20/3/09

Zaera remodelará a Praza de María Pita na Coruña

La Voz de Galicia informa do seguinte:

O Concello formalizou a semana pasada o contrato co arquitecto Alejandro Zaera Polo para a reforma da praza de María Pita e a substitución das polémicas terrazas. Este contrato pechouse case un ano despois de que o alcalde, Javier Losada , tivese os primeiros contactos co técnico madrileño e anunciase a súa intención de modificar esta contorna urbana.

Desde o estudo de arquitectura Foreign Office Architecture (FOA), con sedes en Barcelona e Londres, explicaron que o documento oficial chegoulles fai apenas uns días e, polo tanto, aínda non tiveron tempo para organizar o equipo e porse a traballar neste proxecto. «Normalmente tardamos uns quince días en pór en marcha o equipo desde que nos chega a confirmación oficial, así que ata dentro dunha semana non comezaremos a traballar no proxecto de María Pita», explicou Alejandro Zaera.

En canto aos prazos que marcou o Concello, o arquitecto confirmou que espera ter terminado o traballo no prazo de tres ou catro meses, co que a finais do mes de xuño poderá presentar a súa proposta para a reforma da praza. Polo tanto, se os trámites administrativos non se demoran, como moi pronto as modificacións poderían comezar a executarse a finais deste ano. Segundo explicou Alejandro Zaera, polo momento non houbo cambios no encargo que lle realizou o alcalde e o seu traballo centrarase en facer unha diagnosis dos problemas urbanísticos e arquitectónicos da praza así como unha serie de propostas «de como debe afrontarse a situación», asegurou.

Desde o Concello aclararon que os responsables do goberno local mantiveron varias reunións con diversos arquitectos de renome para encargar a elaboración do estudo e a proposta de reforma. Despois, o Concello convocou o concurso e, entre todos os aspirantes, elixiuse a Alejandro Zaera. Finalmente, o pasado 9 de decembro adxudicouse de forma provisional a elaboración do estudo estético da praza de María Pita ao estudo do arquitecto madrileño e a xunta de goberno realizou a adxudicación definitiva pouco despois.

Portavoces municipais confirmaron que, debido aos trámites administrativos, con toda seguridade a reforma non se afrontará este ano. Ademais, unha vez que o estudo FOA presente a súa proposta, o Concello deberá decidir se o acepta e, no caso de que así sexa, convocar o concurso para a súa execución.

Texto e foto vía La Voz de Galicia.

2 comentarios:

Luis dijo...

A ver como la dejan. ¿A ti qué te parece Zaera?

Antonio Martínez dijo...

Sen dúbida, Luis é un dos tipos máis interesantes que temos (aínda que sexa en Londres)