Cunha certa frecuencia vou a Barcelona, e, sempre que podo,
escápome ata Santa María do Mar e pago os cinco euros (antes era de balde e non
había turistas, agora se desexas vela tranquilamente hai que pagar)
A primeira pedra do templo actual foi posta o 25 de marzo de
1329, como o testemuñan as dúas lápidas, unha en catalán e a outra en latín,
postas unha a cada lado da porta da rúa de Santa María. A última clave de
bóveda, a máis próxima á porta principal, que trae o escudo da cidade, foi
posta o 3 de novembro de 1383. O templo foi consagrado polo bispo de Barcelona,
Pere Planella, o 15 de agosto de 1384.
Os autores do proxecto foron Berenguer de Montagut e Ramon
Despuig. Co paso do tempo as continuas guerras causaron tamén destrucións na
basílica. Pero nada se pode comparar coa destrución do 19 de xullo de 1936
cando Santa María do Mar queimou durante once días seguidos e foi destruído o
magnífico altar barroco e todas as imaxes e arquivos. Soamente quedaron as
paredes, as columnas e algúns vitrais máis altos aos cales non chegou o lume. A
súa restauración nestes últimos anos puxo máis de relevo o seu estilo gótico
elegante e sobrio.
A arquitectura gótica catalá do século XIV ten unha forte
personalidade manifesta na sobria horizontalidade dos seus edificios. Pode
dicirse que a basílica de Santa María do Mar é o exponente máis claro deste
xeito de construír monumentos en Barcelona ao longo do século XIV.
As naves laterais miden a metade da luz da central e con
isto móstrase xa que a composición geométrica do proxecto baseouse no sistema
coñecido na Idade Media como “ad
quadratum”, nun dos exemplos máis significativos de toda a historia do
gótico. A sensación que provoca a contemplación do templo é de lixeireza e axilidade. Isto prodúceno as 16 columnas
octogonais de 1,60 metros de groso. Dos seus capiteis arrincan os arcos
cruzados que enlazan os 13,2 metros de anchura que ten a nave central.
Engadindo a xirola, a lonxitude da basílica é de 80 metros
(equivalentes a 100 pés). A anchura é de 33 metros -suma da nave central, as
laterais e as naves das capelas-. Por iso, tendo en conta que a altura da nave
central tamén é de 33 metros, o deseño arquitectónico, visto de fronte, encaixa
dentro dunha circunferencia perfecta.
As fotos están tiradas co móbil.
No hay comentarios:
Publicar un comentario