"A Fundación María José Jove abre unha mostra de artistas coruñeses.
A colección reúne as obras de creadores como Caruncho, Luis Seoane, Urbano Lugrís ou Correa Corredoira.
Esta exposición foi organizada para conmemorar o 800º aniversario da Coruña
A Fundación María José Jove non quería acabar o ano sen brindar a súa particular homenaxe á cidade da Coruña, que celebra o 800.º aniversario da súa fundación. Por este motivo, decidiu organizar unha gran exposición, na que un dos eixos principais é que as obras que se exhiben -todas pertencentes aos fondos da entidade fundacional- foron creadas por artistas nacidos na provincia coruñesa, ou que tiveron unha gran vinculación con ela.
80 Obras de artistas coruñesas / 800 anos é o título co que se decidiu bautizar esta mostra, que estará aberta ata principios do próximo mes de xaneiro, e «que ofrece aos visitantes un paseo polas manifestacións e movementos artísticos que deixaron pegada na nosa cidade nos últimos dous séculos», como manifestou onte o alcalde coruñés, Javier Losada , quen tamén destacou a gran calidade de todos os cadros.
Non en balde, esta colección conta con pezas dalgúns dos mellores pintores e creadores da historia de Galicia, e que representan distintas xeracións e estilos, como Lugrís, Díaz Pardo, Abelenda, Llorens ou Caruncho. De feito, un dos obxectivos da mostra é dar a coñecer a importancia que a cidade tivo na súa obra, tanto como motivo de inspiración como por ser o lugar onde se concibiu."
Texto e fotos vía: La Voz de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario