrid; e Alberto Anaut, presidente de PhotoEspaña.

Esta obra foi editada como catálogo da exposición Paul Strand. Retrospectiva 1915-1976, que desde o 3 de xuño de 2008 e ata o 11 de xaneiro de 2009 se puido contemplar nas sedes da Fundación Barrié da Coruña e de Vigo. O catálogo recolle 114 orixinais vintage de todos os períodos da carreira do fotógrafo norteamericano e foi posible grazas á colaboración da Aperture Fundation de Nova York, depositaria do Arquivo Paul Strand, e do Philadelphia Museum of Art. O libro, ademais das fotografías orixinais de Strand, vai ilustrado con outras de fotógrafos tan salientables como Alfred Stieglitz, Lewis Hine, Clarence White, Dorothea Lange, Walker Evans, Behn Shahn, Arthur Rothstein, Mathew Brady e Alexander Gardner.

O profesor Rafael Llano Sánchez, que o foi o comisario da mostra, realizou un profundo estudo da obra do Strand ao longo das 440 páxinas de texto (o libro conta tamén coa tradución ao inglés polo que o número total de páxinas se eleva ata as 598). As primeiras páxinas da obra xa son moi clarificadoras da personalidade do fotógrafo: estudou na Ethical Cultural School de Nova York, que fora creada segundo os principios pedagóxicos do John Dewey; recibiu, fóra do horario lectivo como actividade extraescolar e desde 1906, as primeiras nocións de fotografía do seu profesor de Ciencias, nin máis nin menos que de Lewis Hine, o fotógrafo da chegada dos inmigrantes á illa de Ellis en Manhattan. Anos máis tarde e recordando as actividades que facía con Hine,
Paul Strand afirmaría que grazas ao seu mestre comprendería que "a fotografía é un dos medios de expresión máis significativos da nosa época".

Sendo imposible dedicarse profesionalmente á fotografía, Paul Strand alternou o traballo no negocio familiar coa súa actividade fotográfica nas fins de semana, ao tempo que continuaba a súa formación artística, coñecendo as exposicións que sobre as vangardas artísticas –fundamentalmente europeas– se expoñían en Manhattan, así como experimentando coa súa cámara fotográfica con luces difusas e lixeiros desenfoques. Tamén experimentaría, e mesmo se dedicaría profesionalmente, co cinema. Mais axiña definiría o seu propio estilo, influído por Stieglitz, cunha fotografía directa e sen ningún tipo de alteración posterior ao propio disparo. É a época dos retratos de estudantes, do traballo na Clínica Mayo, da fotografía publicitaria, das primeiras viaxes e dos primeiros filmes de reportaxe social (lémbrese o seu Heart of Spain, editado por Strand e Hurwitz e que amosa a visión republicana da Guerra Civil Española). Co tempo, Paul Strand foise instalando na fotografía de forte contido social.

Un dos feitos que marcaría vitalmente a existencia deste fotógrafo foi a inclusión da Photo League, que utilizaba a fotografía como arma defensora dos dereitos civís en Norteamérica e na que Paul Strand participara desde os seus inicios, nas listas dos grupos "comunistas ou subversivos" da época da caza de bruxas iniciada polo xeneral McCarthy. Se con anterioridade a este incidente Strand xa iniciara unha serie de viaxes (Nova Inglaterra, México), desde entón a categoría da "viaxe" incorporaríase, xunto ao retrato, definitivamente á súa axenda profesional. Foi así como chegou a Europa en 1949 (xa estivera en 1911), instalándose definitivamente en Francia en 1950.

Os seus novos traballos serían froito da estadía de varios meses, e mesmo nalgunha ocasión dun ano, en lugares onde necesitaba familiarizarse e simpatizar coas xentes e paisaxes. Foi precisamente nos seus traballos nas viaxes (anacos da realidade en branco e negro) así como nos retratos das xentes dos lugares que visitaba ou de persoeiros famosos como Picasso, onde mellor se poden apreciar as cualidades artísticas deste extraordinario fotógrafo.

Foi Paul Strand un fotógrafo que evolucionou desde o pictoralismo imperante no Camara Club de Nova York, á experimentación de enfoques e obxectos a retratar para situarse preto das vangardas artísticas europeas, e que camiñaría axiña cara a unha máquina obxectiva, a un traballo sinxelo e sorprendente, na busca da espontaneidade das xentes a retratar ata chegar a unha metodoloxía sumamente realista: non hai alteracións posteriores ao disparo, non hai buscas de efectos alleos ao retratado, só o tempo recollido nun instante. Xa no final dos seus días escribiría: "Onde queira que vaia parar, no suroeste americano, en México, nun pobiño de Italia, en Ghana ou en Exipto, en Marrocos ou nas Illas Hébridas, busco os signos desa prolongada asociación que proporciona a cada lugar a súa cualidade peculiar e que creou o perfil das súas xentes."

No hay comentarios: