9/4/09

A Fundación Caixa Galicia exporá "O bodegón español no Prado"


O Museo do Prado e a Fundación Caixa Galicia renovaron onte o programa de colaboración Prado Itinerante ata o ano 2012. Grazas ao acordo, a sede coruñesa da institución acollerá dúas mostras temáticas integradas polos fondos artísticos da pinacoteca.

Parece que ao Museo do Prado non lle chegan as 2.759.029 visitas recibidas durante o ano 2008, o máximo histórico desde a súa creación. No seu afán por difundir a cultura, o Prado renovou o seu convenio de colaboración coa Fundación Caixa Galicia para mostrar, a partir do próximo 24 de xuño, a mostra itinerante O bodegón español no Prado, que recompila 60 obras de 27 pintores como Zurbarán, Goya ou Van der Hamen.

Grazas ao acordo entre institucións, a Fundación Caixa Galicia exporá no período entre 2009 e 2012 dúas exposicións temáticas integradas polos fondos artísticos do Prado. O bodegón español no Prado tomará a substitución das dúas mostras itinerantes que chegaron á Coruña entre o 2006 e 2008: O retrato español no Prado. Do Greco a Goya e O retrato español no Prado. De Goya a Sorolla, esta última con máis de 50.000 visitas.

A primeira exposición do programa Prado Itinerante para o período 2008-2012 mostrará ao público coruñés o desenvolvemento do bodegón en España durante os séculos XVII, XVIII e parte do XIX, cunha coidada selección de obras que ofrecen unha completa visión histórica da evolución deste xénero.

Os contidos da mostra enriquecéronse especialmente grazas á recente adquisición, por parte do Museo do Prado, de 40 naturezas mortas españolas procedentes da colección privada de Rosendo Naseiro, moitas das cales forman parte do bodegón español no Prado.

Nos últimos anos, o Museo do Prado dedicou, entre outras, dúas exposicións a este xénero: Luís Meléndez. Bodegóns e O finxido verdadeiro. Bodegóns españois da colección Naseiro adquiridos para o Prado. Atendendo á liña de traballo desenvolvida polo museo a través do programa Prado Itinerante, a exposición O bodegón español no Prado servirá como complemento das dúas mostras previamente presentadas polo Prado na súa propia sede.

As obras dos grandes mestres do bodegón e doutros artistas que o traballaron esporadicamente, como Van der Hamen, Zurbarán (co seu famoso Bodegón dos cacharros), Pedro Camprobín, Juan de Arellano, Luís E. Meléndez, Luís Paret e Alcázar, Francisco de Goya ou Eugenio Lucas Velázquez, chegarán á Coruña, "para contar a historia do xénero", segundo afirmou o director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez López, durante a renovación do convenio.

O director do Museo do Prado, Miguel Zugaza, mostrouse satisfeito co acordo alcanzado e manifestou que a principal virtude do convenio é "achegar ao público que non ten a posibilidade de achegarse ao Prado unha serie de coleccións de gran importancia para a historia artística do país".

O programa Prado Itinerante, iniciado no plan de actuación 2005-2008 do museo como unha das dez accións máis importantes a realizar, consiste nun programa de exposicións temporais, estruturadas exclusivamente con fondos do Museo do Prado, que ten como obxectivo dar a coñecer as coleccións nas distintas comunidades autónomas.

Cada exposición conta coa publicación dun catálogo no que se recollen os estudos científicos das obras expostas, realizados polos distintos especialistas do Prado, ademais dunha serie de actividades educativas complementarias, deseñadas polo museo para cada sede que visite.

O pasado outono, Zaragoza recibía a primeira visita do bodegón español no Prado e a mostra conseguiu máis de 40.000 visitantes nos dous meses que permaneceu exposta. Esta semana, o ministro de Cultura, César Antonio Molina, inaugurou a segunda parada da mostra, no espazo cultural de Caixa Canarias de Santa Cruz de Tenerife, con máis de 5.000 escolares presentes.

A Coruña será a terceira parada na viaxe do bodegón español no Prado, que espera recibir en 2010 unha exposición sobre A Idade de Ouro da paisaxe nórdica. Un síntoma de que o público español sente moi próximo ás obras que o Museo do Prado expón en distintos puntos da nosa xeografía é que máis de 500.000 de persoas visitaron a última das mostras itinerantes, O retrato español no Prado.

Aquilo de se a montaña non vai a Mahoma está máis presente que nunca e parece que o Paseo do Prado está un pouco máis preto dos Cantóns, para formar unha gran avenida da arte.

Texto e fotos vía La Opinión de A Coruña.

2 comentarios:

Duncan de Gross dijo...

Es una auténtica gozada poder disfrutar del bodegón español, tuve la suerte de asitir a un curso sobre el bodegón en la pintura de Zurbarán hace unos 10 años y me marcó increiblemente, una genialidad de pintor, un gran post, saludetes!!

Antonio Martínez dijo...

Descubrí la calidad del bodegón hace demasiado poco tiempo. Pero sin duda es un placer poder contemplar estos cuadros de cerca.