Giovanni di Mone Cassai, Masaccio (1401-1428). O Tributo. 1424-28. Fresco sbre muro; 255x598 cm. Capela Brancacci, Igrexa do Carmine (Florencia).
Este fresco está situado na parte superior do lateral esquerdo da capela Brancacci e conta a chegada de Xesús co seus apóstolos a Cafarnaú segundo o Evanxeo de san Mateo. É unha composición narrada entres episodios: no centro atopamos a o recadador pedindo o tributo a Cristo quen indica a Pedro que na auga atopará os cartos; na esquerda contémplase a Pedro sacando unha moeda da boca do peixe e na dereita obsérvase o pago.
O Tributo supón unha das primeiras composicións que desenvolven dun xeito coherente os principios tanto científicos como intelectuais do renacemento.
Co este fresco culmínase a busca renacentista pola aplicación de criterios racionais e matemáticos á arte pictórica. Chama poderosamente a atención que a escena non estea centrada no miragre senón na vontade de Cristo, coma unha secuencia racional de causa-efecto, ademais é Cristo, sobre o que os seus seguidores forman un compacto círculo, o que crea unha realidade plástica das masas coordinadas polas súa central figura. Esta masa compacta, de bloque, marca un profundo sentido de solidariedade e de unidade dos apóstolos co seu mestre. Ademais este sentido de unidade refórzase coa evidente isocefalia. No fondo, as montañas, espidas, con cores frías e con árbores secas que marcan perdidas direccións de perspectivas e recordan claramente á figura de Giotto.
O conxunto forma unha construción racionalista e sistemática do espazo, xa que o espazo está organizado por un sistema de perspectiva: as matemáticas axudaron a Masaccio a atopar a unidade na súa construción espacial e a dispoñer todos os elementos dun xeito lóxico. Así teremos unha composición tranquila e grandiosa asentada sobre eixes verticais. A luz incide con dureza en todo o grupo e permite facer unha graduación tonal nas cores.
Existen varias interpretacións sobre este fresco: desde unha que alude á reforma tributaria de Florencia do 1427, outra que aludiría ao comercio marítimo aludindo á profesión de Felice Brancacci, e outras interpretacións refírense ao papa Martiño V quen intentou acadar máis poder mediante o cobro de tributos.
Vasari analiza, en 1550, a obra do seguinte xeito:
"Entre outras, é moi notable a historia onde san Pedro, para pagar o tributo, saca o diñeiro do ventre dun peixe, por orde de Xesús. Porque aparte de que se ve un apóstolo que é o propio retrato de Masaccio pintado con axuda dun espello, dun gran realismo, é tamén notable o ardor co que san Pedro cumpre o mandato e a atención que prestan os apóstolos en diversas actitudes ao redor de Cristo, esperando a resolución con xestos tan reais que parecen vivos. E sobre todo o san Pedro, que, esforzándose en sacar o diñeiro do ventre do peixe, ten a cabeza sombreada por estar inclinado. E moito máis cando paga o tributo, escena na que se pode apreciar a emoción do que conta e o afán do que recada, que se mira o diñeiro na man con gran fruición."
Giorgio Vasari. Las vidas de los más excelentes arquitectos, pintores y escultores italianos desde Cimabue a nuestro tiempos. Tecnos, 2001, páx. 211.
Créditos da imaxe superior , do medio e da inferior.
Bibliografía: Giulio C. Argán. Renacimiento y Barroco I. De Giotto a Leonardo da Vinci. Akal, 1987.
2 comentarios:
Esta obra la recuerdo con mucho cariño, la verdad es que me encanta. Me gusta eso de representar 3 escenas en una misma obra.
Besos
Pois nada, terei que levarte, tamén, a Florencia...
Publicar un comentario