21/6/12

Hopper e os interiores de oficinas

Hai algún tempo Iniciarte xa vos presentou a un dos pintores norteamericanos do século XX de maior pola crítica, Edward Hopper (1882-1967) Destacado representante do realismo do XX e un dos pintores máis recoñecidos do pasado século, sen embargo tal recoñecemento chegaríalle tras a morto porque durante a súa vida tivo que traballar como ilustrador. Parece ser que non era unha persoa especialmente alegre. Podemos caracterizar a súa obra pola claridade compositiva na busca da representación da realidade e da representación da soidade dos homes e mulleres contemporáneas que reflectían a sociedade da Gran Depresión. 

Hoxe desexo amosarvos algún cadros coa mesma temática: as oficinas. Porque permite apreciar algunhas das constantes do artista como son a soidade, a muller, os interiores, a arquitectura, o mundo urbano…
En De noite na oficina, 1940 (óleo sobre lenzo, 56,2 x 63, 5 cm. Colección Walker Art Center, Minneapolis) a pesares dos numerosos elementos que compoñen o lenzo, sen dúbida é a figura da muller  o centro da composición. Mesmo nos bocetos e estudos previos coñecidos desta obra, Hopper buscou  as formas e  as posturas da muller que máis a facían salientar, mesmo cun carácter sensual. Incomunicación, soidade, alineación...


En Oficina de Nova York, 1962 (óleo sobre lenzo, 101,6 x 139, 7 cm. Museum of Fine Arts, colección Blount,  Montgomery (Alabama) a nosa atención vai dirixida á muller que vemos a través do cristal dunha gran xanela e á que á luz confire un gran protagonismo. É o centro visual do lenzo como se unha estrela de cine se tratara xa que mesmo o cadro semella unha pantalla de proxección.

Pode resultar interesante someter estas dúas obras a unha pequena comparación, tendo en conta que hai unha diferencia de vintedous anos entre elas. Chama a atención, en primeiro lugar os distintos tipos de vista empregados, fronte ao picado da obra do 1940, na de 1962 vemos un punto de vista do espectador. Fronte a un fondo claro na noite, temos un fondo escuro no lenzo que reflicte unha hora cun forte sol. Fronte a un home que ten unha presenza destacada en De noite na oficina, en Oficina en Nova York, as outras figuras humanas están so esbozadas.

En Oficina en Nova York, o piar do edificio de oficinas, que recibe con toda rotundidade a forte luz solar, fai de eixo, separando tanto o exterior como o interior do edificio así como separando a oficina (con traballadores dentro) de outro edificio escuro, onde non é percibida ningunha figura e onde as cortinas verdes e amarelas so transmiten a tristura dunha calexa secundaria e sombría.

Unha obra intermedia, cronoloxicamente falando, é Oficina nunha cidade pequena, 1953 (óleo sobre lenzo, 71,7 x 101,6 cm. The Metropolitan Museum of Art, fondo George A. Hearn) onde o protagonismo recae  sobre unha figura masculina solitaria que mira con desgana (¿), con desexo (¿) o skyline da cidade. Xa non hai ningunha muller que protagonice a escena, xa non hai un fondo escuro con luz diurna. Mais a figura masculina aparece apartado do centro do lenzo, reforzando a súa insignificancia no mundo laboral, urbano e, mesmo, no persoal(¿) As formas en ángulo recto da súa oficina, así como o rectángulo branco e sen xanelas do lateral dun edificio, semellan pechar o espazo que é inalcanzable para o home. A casa que ten enfronte parece que puidera ser do século XIX e contrasta pola súa tonalidade. É un cadro que alude ao abandono, á desidia ou ao desexo non formulado.

Nos tres cadros, como no conxunto da súa obra, a luz actúa coma potenciador dos efectos a través dos fortes contrastes e a figura humana, ou figuras, aparecen en espazos que remarcan a súa soidade ou insignificancia. Nas tres obras é perfectamente audible o silencio onde o espectador é situado moi lonxe dos protagonistas.
 
Se tedes a portunidade de ir a Madrid este verán non deixedes de visitar a exposición no Thyssen. Podedes ver máis obras de Hopper na National Gallery of Art e na Webmuseum.


1 comentario:

Precios Televisores dijo...

que excelente entrada, me encantan las imágenes adicionales son sumamente propias para lo escrito.