24/11/14

Igrexa de santa María de Baiona (Pontevedra)


Cunha certa regularidade (“deportiva”)  visito a vila de Baiona e, sempre, a súa fermosa igrexa de santa María, colexiata entre os anos 1482, baixo o mandato do bispo don Diego de Muros,  e 1850. Ademais na última ocasión tiven a fortuna de que o párroco acompañoume nun percorrido polo interior.

Mirade como é esta edificación.

Coa influencia cisterciense do espectacular mosteiro de Oia, foi levantada a igrexa no século XIII sobre os cimentos doutra anterior. Os especialistas cualifícana de varios xeitos: románico de transición, gótico inicial ou gótico mariñeiro. Probablemente sexa un dos primeiros edificios góticos de Galicia.  Imos por partes.


Fachada
Monumental e sobria. Conta con rosetón e arquivoltas lixeiramente apuntadas na porta. Dous contrafortes marcan a porta occidental e crean a sensación de tres rúas, anticipando a división en naves do seu interior. Nas arquivoltas temos decoración xeométrica nas interiores e florais na exterior. Están sostidas sobre tres pares de columnas con capiteis moi desgastados de decoración animal e vexetal. O tímpano é liso e conta para o seu soporte con sendas figuras de cans (ou leóns?) nas ménsulas. A fachada está limitada por dúas torres nas esquinas, se ben unha delas non foi rematada. O fermoso rosetón central, de orixe románica, non é suficiente para rachar coa sensación de pesadez e de macizo que predomina nesta fachada. O conxunto parece estar máis inspirada no século XII e que no XIII.


Exterior
Destaca a sensación de fortaleza. Persoalmente gústanme moito os seus “peculiares canzorros”. Mais un aspecto que me desgusta especialmente. 

No seu lateral norte, onde hai unha capela do século XVI con bóveda estrelada e outra torre cadrada, aínda se pode ler aquela barbaridade imposta nos inicios do Franquismo pola que había que gravar obrigatoriamente o nome de José Antonio Primo de Rivera con mortos da parroquia correspondente rodeando unha cruz. Mortos dun bando da Guerra Civil. Pois ben, nesta fermosa igrexa de Baiona aínda non foron borrados. Aínda a lei de Memoria Histórica non foi cumprida.


Interior
De planta basilical, conta con tres naves, divididas en seis tramos, que rematan en ábsidas rectangulares. Os elementos sustentantes son piares de sección cadrada con columnas adosadas.  Sobre eles destacan os fermosos arcos apuntados. A cuberta é de madeira a dúas augas.

Na cabeceira, con tres ábsidas rectangulares como xa quedou dito, é de salientar a ábsida central pois está moito máis desenvolvida. Ten tres xanelas románicas. As tres ábsidas están cubertas con bóvedas de canón apuntadas

No seu interior tamén son moi salientables os seus capiteis xa que contan cunha ampla gama de recursos estéticos pois hainos vexetais, xeométricos ou historiados. Ademais sobre eles cóntase cunha gran moldura cadrada, tamén decorada con motivos xeométricos,  que sirve de soporte para o arranque dos arcos de faixa e dos formeiros. Unha moldura que lembra aos modillóns de rolo.

A pureza decorativa do seu interior lembra ben a influencia cisterciense do mosteiro de Oia.

Ademais pódense contemplar fermosas marcas de gremios, ademais das típicas dos canteiros.

En 1841 trasladáronse ao seu atrio varios cruceiros da vila.

As fotos son de INICIARTE.

1 comentario:

Ana dijo...

Gracias, Antonio, por este regalo. Mi padre era de Bayona y pasé muchos veranos en casa de mis abuelos. Tengo recuerdos preciosos de una Bayona muy distinta a la actual, que tenía mucho encanto.
Incluso empecé a hacer mi tesina (que luego abandoné) sobre esta Colegiata...
así que me ha gustado mucho esta entrada que reaviva mis recuerdos.
Saludos