23/11/09

O altar de Zeus en Pérgamo (I)


Na gran sala central do museo de Pérgamo, na Illa dos Museo de Berlín, áchase a reconstrución ao lado occidental do Altar de Zeus en Pérgamo, quizais o máis importante dos altares monumentais gregos. Datado entre 164 e o 156 a.C.


Sobre cinco chanzos érguese unha impoñente base que está dividida na zona lisa do zócalo e a zona do friso, de 2,30 metros de altura, rematado por unha cornixa moi sobresaliente e con dentículo. No lado occidental, unha escalinata de case 20 metros de ancho curta a base, que nun principio tiña forma case cadrada e que conduce a unha columnata; esta rodea toda a estrutura superior.


Sobre as delicadas columnas xónicas de baseas perfiladas e coroadas cunha cornixa erixíanse outrora numerosas acróteras: deuses, billas, centauros e cabalos. Interrompida tan só pola escalinata, a base do altar estaba rodeada por un friso en relevo de 120 metros de lonxitude. Ademais do friso do Templo de Atenea do Partenón, na Acrópole ateniense, este é o máis longo relevo do mundo helénico.


O friso representa a loita entre deuses e xigantes, un tema mitolóxico que reflicte as loitas entre os Gálatas durante a época dos reis de Pérgamo. O friso mostra a dramática loita de máis de cen figuras de tamaño maior que o natural; tanto deuses como xigantes están representados nun momento de enorme esforzo físico, e sobre todo nos vencidos percíbense tensións emocionais e gran sufrimento; a anatomía da dor traduciuse nun cadro de evidente realismo. O patetismo escultórico exacerbado, nun rebumbio de figuras que se retorcen dramaticamente, con atrevidos escorzos que pretendían rachar coa monotonía visual.


AUTORÍA

Adoitase adxudicar a autoría do Altar de Pérgamo á Escola de Pérgamo. Dita escola, lembremos que as escolas son características do período helenístico da arte grega, estivo caracterizada polo seu monumentalismo e por darlle á arquitectura un senso teatral descoñecido ata entón.


Foron máis de 40 os escultores que participaron na realización do friso exterior pero acadaron semellante unidade que, hoxe, é imposible identificar os obras de cada quen. O seu estilo sería cualificado como “da segunda escola pergamérica” que era coetánea co reinado de Eumenes II. Este rei encargou o altar para conmemorar a súa vitoria contra os celtas no Ponto e na Bitinia e para, grazas ao seu programa iconográfico, glorificar as súas xestas e dar unha ascendencia divina á liñaxe atálida. O seu sucesor, Atalo II, simplificou o proxecto do altar. O resultado final pode ser considerado como un auténtico precedente da Columna de Traxano que formulaba o traballo dun fondo con paisaxe no fondo (ata ese intre era plano) e outorgaba aos personaxes unha desenvoltura allea a toda grandiosidade épica.













MAQUETAS

Son especialmente significativas as maquetas expostas na sala. Tanto a da cidade de Pérgamo como a do propia altar de Zeus.


O proceso do seu descubrimento arqueolóxico (a partir de 1880), o do seu traslado a Berlín, así como a súa musealización (1930) queda para outra entrada. Como curiosidade cabe salientar que en 1945 as tropas soviéticas o trasladaron ao Museo do Hermitage. Finalmente, foi devolto en 1959.




E para rematar, outro pequeno vídeo caseiro:

2 comentarios:

Beni dijo...

Está moi ben: segue a darme ideas para as miñas próximas viaxes...

Antonio Martínez dijo...

De seguro que xa estiveches varias veces en Berlín, e, tamén, hai moito tempo. Tes que volver, querido Beni, aínda que non participes en ningunha carreira, tes que volver. Está impresionante.