Dentro da historia da arquitectura de Galicia, destaca poderosamente o barroco compostelán. Un pasado arquitectónico que vai desde as a tradición clasicista ata as complexas formas do XVIII. Será o arquitecto Fernando de Casas Novoa o encargado de deseñar, en 1738, a modificación da fachada occidental da catedral compostelá. As obras daríanse por rematadas o 28 de febreiro de 1750, facéndose, para conmemoralas, grandes festas. Casas Novoa acababa de morrer tan só uns meses antes. Casas Novoa concibe a fachada como unha gran pantalla visual que, realizada en granito da terra, debería protexer e iluminar o Pórtico da Gloria. Tiña varios condicionantes moi fortes: a fábrica románica, o contraforte na base da Torre das Campás, do século anterior, no lado dereito realizada por Xosé Peña de Toro e as escaleiras de acceso (1603-1606) á fachada de Xinés García que lembran extraordinariamente á Escaleira Dourada da catedral de Burgos. Filgueira Valverde entendía a fachada como un tríptico, cun claro dinamismo ascensional que finxía un interior máis amplo ao tempo que iluminaba intensamente o interior. Tamén desenvolveu a idea de que a fachada representa un magnífico arco de trunfo co que dar a benvida aos peregrinos preveñentes de lonxanas terras As trazas orixinais de Casas Novoa foron modificadas polo arquitecto á hora de enfrontarse coa realización da obra para ir gañando valor arquitectónico e ir decrecendo en contido ornamental. Probablemente o cambio máis chamativo fora a supresión dos dous arcos apontados cos que pensaba dividir a porta e sobre os que irían dous rosetóns xemelgos. A solución finalmente adoptada suprimiu ese carácter arcaizante e goticista dos dous arcos. A cuberta decorativa que fai Casas Novoa para as torres provocan un duro contraste entre o macizo e o gran van central, esa gran pantalla luminosa que sería un dos maiores vidros de ventá na historia da arquitectura anterior á revolución industrial. Queda así configurada unha fachada en tres partes ben marcadas: dúas torres de 74 metros e unha gran portada presidida por un espello enorme. Mais o arquitecto pretende unha fusión para que as tres harmonicen convenientemente e para iso deseña uns elementos cóncavos que unen as tres partes, fuxindo do ángulo recto ao tempo que imprime un elegante movemento á obra. Estes elementos cóncavos van decorados con volutas, trofeos militares, armaduras, cascos, bandeiras en alusión ás actividades guerreiras do apóstolo. É unha decoración recargada sobre os laterais e cara ao alto. Este arco de trunfo coas dúas torres laterais ten un claro compoñente vertical. Para Chueca Goitia “A fachada de Casa Novoa é sinxelamente xenial; o arquitecto logrou facer da necesidade virtude”. Ata entón a praza era denominada do Hospital (o actual Hostal dos Reis Católicos) mais comezará a coñecerse popularmente como a do Obradoiro. Lembrade que obradoiro sería o equivalente en castelán a “taller”. Foron moitos os anos que os canteiros traballaron no seu obradoiro da praza do Hospital... Outros persoas pensan que a fachada do Obradoiro chámase así porque a súa decoración lembra ao labor que fan os ourives. Mais non podemos rematar sen lembrar que esta obra xa foi criticada nos seus tempos por combinar formas clásicas con estruturas claramente medievais e tampouco sen recomendar a interesante reflexión que fai Artechachi, un dos meus blogs preferidos, sobre os musgos da catedral.
CAMILLE CLAUDEL
Hace 11 meses
2 comentarios:
Fantástica entrada, la verdad es que esta catedral me va gustando un poquito más cada dia (lo que más el interior exceptuando el altar mayor)
P.D: Gracias por recordar uno de mis últimos posts!! Obviamente tu blog también es mi prefe!!
Besos
A min sucédeme o mesmo. Cada día gústame a súa riqueza arquitectónica, a súa historia, os seus problemas, as súas obras,a súa complexidade, os seus laberintos, os seus corredores, a súa tribuna, os seus tellados, en definitiva, a súa vida.
Publicar un comentario