9/1/08

O Mestre Mateo e a Catedral de Santiago


O Mestre Mateo traballa en Compostela desde 1168. O tímpano do pórtico foi colocado en 1188. A súa obra manifesta unha formación en múltiples fontes que sinalan ao mestre como unha personalidade única no ambiente hispano do seu tempo. O Mestre Mateo coñece a arte que se está a facer na España septentrional, cristiá e románica, e na meridional, islámica. Tamén coñece Mateo outras fórmulas empregadas na Europa Occidental, sobre todo Italia e Francia. A súa formación de artista é, pois, dunha amplitude case incomprensible.



A súa obra pode caracterizarse polo naturalismo das esculturas do Pórtico, a creación dun canon de beleza, a idealización, a expresión clara de ideas, o interese polo vulto redondo, suaviza o modelado das cabezas na busca da serenidade, brandura nos panos, relevo pouco profundo, finura das guedellas, proxección dos pregues cara aos lados, emprego dun característico escote de embude co seu fronte plano. Tratamento individualizado das figuras, expresividade facial, dinamismo, indicios de movemento, perda da frontalidade e da rixidez románica, coherencia grupal.

Son características que achegan ao Mestre Mateo ao mundo gótico.


O Mestre Mateo dirixirá a fachada e o pórtico occidental da catedral, o coro, o claustro e rematará as naves do edificio.

Fronte á concepción medieval do artista como un artesán, o Mestre Mateo acadou notoria importancia en vida, como revela un documento no que Fernando II comprométese a que “como pensión, concédoche a ti, mestre Mateo, que posúes a primacía e o maxisterio da obra do citado apóstolo (Santiago), cada ano a percepción de dous marcos á semana, sobre a miña metade de moeda de Santiago,... de xeito que esta percepción te represente cen morabetíns anuais. Esta pensión... doucha durante toda a túa vida”. Trátase dunha pensión excepcional para un artista excepcional.

No hay comentarios: